Piden a apertura dos mercados de alimentos de proximidade

O Sindicato Labrego Galego e a Fruga instan á Xunta e á Delegación do Goberno a abrir estes puntos de venta, posto que o seu peche incumpre as recomendacións da Comisión Europea fronte o coronavirus

Piden a apertura dos mercados de alimentos de proximidade

Un dos postos con produtos frescos de alimentación nunha feira local. / Arquivo.

O Sindicato Labrego Galego (SLG) e a Federación Rural Galega (Fruga) fixo un chamamento ós gobernos municipais galegos para que manteñan abertos os mercados de alimentos de proximidade que se desenvolven habitualmente nos municipios, pese ás restricións polo coronavirus. Destacan a importancia que teñen estes puntos de venta para os labregos que optan pola venda directa para comercializar as súas producións así como para os consumidores.

Ademais, instan á Xunta e á Delegación do Goberno a ditar as instrucións necesarias para que as autoridades municipais manteñan abertos os seus mercados de alimentos de proximidade de cara a garantir o abastecemento de bens esenciais. Piden tamén que asesoren ós labregos para extremar as precaucións e evitar a transmisión do coronavirus nestes puntos de venta.

Os dous colectivos insisten en que, pese a situación de emerxencia sanitaria polo coronavirus e as correspondentes restricións, este tipo de mercados de alimentos deberan continuar celebrándose, ó igual que se permite a apertura de centros comerciais para garantir o acceso da cidadanía a bens esenciais.

Moitas das administracións locais decidiron cancelar estas feiras en base á recomendación de evitar celebrar actividades ó aire libre, aínda que boa parte dos mercados de alimentos de proximidade que se celebran en Galicia ó aire libre non supoñen unha gran concentración de persoas. Dende o SLG e a Fruga inciden en que “os Concellos que ditaminen o peche destes mercados incorren nunha interpretación excesivamente restritiva das prohibicións sanitarias dirixidas a conter o Covid19 e mesmo contraproducente”, insisten.

Garantías sanitarias

Na situación actual, apuntan que os mercados de proximidade, polas súas características poden ser unha alternativa para que os cidadáns obteñan alimentos con garantías sanitarias e menos riscos de contaxio.

Recordan que o abastecemento de alimentos agora mesmo está centrado en supermercados e hipermercados que, pese ás restricións que se toman, seguen tendo grandes aglomeracións e onde os consumidores poden manter contacto manual ilimitado cos produtos que están á venda, á par de ser espazos cerrados.

Reivindican que os mercados de proximidade son ó aire libre, sen aglomeracións e os produtos non pasaron polas mans de intermediarios nin doutros consumidores

Pola contra, “estes mercados de proximidade son ó aire libre, sen aglomeracións e os produtos que se venden non pasaron polas mans de intermediarios nin doutros consumidores polo que ofrecen maiores garantías sanitarias”, reivindican. Ademais, boa parte dos alimentos que se comercializan nestes mercados son frescos ou ecolóxicos co que supoñen unha alternativa de maior calidade para os consumidores.

Recomendacións da Comisión Europea

Apelan á circular publicada pola Comisión Europea baixo o título “Covid19 Directrices para medidas de xestión fronteiriza para protexer a saúde e garantir a dispoñibilidade de bens e servizos esenciais”, con data do 16 de marzo, na que se especifica que a circulación de alimentos debería quedar protexida e blindada na actual crise.

Así, no sexto punto do segundo capítulo desta circular especifícase que “Os Estados membros deberán preservar a libre circulación de todas as mercadorías. En particular, deberán garantir a cadea de subministración de produtos esenciais como medicamentos, equipos médicos, produtos alimentarios esenciais e perecedoiros e gando. Non se deberá impoñer ningunha restrición á circulación de mercadorías no mercado único, especialmente (sen limitarse a) bens esenciais, relacionados coa saúde e perecedoiros, nomeadamente produtos alimentarios, salvo que estean debidamente xustificados”.

“Coa interpretación retorta que están a facer algúns concellos das restricións e prohibición de actividades para conter a pandemia do coronavirus, non só poderían estar a empeorar a situación, senón que estarían beneficiando ás grandes superficies comerciais e castigando ós veciños que venden e consumen alimentos de proximidade”, afean dende a Fruga e o Sindicato Labrego Galego.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información