Seca: Piden máis axilidade para que os gandeiros podan captar auga dos ríos ou perforar pozos de emerxencia

Seca: Piden máis axilidade para que os gandeiros podan captar auga dos ríos ou perforar pozos de emerxencia

Prados en Viana do Bolo xa secos pola falta de precipitacións

Unións Agrarias alerta da preocupación no campo en Galicia pola incerteza ante a falta de precipitacións que se ven acumulando dende este outono e a súa posible incidencia no verán, poñendo en risco tanto a produción de forraxes (herba e millo), como o propio abastecemento de auga para o gando.

Así o trasladaron este xoves en rolda de prensa en Santiago o responsable de Agricultura do sindicato, Xosé Ramón González, como o responsable de Desenvolvemento Rural, Jacobo Feijóo. Como exemplo, os responsables de Unións lembraron que a produción de herba para ensilar caeu nesta primavera un 20% debido á seca.

Unións Agrarias chama a atención sobre o feito de que aínda non existindo unha situación de seca hidrolóxica (problemas de abastecemento de auga e descenso do nivel dos encoros), “sí existe xa un problema de seca agronómica, pois xa se trasladaron problemas de descenso de produción por falta de auga, como é a práctica imposibilidade de facer o segundo corte de herba no presente mes en condicións normais de produción, o que en moitas explotacións de carne e leite supón xa un 20% menos de alimento para o gando”, asegurou Jacobo Feijóo.

Piden a Xunta que ante a seca as explotacións gandeiras podan captar augas dos ríos ou perforar pozos de emerxencia

Ademais, advertiu da crecente incerteza sobre o comezo da campaña de sementeira do millo se non chegan as choivas nas próximas dúas semanas. “Hai unha crecente necesidade de precipitacións no campo para afrontar a campaña de produción pero tamén para repoñer o nivel dos acuíferos de cara aos meses de verán, sen que se adianten as secas de fontes que abastecen de auga ás explotacións gandeiras”, subliñou.

Neste sentido, o responsable de Unións  pediulle á Xunta que “a curto prazo axilice e flexibilice a aplicación dos procedementos para que as explotacións que teñan problemas de abastecemento poidan ter solución inmediatas a solicitudes exprés de acceso a auga, por exemplo mediante a apertura de pozos de emerxencia, ou mediante a autorización de captar augas superficiais en cisternas sen exporse a sancións”.

Adaptar os seguros agrarios á realidade de Galicia

Pola súa parte, o responsable de Agricultura do sindicato, Xosé Ramón González, demandou unha revisión das axudas públicas para a contratación das liñas de seguros agrarios, de forma que se recupere a porcentaxe de axuda que as faga rendibles para os agricultores e gandeiros. Igualmente, demandou que “Enesa adapte as coberturas de risco e os calendarios de contratación para que sexan de aplicación real nas condicións agronómicas de Galicia, tan diferentes das de Andalucía ou o Mediterráneo en xeral”.

Ademais, criticou que “existe un déficit de axudas públicas para a contratación dos seguros, que pasaron de 7,8 millóns de euros por parte da Xunta en 2008, aos 4.6 millóns de euros da pasada campaña do 2016”.

“Enesa ten que adaptar os prazos e os riscos á realidade agronómica de Galicia, que é moi distinta do Sur”

Por outra parte, demandou que no plan de pre alerta “se teña en conta a seca agronómica, e non só a hidrolóxica, e se poñan en marcha liñas de compensación de perdas de forma inmediata (axudas directas, préstamos, bonificación de cotas da Seguridade Social), se a chuvia non chega e a situación continúa empeorando no campo galego segundo avanzamos cara o verán”.

As secas en Galicia viñan tendo un período de recorrencia aproximado de 10 anos (1976, 1989, 1996, 2006) pero estanse acurtando os prazos entre secas (2012, 2016) e no caso do campo presentan novas modalidades, como as secas de primavera en non só as estivais.

Neste sentido, dende Unións afirman que” todo indica que a situación se agravará nos próximos anos por efecto do cambio climático, o que indica a necesidade de planificación e toma de decisión estruturais por parte das Administracións Públicas, para estar preparados e poder garantir a sustentabilidade do campo e o mundo rural galego”.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información