Piden a conxelación dos rendementos na colleita 2022 da D.O. Ribeiro

Publicidade
Piden a conxelación dos rendementos na colleita 2022 da D.O. Ribeiro

Parcela do Ribeiro. / Arquivo.

O límite de rendemento por hectárea para os viñedos de castes autóctonas está establecido no Ribeiro en 13.000 Kg. / hectárea desde o ano 2018, se ben nos últimos anos, as boas condicións climáticas levaron a que se aumentasen os rendementos permitidos, algo autorizado polo regulamento, que posibilita ampliacións de ata o 25% para adaptar a calidade do produto ás condicións de cada colleita. Este ano, sen embargo, a Asociación de Vitivinicultura Artesanal, que representa ós colleiteiros, defende que se deben conxelar os rendementos permitidos.

O aumento de rendementos permitido aprobouse nos últimos catro anos (2018, 2019, 2020 e 2021) por parte do pleno do consello regulador da denominación de orixe. No último ano, en vista da reiteración do aumento de rendementos, mesmo lle pediu á Consellería do Medio Rural un aumento permanente dos rendementos permitidos, algo ó que a Xunta se negou, pois considerou que esa petición “non está tecnicamente xustificada e non é oportuna en relación coa política de calidade que debe orientar a actuación da Xunta en materia vitivinícola”.

No pleno, o vogal dos colleiteiros e o vogal das pequenas e medianas adegas, que din representar máis do 90% das adegas do Ribeiro, amosáronse sempre contrarios ó aumento xeralizado e sistemático dos rendementos, de cara a garantir a calidade dos viños do Ribeiro.

A Asociación Galega de Vitivinicultura Artesanal incide en que Medio Rural mesmo sinalou nun informe que cando unha parcela supera os 13.000 Kg. de rendementos, ningunha uva desa parcela se debería destinar a viño de castes, e non só a parte excedentaria, como se viña facendo ata o de agora.

Por elo, os colleiteiros avogan porque a campaña 2022 sexa a primeira do Ribeiro na que os viños de castes se elaboren exclusivamente con uvas procedentes de parcelas con menos de 13.000 Kg. de rendementos. “Iso só se podería evitar por un novo acordo de suba de rendementos no pleno que se celebrará o próximo venres 19 de agosto” -advirten-. “Esperamos que tralos informes de Medio Rural e a situación de seca que actuamente padece o Ribeiro, o Pleno non aprobe ningunha suba de rendementos. Con iso dariamos un paso na recuperación da calidade e do prestixio dos viños da D.O. máis antiga de Galicia”, concluyen.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información