Piden que o leite se revalorice para afrontar a escalada dos custos de produción

Produtores e industria acusan o aumento dos custes de alimentación, enerxía e persoal, sen que se compense no prezo pagado polo leite. Organizacións agrarias e cooperativas gandeiras demandan cambios nos prezos no marco dunha reunión da Interprofesional Láctea coas cadeas da distribución e o Ministerio

Piden que o leite se revalorice para afrontar a escalada dos custos de produción

Envasado de leite nunha industria. // Foto de arquivo.

A Interprofesional Láctea, que agrupa a industrias e produtores (cooperativas e organizacións agrarias), aproveitou a reunión coas asociacións das cadeas de distribución, con mediación do Ministerio de Agricultura, para reclamar prezos para o leite que cubran os custos de produción, segundo sinalan os representantes de Unións Agrarias, que participaron no encontro como parte da Interprofesional. Produtores e industrias destacaron o notable incremento dos custos de produción que están acusando nos últimos meses, tanto nos prezos da alimentación, que está a afectar directamente ás ganderías, como nos custos de enerxía ou persoal, que tamén están a acusar as industrias.

Así, segundo explican desde Unións, tanto produtores como industria volveron incidir na reunión en que a situación actual está a incumprir a Lei de Cadea, que obriga a pagar os produtos cubrindo os custos de produción. O sector reclama que se modifique a formación de prezos. De feito, está pendente que nos próximos días se convoque o Observatorio da Cadea Láctea para coñecer os datos definitivos de custos ao longo de toda a cadea. “Namentres, seguimos vendo como a distribución emprega o leite como produto reclamo”, explica Roberto García, secretario xeral de Unións Agrarias, que participou no encontro.

Os produtores reclaman que a industria cumpra coa súa parte ante a escalada dos prezos das materias primas, subindo tamén os prezos que lle paga ó gandeiro polo leite. “A diferenza do que fixeron as industrias no resto de Europa, onde se lle está refacturando ás cadeas de distribución pola suba nos mercados do leite en po e da manteiga, aquí boa parte da industria emprega ás granxas ‘como reféns’, mantendo os prezos estancados en tanto non logre as subas que lle reclama á distribución”, sostén García.

“Os gandeiros non imos aguantar que os custes suban e o leite se pague por debaixo do que custa producilo. Nesta reunión xa deixamos claro que ten que reflectirse nos contratos do leite, senón estes contratos son ilegais, por moito que estean asinados, e imos botar man da Axencia de Información e Control de Alimentos (AICA) para denunciar esta situación”, advirte Román Santalla, responsable de Gandería de UPA (matriz estatal de Unións Agrarias) e presidente da cooperativa agrogandeira Cobideza.

O incremento dos custes de produción pode derivar nun problema de viabilidade para as ganderías, ó tempo que pode supoñer unha crise de abastecemento para as industrias. De feito, a excepción de Galicia, onde aínda non caeu a produción, no último mes xa están a baixar as entregas tanto no resto de España como en Europa.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información