A limpeza baixo as liñas de alta tensión do monte veciñal de Teis (Vigo) vén de provocar un enfrontamento a tres bandas entre a comunidade de montes, Naturgy e a Consellería do Medio Rural. Desde a Organización Galega de Comunidades de Montes emitiron un comunicado no que critican a actuación de Naturgy, que sinalan que “entrou no monte para realizar os traballos de mantemento sen comunicarllo previamente á comunidade”.
Eses traballos son motivo de polémica, pois segundo explica a Organización, Naturgy eliminou unha masa de frondosas caducifolias concebida a modo de cortalumes verde e que non afectaba á liña de alta tensión. “Tratábase dun corredor de frondosas subvencionado pola propia Consellería do Medio Rural e que, entre outros cometidos, intentaba contribuír a manter baixo control a acacia, que é unha especie invasora problemática”, explican.
Na práctica, adoita permitirse que na zona afectada por un tendido de alta tensión haxa árbores froiteiras e outras de pequeno porte que non poñan en risco o tendido, pero trátase dunha cuestión que, con frecuencia, queda ó arbitrio da empresa contratada para a limpeza.
A Organización Galega de Comunidades de Montes sinala ademais que no monte veciñal de Teis deixouse a biomasa no monte, sen triturala, o que “aumenta o combustible forestal” e introduce maiores riscos en caso de lume.
O caso é que Naturgy, pola súa banda, trasladoulle á Consellería do Medio Rural que a comunidade de montes de Teis lle impediu o paso ó monte, algo que “non é certo”, segundo a Organización Galega de Comunidades de Montes. En virtude desa denuncia de Naturgy, á comunidade de montes chegoulle unha advertencia sobre a posibilidade dun expediente sancionador, segundo sinala a Organización Galega nun comunicado.