Piden medidas para mitigar o impacto derivado do conflito en Oriente Medio

A industria española de alimentación animal mostra a súa preocupación ante o encarecemento do combustible e a volatilidade nos mercados enerxéticos, que xa se trasladan á loxística de materias primas e distribución de pensos

Piden medidas para mitigar o impacto derivado do conflito en Oriente Medio

A Confederación Española de Fabricantes de Alimentos Compostos para Animais (CESFAC) trasladou a súa preocupación polas consecuencias que o actual conflito en Oriente Próximo está a xerar na industria da alimentación animal, especialmente pola incerteza que se está trasladando aos mercados internacionais e aos custos loxísticos.

Nos últimos días, a escalada do conflito provocou un forte incremento nas cotizacións do petróleo e, en consecuencia, no prezo do carburante, o que repercute directamente na importación de materias primas e na distribución dos pensos dentro do territorio nacional.

O director xeral de CESFAC, Jorge de Saja, advertiu de que a industria xa está a empezar a notar os efectos desta situación: “A alimentación animal depende dunha loxística moi intensiva, tanto para a chegada de materias primas como para a distribución do penso. No caso do transporte nacional de materias primas e pensos, este é maioritariamente por estrada polo cal moi sensible ás oscilacións nos prezos dos combustibles”.

Así mesmo, o sector está a detectar xa tensións no mercado de determinados aditivos estratéxicos, especialmente no caso da metionina, un aminoácido esencial para a formulación de pensos. De Saja subliñou que en momentos de elevada volatilidade xeopolítica como o actual, “sería oportuno aprobar mecanismos que permitan reducir ou eliminar temporalmente a carga fiscal sobre os carburantes e a enerxía, medidas ambas de efecto inmediato e que poden ser suspendidas unha vez xa non sexan necesarias”, sinalou.

Aínda que o volume de materias primas destinadas á alimentación animal que transita pola zona do estreito de Ormuz é limitado, a industria advirte de que o principal risco nestes momentos procede do encarecemento da loxística e da volatilidade nos mercados enerxéticos.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información