
As consecuencias da vaga de incendios forestais deste verán na provincia de Ourense chegaron este venres á Comisión de Agricultura do Parlamento Galego, que debateu unha Proposición non de Lei do Bloque Nacionalista Galego na que se pedía que, de forma excepcional, se permitise ás explotacións agrogandeiras afectadas pastorear nos terreos queimados e arbitrar as medidas necesarias para que poidan seguir cobrando as axudas da PAC por estas superficies, sen vérense tampouco penalizados ou obrigados a devolver as axudas cobradas en anos anteriores ante a imposibilidade de manteren os compromisos adquiridos.
A iniciativa contou co apoio do PSOE pero foi tumbada pola maioría absoluta do PP, que lembra aos gandeiros afectados polo lume que poden solicitar a excepcionalidade de pastorear zonas queimadas se demostran que quedaron sen outra alternativa para alimentar ao gando.
A Xunta tramita excepcións por razóns de forza maior para evitar posibles penalizacións nas zonas onde o lume impide cumprir coa PAC
O deputado do BNG Secundino Fernández alertou de que a imposibilidade legal de pastoreo nas zonas queimadas, segundo establece a lexislación vixente, “faría imposible a permanencia das explotacións de gando extensivo nas zonas afectadas”.
Ademais, a normativa da PAC, impide o cobro de axudas por estas superficies, polo que alertou dos “graves problemas” relacionados aos que se enfrontan as explotacións gandeiras das zonas afectadas polos lumes, como consecuencia de non poderen manter os compromisos adquiridos para a percepción das axudas. “Estas explotacións recibían axudas agroambientais da PAC que poden ter serias dificultades para percibir ou mesmo ter que devolver as contías xa cobradas en anos anteriores”, advertiu.
Autorizacións excepcionais de pastoreo previa solicitude
A deputada do Partido Popular pola provincia de Ourense, Cristina Campero, asegurou que “a Xunta leva semanas traballando de xeito coordinado co Goberno central e coas autoridades comunitarias para garantir que as explotacións afectadas polos lumes non perdan os dereitos nin as axudas da PAC”. “A Consellería está a priorizar as excepcións de forza maior alí onde o lume fixo imposible o cumprimento da PAC e así evitar as posibles penalizacións ou devolucións das axudas”, reiterou.
Campero recoñeceu que “houbo un dano sen precedentes” por mor dos lumes pero acusou á oposición de “manipular os datos e usar cifras infladas”. O sistema europeo Copérnicus cifra en 150.000 as hectáreas queimadas, pero Campero asegurou que non son as estimacións correctas porque “Copérnicus solapa incendios e contabiliza superficies de Portugal e Castela e León”. “Non é cuestión menor falar de datos reais, porque son os que se usan para as indemnizacións e as axudas e tamén para as excepcións de pastoreo”, xustificou.
A normativa forestal impide o pastoreo en zonas queimadas por un período de 2 anos
“A Consellería xa informou fai semanas aos gandeiros afectados sobre como facer as solicitudes”, asegurou a representante do PP. A normativa forestal prohibe, con carácter xeral, calquera actividade de pastoreo en zonas queimadas durante un período de dous anos, a contar desde o 31 de decembro dese ano, polo que “non se pode facer excepción con carácter xeral”, dixo, “porque se abre unha porta moi perigosa para o futuro”. “Débese acreditar que a explotación gandeira non ten outras alternativas”, avanzou.
Ademais, xustificou, “non todas as zonas permiten o pastoreo inmediato, hai que avaliar caso a caso”. “Unha excepción xeral é tecnicamente inviable, legalmente arriscada e politicamente demagóxica”, concluíu.
Máis de 500 explotacións e 12.000 vacas
En total, nos lumes que afectaron a Oímbra, Macizo Central, A Mezquita, Larouco e Valdeorras, segundo os datos oficiais da Consellería do Medio Rural, hai 508 explotacións de vacún de carne e 12.665 vacas, que o deputado do BNG detallou concello a concello: “En Chandrexa de queixa queimáronse 9.800 hectáreas e hai 48 explotacións de vacún de carne con 948 vacas; en Vilariño de Conso, onde arderon 6.600 hectáreas, hai 21 explotacións con 277 vacas; na Gudiña, con 5.300 hectáreas queimadas, hai 19 explotacións e 401 vacas; en Manzaneda arderon 5.200 hectáreas e hai 25 explotacións e 385 vacas; na Mezquita, con 3.400 hectáreas ardidas, hai 36 explotacións e 832 vacas; en Laza, 3.400 hectáreas queimadas, 14 explotacións e 265 vacas; en Viana do Bolo, con 3.300 hectáreas ardidas, 74 explotacións e 1.346 vacas; na Pobra de Trives, 3.000 hectáreas queimadas, 49 explotacións e 765 vacas; na Veiga, 2.500 hectáreas queimadas, 33 explotacións e 1.289 vacas; en Montederramo, 2.400 hectáreas queimadas, 72 explotacións e 3.335 vacas; en Maceda, 2.400 hectáreas queimadas, 55 explotacións e 1.558 vacas; no Bolo, 1.400 hectáreas queimadas, 17 explotacións e 297 vacas”, enumerou.
Galego








Control OJD