Piden que os seguros de millo e de pastos se adapten á realidade de Galicia

Piden que os seguros de millo e de pastos se adapten á realidade de Galicia

Millo afectado pola seca.

Ucoga, a maior correduría de seguros agrarios de Galicia, critica que  por pare da Entidade Estatal de Seguros Agrarios (Enesa), o organismo público dependente do Ministerio de Agricultura, se decidise non ampliar este ano o prazo para contratar o seguro do millo forraxeiro, que rematou o día 15 deste mes.

“Desde Ucoga e desde as cooperativas fixemos xestións para que se ampliase o prazo para solicitar esta liña de millo forraxeiro, debido a que a última semana de solicitude coincidiu en Semana Santa, coa solicitude da PAC e cos cambios que se introduciron no pago verde en Galicia”, explican dende Ucoga. Sen embargo, por parte de Enesa negáronse “alegando que había que acostumar aos clientes a cumprir os prazos”.

“Outros anos si que se ten ampliado o prazo 15 días máis, algo necesario ademais para a realidade de Galicia, onde, ao contrario do sur de España, a maior parte do millo seméntase despois desa data, e aínda que se pode contratar o seguro de millo despois do 15 de abril, non cubre os danos ou redución da produción pola seca”, explican dende esta correduría de seguros.

A póliza do millo forraxeira é un dos seguros máis valorados polos gandeiros e agricultores, xa que por un cota asumible permite cubrir os danos do xabarín e, sobre todo, da seca, algo moi importante nun ano coma este e en Galicia, onde o cultivo de millo forraxeiro é na súa inmensa maioría sen regadío.

Neste sentido, dende Ucoga consideran “chamativo que dende a Xunta de Galicia se recomende aos gandeiros este fin de semana que contraten un seguro agrario para facerlle fronte á seca, cando a liña xa estaba pechada dende o día 15”:

Unións pide que o seguro de pastos se adapte á realidade galega para poder cubrir episodios de seca

Pola súa parte, Unións Agrarias denuncia o que considera “indefensión dos gandeiros a hora de protexer os seus pastos diante da seca, pois os requisitos que se esixen para facer efectivas as coberturas das primas de seguros están máis pensados para rexións nos que se pode analizar de xeito rápido a falta de auga”.

En concreto, dende o sindicato lembran que “o modelo de auditoría está baseado nun rastreo mediante fotos aéreas que avalían as diferenzas cromáticas nos prados en períodos de tempo en que en Galicia se manteñen verdes a pesar de estarse esgotando os acuíferos, tal como está ocorrendo nestas semanas”. “Deste xeito, para cando as pradarías que alimentan o gando en extensivo sequen xa estarán fora da cobertura dos seguros”, advirten.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información