Piden que se amplíe o prazo de presentación dos plans de mellora

Tanto Unións Agrarias como a Fruga advirten de que o colapso administrativo derivado do coronavirus impide adxuntar en tempo toda a documentación requerida, como licenzas de obra ou informes sectoriais

Piden que se amplíe o prazo de presentación dos plans de mellora

Foxa de xurro. / Arquivo.

A crise do coronavirus dificultou a tramitación en tempo dos plans de mellora de explotacións. Moitos están pendentes de documentación complementaria, sobre todo de licenzas de obra ou informes sectoriais. A falta de menos dun mes para o remate do prazo, o 15 de setembro, Unións Agrarias e a Fruga piden en sendas notas de prensa que se amplíe ese prazo.

O sector daba por feito que o periodo de presentación da documentación alongaríase de xeito automático en 79 días adicionais, correspondentes ós días en que estivo en vigor o estado de alarma, pero a Xunta interpretou que ese aumento de prazo non procedía.

Así as cousas, Unións advirte de que o colapso administrativo nos concellos impide a entrega en tempo das licenzas de obra. “Estamos ante unha situación que de non corrixirse, vai deixar fóra a moitos solicitantes”, valoran.

Unións lembra que as ganderías teñen que manter investimentos case constantes para actualizarse en cuestións como benestar animal ou esixencias medioambientais. Incide ademais en que as axudas repercuten en toda a economía do rural, pois por cada 3 euros públicos, a maioría procedentes de fondos europeos, “o gandeiro pon 7 euros a maiores”.

Postura da Fruga
Desde a Fruga advirten tamén de que a decisión da Consellería deixa no aire multitude de plans de mellora. A organización agraria considera que o mantemento do prazo límite no 15 de setembro é de “dubidosa legalidade”, tendo en conta que a disposición adicional terceira do Real Decreto 463/2020, polo que se declarou o estado de alarma, di expresamente que se”interrompen os prazos para a tramitación dos procedementos das entidades do sector público. O cómputo dos prazos rearrancarase no momento en que perda vixencia este decreto”.

A Fruga considera que a Xunta está a obstaculizar a competitividade das granxas galegas, bloqueando subvencións ás que teñen dereito para modernizarse e dimensionarse, aumentando así a súa produtividade. Conclúe a organización pedindo que a Xunta dea marcha atrás e aumente o prazo para presentar toda a documentación correspondente ós plans de mellora.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información