Piden a convocatoria do Consello Forestal de Galicia ante a crise polos lumes forestais

Amigos da Terra e Sindicato Labrego reclaman unha reunión urxente para afrontar a situación crítica dos lumes na provincia de Ourense. Reclaman cambios no Pladiga para incrementar a eficacia das politicas contra os incendios no monte

Piden a convocatoria do Consello Forestal de Galicia ante a crise polos lumes forestais

Labores de extinción nun dos lumes rexistrados en días pasados na provincia de Ourense. / Imaxe: Brif Tabuyo.

Amigos da Terra e o Sindicato Labrego Galego acaban de rexistrar un escrito dirixido ao conselleiro de Medio Rural, José González, no que denuncian pormenorizadamente as eivas da prevención e extinción de lumes en Galiza á par que solicitan unha reunión urxente do Consello Forestal de Galicia ante a situación crítica provocada polos lumes forestais rexistrados nos últimos días na provincia de Ourense.

“A intención deste encontro sería consensuar e tentar buscar solucións a este gravísimo e crónico problema e enfrontar a destrución que están a causar os incendios dos nosos montes e ecosistemas, tanto no que queda de 2020 como nos vindeiros anos”, explican nun comunicado dende ambas entidades.

Amigos da Terra e o Sindicato Labrego Galego, xunto con outras organizacións sociais, levan anos alertando sobre a problemática dos lumes forestais en Galicia e realizando propostas para mellorar o Plan de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia, así como para revisar as políticas forestais aplicadas no país.

“Vimos denunciando reiteradamente que o Plan de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia (Pladiga) actual non serve, como tampouco vale o procedemento para o seu trámite a través dos consellos consultivos”, explican. O seu rexeitamento a estas políticas evidenciárono en varias ocasións abandonando o pleno do Consello Forestal de Galicia, a última delas este mesmo ano.

As eivas do Pladiga

No escrito presentado, as organizacións recollen unha lista de eivas do Pladiga, un plan que denuncian se segue impoñendo de xeito unilateral dende a Xunta e que responsabilizan de ser unha ferramenta ineficaz para atallar os incendios forestais que cada ano arrasan Galicia.

Entre outros aspectos recriminan o empeño por fixar unha época de alto risco de incendios cando a crise climática global debe obrigar a manter activo o operativo os 12 meses do ano. Ademais, grandes áreas do país seguen sen vixilancia provocando que cando chegan os servizos de extinción a un incendio xa sexa demasiado tarde.

Denuncian tamén a precariedade do cadro de persoal e das brigadas, nas que non se cubren todas as baixas e que adoitan traballar sen o número mínimo de operarios,  así como o atraso que supón o convenio coa Fegamp na profesionalización das brigadas ou os vehículos autobombas parados por falta de persoal que os manexe.

Ademais reprochan que haxa baixas de axentes forestais sen cubrir ou que se leve a cabo unha infrautilización de medios e recursos antiincendios que obrigan a desprazamentos de máis de 100 quilómetros de servizos forestais que se poderían cubrir na propia zona.

A inexistencia de traballos de prevención ao longo do ano e de formación en educación ambiental nas comunidades afectadas é outro dos aspectos para os que reclaman solucións, á vez que critican o desmantelamento de recursos públicos no convenio coas forzas armadas, así como o oscurantismo e falta de divulgación do Pladiga.

Dende os dous colectivos repróchanlle á Consellería as políticas actuais “de desmantelamento que está a sufrir o medio rural, favorecéndose o abandono das actividades agrarias e gandeiras que son fundamentais para a xestión do territorio, consentíndose o monocultivo masivo e anárquico de especies forestais pirófilas como o eucalipto, incidindo nun despoboamento e desertización que deixan amplas zonas do noso país inzadas de materia combustible e sen xente que contribúa á loita contra o lume”, afean. Apuntan que a proliferación e cronificación dos incendios forestais teñen as súas raíces neste abandono, máis alá das eivas en prevención e loita contra os incendios.

Propostas a tratar no Consello Forestal

“Neste momento non podemos máis que repetir o que vimos avisando dende hai moito tempo e verter duras críticas contra a Consellaría do Medio Rural e a Dirección Xeral de Defensa do Monte que, un ano máis, ten como única estratexia contra os lumes agardar que chova”, critican dende os dous colectivos. En concreto, Amigos da Terra e Sindicato Labrego Galego recompilan as seguintes propostas para tratar no Consello Forestal de Galicia:

1. Cobertura inmediata de tódalas vacantes existentes e reforzo do persoal implicado na loita contra o lume nas zonas máis sensibles pola alta actividade incendiaria.

2. Nas zonas de alto risco de incendio e nas parroquias de alta actividade incendiaria é preciso deseñar un plan de choque para saber as causas, motivacións e as solucións por ser os incendios, en moitos casos, recorrentes nas últimas décadas. “Son incendios que afectan moi 
negativamente á propia viabilidade socioeconómica destas zonas”, explican.

3. Achegar o Pladiga 2020 a tódalas persoas integrantes do mesmo e dalo a coñecer para a súa correcta aplicación. Desta maneira buscan mellorar a eficacia facendo máis efectivo o cumprimento deste protocolo de actuación.

4. Dar a coñecer o Plan de Prevención de Riscos Laborais a todo o persoal que está integrado no Pladiga e dotalo dos medios que aparecen recollidos no Plan de Acción para unha axeitada prevención de riscos laborais.

5. Unificar criterios na xestión do persoal propio da Consellería do Medio Rural: organización do traballo, horarios, vacacións, reunións de coordinación, estrutura e funcionamento dos 19 distritos forestais de Galicia.

6. Facer un seguimento dos horarios, vacacións, asuntos propios e organización dos distritos, distribución dos medios materiais e técnicos, organigrama e funcionamento para evitar os agravios existentes.

7. Elaboración de protocolo de actuación para a evacuación, rescate e cura de animais domésticos e silvestres no caso de ser afectados por incendios forestais en Galicia.

8. Revisar a política forestal do país, facendo fincapé nas limitacións ás superficies continuas de monocultivos, na recuperación de masas autóctonas, no fomento da actividade gandeira e na recuperación de superficie agraria útil.

9. Aplicación estrita dos protocolos Covid-19 co fin de protexer ao conxunto dos traballadores públicos dos Servizos Forestais da Xunta de Galicia e ao conxunto da sociedade.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información