Piden a convocatoria da comisión do Acordo Lácteo polas importacións de leite

Unións Agrarias-Upa solicita unha reunión telemática do foro que agrupa a industrias, supermercados, organizacións agrarias e cooperativas, coa intermediación do Ministerio de Agricultura

Piden a convocatoria da comisión do Acordo Lácteo polas importacións de leite

Reunión da comisión de seguemento do Acordo Lácteo. / Arquivo.

O aumento das importacions de cisternas de leite que se está a percibir nas últimas semanas, tanto procedentes de Portugal como de Francia, está a preocupar no campo. Unións Agrarias teme que a canalización de excedentes de países veciños cara a España repercuta finalmente nunha baixada dos prezos no campo. Para abordar a cuestión das importacións, Unións Agrarias-Upa vén de solicitarlle ó Ministerio de Agricultura unha reunión telemática da comisión de seguemento do Acordo Lácteo.

A comisión do Acordo Lácteo, que leva un par de anos sen convocarse, é o único foro estable onde se sentan tódolos axentes da cadea de valor do leite,organizacións agrarias, cooperativas, industrias lácteas e supermercados. Fano ademais coa intermediación do Ministerio de Agricultura, ó que se lle supón capacidade para encarrilar diálogos e acordos.

Contexto
As cuestións de debate no sector que estaban pendentes sobre a mesa antes da crise do coronavirus apuntaban en dúas direccións. Unha, a necesidade de implicar ós supermercados nunha cadea de valor do leite que permita trasladar os custos de produción desde o campo ata ó consumidor, de xeito que se eviten as ofertas á baixa de leite nas cadeas da distribución. Dúas, gañar espazo para os queixos españois nos lineais, agora copados nas grandes superficies por queixos de importación.

Nos últimos anos, as importacións de lácteos a España centráronse en queixos, principalmente, en tanto que a compra de cisternas de leite ós países veciños caiu en picado nos últimos tres anos. Coa crise do coronavirus e a existencia de importantes excedentes de leite en Francia, afectada pola baixada das súas exportacións, o panorama está cambiando.

Unións calcula que están entrando cada día 1.000 toneladas de leite en camións cisterna e unhas 950 toneladas de queixos

Unións advirte de que están entrando ata 1.000 toneladas diarias en camións cisterna e insiste tamén no problema dos queixos, pois calcula que España importa unhas 950 toneladas diarias de queixos de Centroeuropa, que entran a baixos prezos cos que dificilmente poden competir as queixerías españolas.

Reactivación da comisión
Para abordar a situación, Unións Agrarias-Upa solicitoulle ó Ministerio de Agricultura a convocatoria urxente da comisión de seguemento do Acordo Lácteo. Unións considera que o leite que entra de fóra incurre en prácticas ilegais, “pois hai constancia de camións cisterna a 14 céntimos / litro, o que é unha venda a perdas de libro”, advirte a organización agraria.

Outra cuestión que preocupa a Unións é que ese leite importado se comercialice como leite español, sen respetar o obrigado etiquetado que informe ó consumidor da súa procedencia. A organización conclúe pedíndolle á Xunta e ó Ministerio que extremen a vixilancia sobre o leite importado por industrias lácteas españolas.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información