Unións Agrarias pide as cadeas de distribución que operan en Galicia que “sigan o exemplo de Carrefour ou Intermaché en Francia e demostren ter un compromiso real coas explotacións de gando de carne galegas, priorizando a venda da súa produción sobre a procedente de países extracomunitarios polos efectos perniciosos que xeran estos acordos comerciais inxustos como se está demostrando co de Mercosur”.
Neste sentido, lembra “o carácter estratéxico do sector produtor de carne porque supón o derradeiro soporte económico e social para comarcas enteiras nas que o despoboamento e o colapso demográfico son xa unha realidade”. E destaca o imprescindible papel que realizan dende o punto de vista da xestión do territorio e a prevención dos lumes. “En Galicia temos 20.000 explotacións de carne de vacún das que 8.000 están inscritas en Ternera Gallega e 6.000 poden considerarse profesionais. O 32% das mesmas atópanse en zonas de montaña: en torno a 2.500”, explican dende a organización agraria.
Por tanto, desde Unións defenden que “resulta imprescindible un control efectivo sobre a entrada de produtos cárnicos e a colaboracións das grandes superficies para evitar as prácticas enganosas de facer pasar por carne galega aquelo que non o é”.
A organización agraria rexeita que “se use, unha vez mais, ao sector gandeiro como moeda de cambio” nos negocios comerciais entre a Unión Europea e terceiros países. “Sexa agora co acordo con Mercosur ou na guerra comercial de hai uns meses con China polos aranceis a importación de coches asiáticos. O sector primario sempre leva as de perder porque estas incertezas son aproveitadas por determinadas industrias para tentar introducir novas baixadas nas cotizacións en orixe”, advirten.
Por último, dende UUAA defenden que “é imprescindible que se aplique sempre o principio das cláusulas espello”, na importación de alimentos de terceiros países, esixindo a mesma normativa ambiental, sanitaria e sociolaboral que a que se aplica en España.