Piden medidas para garantir o cumprimento da moratoria do eucalipto

A Fundación Arume mantén reunións cos tres grupos parlamentarios, aos que lles traslada a súa preocupación polo aumento de 25.000 hectáreas de eucalipto no periodo 2022 - 2024, segundo os datos do Inventario Forestal Continuo de Galicia

Publicidade
Piden medidas para garantir o cumprimento da moratoria do eucalipto

A Fundación Arume, unha entidade que aglutina a serradoiros, asociacións de propietarios e outras entidades da cadea monte – industria, amosa a súa preocupación polos datos publicados do Inventario Forestal Contínuo de Galicia 2024, que revela un aumento de 25.000 hectáreas de eucalipto en dous anos (2022 – 2024).

A Dirección do Padroado da Fundación Arume vén de reunirse na mañá de hoxe venres cos tres grupos maioritarios no Parlamento galego. O obxectivo do encontro foi abordar os cambios previstos na moratoria do eucalipto a través do proxecto de lei de medidas fiscais e administrativas, que xa iniciou o seu trámite na Cámara galega.

A Fundación Arume trasladoulle ós grupos parlamentarios que un dos aspectos que máis preocupa é a capacidade real da Administración para fiscalizar e seguir a aplicación da moratoria do eucalipto e das súas excepcións.

Ante os datos publicados onte do Inventario Forestal Contínuo de Galicia 2024, Arume considera evidente a necesidade de medios e estructuras focalizadas exclusivamente na xestión do territorio, desligadas das estructuras adicadas ao combate de incendios e da protección civil.

Desde a Fundación entenden que a Dirección Xeral de Planificación e Ordenación Forestal non dispón na actualidade de efectivos suficientes para realizar un control rigoroso das autorizacións, rexistros e inspeccións que se derivarán destas novas disposicións.

Por ese motivo, desde Arume considérase imprescindible que o texto normativo se acompañe dun plan operativo, con reforzo técnico e humano, que garanta o cumprimento efectivo das condicións establecidas.

Cambios nas excepcións da moratoria
Outra das propostas da entidade pasa por facer adaptacións no proxecto de extensión da moratoria. Unha das excepcións sinala a posibilidade de que os propietarios traspasen superficies actuais de eucalipto a outros propietarios, de xeito que o propietario da superficie orixinal reforeste o seu monte con coníferas ou frondosas e o titular que obtén a cesión poida plantar eucaliptos onde non os había.

A este respecto, a Fundación Arume entende que é unha posibilidade útil, sempre que se restrinxa aos casos nos que o intercambio sexa con superficies actualmente improdutivas, rasas ou abandonadas. Polo tanto, proponse que o texto da lei prohíba expresamente a reforestación con eucaliptos en parcelas ocupadas actualmente por piñeirais, un ecosistema en regresión en Galicia nas últimas décadas. Cómpre lembrar que a lexislación actual xa prohíbe novas plantacións de eucaliptos en substitución de frondosas caducifolias, terras agrarias ou en zonas de Rede Natura.

Masas afectadas pola banda marrón
A segunda das excepcións incluídas no proxecto de lei afecta ós titulares de piñeirais gravemente afectados pola banda marrón, ós que se lles permite plantar un 50% da superficie afectada con eucaliptos, en tanto o outro 50% debe reforestarse con coníferas ou frondosas.

A Fundación Arume valora como positivo o esforzo por ofrecerlle unha alternativa ós propietarios das masas de piñeiro radiata, se ben considera preciso definir con claridade o concepto de “masas gravemente afectadas”, para o que cómpre establecer criterios técnicos obxectivos, propoñendo criterios baseados en porcentaxes de taxas de mortandade.

Unha vez concretado o concepto de “gravemente afectadas”, a entidade defende que é imprescindible facer pública unha cartografía das zonas que presentan tal grao de dano, a fin de avaliar con transparencia o impacto das medidas, así como para dotar ós propietarios forestais dos coñecementos precisos sobre a situación.

En paralelo, a Fundación propón valorar, nesas zonas que se consideren gravemente afectadas pola banda marrón, a introdución controlada de especies de coníferas alternativas xa ensaiadas, como o piñeiro taeda ou outras coníferas emerxentes que presentan resistencias ós fungos das bandas, como criterio prevalente antes dun cambio de especie de conífera a eucalipto.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información