Piden que se inclúa o ovino e cabrún no decreto de comercialización directa e de sacrificio na propia granxa

Piden que se inclúa o ovino e cabrún no decreto de comercialización directa e de sacrificio na propia granxa

Xornada de formacion de Ovica en Lugo.

A Asociación de criadores de ovino e cabrún de Galicia (Ovica) celebrou recentemente en Lugo as súas III Xornadas Formativas de Incorporacións e Plans de Mellora.

Este ano as xornadas foron organizadas grazas ao apoio da Oficina de Extensión Agraria de Castroverde e a colaboración co CIAM-Ingacal. Como en edicións pasadas, a xornada desenvolveuse nun día único no que os rapaces/zas e interesados/as recibiron unhas ponencias informativas na sesión da mañá e puideron coñecer de primeira man como funciona e se manexa unha granxa tipo de ovino e outra de cabrún.

A primeira charla, impartida polo enxeñeiro agrónomo de Ovica, Carlos Rodríguez, abordou a potencialidade na comercialización da produción de ovino e cabrún galega en sistemas extensivos e semi-extensivos de crianza, a través da marca de garantía “Pastores de Galicia”, aprobada recentemente pola Consellería de Medio Rural. Neste sentido, salientou que a marca é a ferramenta que o sector demandaba e precisaba para emprender unha profesionalización definitiva no mesmo.

Na segunda ponencia, impartida por Rubén García Cabana, enxeñeiro agrónomo e técnico responsable das axudas acopladas de ovino e cabrún na Delegación Territorial da Consellería de Medio Rural en Lug, incidiu nas principais novidades da PAC na presente campaña. E aínda que fixo un repaso sobre todas as orientacións produtivas, centrouse nos requisitos e compromisos que se esixen para o cobro das axudas vinculadas a este sector.

Ovica demanda que se inclúa o ovino e cabrún no decreto de comercialización directa e de sacrificio na propia granxa

Dende Ovica consideran que a obrigatoriedade de xustificar un 60% de movementos de saída de cordeiros ou cabritos para a percepción da axuda “en certa medida é necesaria para profesionalizar o sector e fomentar o uso dos matadoiros e cauces normalizados de comercialización”. Sen embargo, inciden na necesidade de acompañala doutras medidas sectoriais estratéxicas, como a inclusión do sector de ovino e cabrún no decreto de comercialización directa e de sacrificio na propia granxa, xa que tal e como está redactado o borrador queda totalmente excluído.

Os gandeiros/as da asociación entenden que as reducidas dimensións da maioría de explotacións condiciona que se repercutan uns elevados custes de transporte e de maquila nos matadoiros que despois non poden ser trasladados ao prezo final de venta en parte condicionado pola competencia con outro tipo de carne de menor calidade, procedente de fora de Galicia a un prezo moito máis baixo e pola propia natureza da maioría das explotacións.

Necesidade dun plan estratéxico para o ovino e caprino de Galicia e matadoiros móbiles

Diego Fernández González, recén elixido presidente de OVICA no mes de marzo, considera de vital importancia e urxencia que “dende a Consellería de Medio Rural se elabore un plan estratéxico global para todo o sector en Galicia, non únicamente para as razas autóctonas, que representan unha minoría sobre a totalidade”. Tamén demandou que se articulen políticas que favorezan a promoción e difusión da marca de “Pastores de Galicia”, a única que aglutina a todo o sector.

Ao mesmo, dende Ovica demandan que se favoreza a implantación do uso de matadoiros móbiles e salas de despezamento particulares, como xa existen noutros países (Dinamarca, Francia, Holanda, etc…). “A concepción ética no relativo á produción cárnica suprimiría o transporte ao matadoiro favorecendo, así, o benestar dos animais, ao sacrificalos na propia granxa ou nun punto próximo dentro do seu contorno e eliminando o estrés asociado”, destaca Diego Fernández.

Este concepto inclúe tamén inclúe a trazabilidade dixital, permitindo ao cliente saber con precisión a granxa da cal procede o animal, reforzándose o vínculo entre gandeiros e consumidores.

Nos últimos 3 anos incorporáronse 65 novos gandeiros a este sector

Carlos Rodríguez, técnico de Ovica, comenta que cada día máis xente moza incorpórase a esta actividade. Como dato, nos últimos 3 anos, asociáronse 65 novos gandeiros propiciando un cambio xeracional. Estes rapaces, máis formados e preparados, demandan unha mellor atención e asesoramento integral en tódolos aspectos que non atopa noutros ámbitos da administración ou da empresa privada.

Na maioría dos casos son rapaces que non proceden do ámbito rural e que non tivo vinculación coa actividade agrogandeira, o que dificulta un pouco o proceso de aprendizaxe e formación dos mesmos, pero que tamén propicia que sexan máis receptivos/as e o proceso de asesoramento teña mellores resultados xa que evita a adopción de conductas de manexo, alimentación, reprodución ou control sanitario herdadas de forma inaxeitada.

Pola tarde os rapaces/zas tiveron a oportunidade de coñecer as instalación de Gemma San Pedro Jiménez propietaria da gandería Cabuxa Natur S.C. en Guntín, con preto de 300 cabras; e a granxa de 300 ovellas de San Salvador S.C. preto de Ombreiro, no Concello de Lugo e xestinada por Javier Rodriguez Picado e a súa familia. Son dous casos opostos, o primeiro foi unha nova implantación regresando ás terras da familia, mentres que no caso de Javier, tomou as rendas no relevo xeracional ao fronte da explotación herdada dos seus pais.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información