A actualización catastral das parcelas rústicas que son declaradas na PAC está a xerar incidencias entre os produtores, á par dunha alarma social no agro. As modificacións realizadas por cambio de cultivo nas parcelas orixinan unha notificación por parte de Catastro, na que se informa dunha actualización do valor catastral da parcela axustada ó cultivo actual. Estas notificacións están chegando de xeito masivo ós produtores e ós propietarios de parcelas cedidas, debido ós frecuentes cambios de cultivo que se realizan nas parcelas.
Esta actualización vense dando dende fai polo menos dúas campañas e ten a súa orixe na autorización para a cesión (obrigatoria) de datos cando se realiza o trámite da PAC. As organizacións agrarias reclaman a Catastro unha simplificación dos trámites burocráticos vinculados a estes cambios produtivos das fincas, á par que condenan a alarma creada por Catastro con estas campañas.
Dende o Sindicato Labrego Galego xa mantiveron unha reunión telemática cos responsables da xerencia rexional do Catastro en Galicia na que entre outras cuestións trasladáronlle as dificultades que están atopando os propietarios con esta campaña de actualización dos cultivos ó supoñer un aumento da carga burocrática para os produtores. Sinalan que esta actualización continua non resulta funcional, dados os cambios continuados de cultivos que se realizan nas parcelas. Así, reclaman un procedemento áxil que minimice estas xestións administrativas.
Pola súa banda, dende Unións Agrarias condenan a alarma inxustificada que esta campaña está xerando. Se ben a organización se amosa completamente a favor de que se investigue e se poña couto a calquera forma de fraude que poida estar a darse en relación á tramitación das axudas da PAC ou noutro eido, critica un procedemento completamente inadecuado nas formas.
Trabas para a mobilidade de terra
Tanto dende Unións Agrarias como dende o Sindicato Labrego coinciden en que esta campaña supón novas trabas á mobilidade de terras e o acceso á fincas, xa que nalgúns casos os propietarias prefiren non arrendar ante o temor a que lles cheguen notificacións que requiran de xestións administrativas.
Galicia ten a menor superficie agraria útil (SAU) de todo o Estado -só un 21%, fronte á media estatal do 45,8%-, polo que como destacan dende o Sindicato Labrego: “é especialmente importante non só evitar agrandar esta carencia de superficie agraria útil, senón tamén facilitar que poida ser ampliada esta porcentaxe”, valoran.
Dende Unións Agrarias entenden que esa posta ao día non pode partir do envío masivo de comunicacións, que se poden percibir como coercitivas, e que xeran preocupación e poden desincentivar a cesión de terras. Lamentan que a Administración impulse este tipo de actuacións que poden supoñer unha traba para o acceso á terra e o mantemento da actividade agrogandeira.