Piden ao ORAL que deixe de emitir recibos do IBI ás comunidades de montes

O BNG leva ao pleno da Deputación de Pontevedra unha moción para que as entidades locais deixen de emitir recibos dun imposto que, segundo lembran, os tribunais consideran exento para os montes veciñais en man común

Publicidade
Piden ao ORAL que deixe de emitir recibos do IBI ás comunidades de montes

O grupo provincial do BNG na Deputación de Pontevedra reclamará que o Organismo Autónomo de Recadación e Xestión Tributaria (ORAL) recoñeza de oficio a exención do Imposto sobre Bens Inmobles (IBI) ás comunidades de montes en man común.

A iniciativa chegará ao pleno provincial do vindeiro 26 de xuño a través dunha moción presentada pola deputada nacionalista Manuela Rodríguez, que considera necesario unificar criterios entre as administracións locais e adaptar a actuación do organismo recadador á xurisprudencia existente nesta materia.

Segundo explica o BNG, a proposta xorde tras as denuncias realizadas pola Organización Galega de Comunidades de Montes en Man Común (ORGACCMM), que advertiu de que algúns concellos da provincia continúan pasando ao cobro recibos do IBI ás comunidades de montes pese á existencia de resolucións xudiciais favorables á súa exención.

Rodríguez sostén que esta situación provoca inseguridade e trámites innecesarios para as comunidades, que se ven obrigadas a presentar reclamacións para recuperar cantidades cobradas indebidamente. A deputada critica ademais o que cualifica como un “absurdo administrativo”, ao destinar recursos públicos tanto á emisión e cobro dos recibos como á posterior devolución dos importes e dos correspondentes xuros cando as reclamacións prosperan.

O Bloque lembra que a exención do IBI para os montes veciñais en man común está recollida na Lei Reguladora das Facendas Locais e na Lei estatal de montes veciñais. Segundo a formación, os conflitos adoitan producirse cando as administracións interpretan que a exención só afecta ao solo forestal e non ás edificacións ou instalacións situadas nos montes e arrendadas a terceiros.

Porén, os nacionalistas apoian a súa petición na xurisprudencia do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG), que establece que a exención se aplica á totalidade do perímetro clasificado como monte veciñal en man común, incluídas as edificacións existentes nel, independentemente do seu uso ou aproveitamento.

A través da moción, o BNG solicitará que os concellos da provincia e os organismos encargados da recadación tributaria, como o ORAL, recoñezan expresamente este dereito e exclúan de maneira definitiva as comunidades de montes dos padróns de contribuíntes obrigados ao pagamento do IBI.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información