Píccolo Rancho SA: A empresa que posúe 5.000 hectáreas de terra en Galicia e 2.000 en Asturias

A empresa Píccolo Rancho SA, con sede en Pontevedra pero pertencente a un grupo investidor, é, hoxe por hoxe, a maior terratenente de parcelas rústicas e forestais de Galicia, con máis de 5.000 hectáreas repartidas polas 4 provincias. Falamos con Aladino Barros, o seu representante, que leva 40 anos mercando fincas

Publicidade

Piccolo Rancho1Aladino Barros Doporto é pianista de profesión, pero leva 40 anos mercando fincas rústicas por toda Galicia. Foi a raíz da súa faceta musical como entrou en contacto co Grupo Alba, que opera en varios sectores, entre eles o da venda de instrumentos musicais, cunha tenda en Pontevedra, ou o da compra venda de fincas rústicas en España e Suramérica a través de Píccolo Rancho SA.

“Eu levo a zona de Galicia e Asturias e esíxenme mercar 150 hectáreas de terra ao ano en Galicia e 50 hectáreas en Asturias”, explica Aladino sobre o modo de funcionamento deste grupo de investidores canario nacido nos anos 40 e extendido hoxe a varios países con distintas ramas de negocio. Teñen oficinas en Madrid, Barcelona e Sevilla e compran en España e en países como Arxentina, Uruguai ou Irlanda a través de representantes zonais. “A nosa misión é mercar as fincas e asinar as escrituras e contratos”, explica Aladino. Mercan só solo rústico, tanto terras como montes. “En núcleo urbano a nosa empresa non quere nada”, aclara.

En núcleo urbano a nosa empresa non quere nada

O nome da compañía veu de Italia, a onde Aladino viaxaba con frecuencia por traballo. “Ía moito a Italia á vila de Castelfidalgo, onde as familias fan acordeóns nas casas, e paraba nun hotel moi grande con sala de festas que se chamaba Píccolo Rancho. Cando se montou a empresa ocorreuseme ese nome”, lembra. Semella unha contradición para a maior propietaria de terras de Galicia. Píccolo Rancho SA, a filial do grupo Alba adicada á compra venda de fincas, ten neste momento máis de 5.000 hectáreas en propiedade nas 4 provincias galegas. Na de Lugo onde máis, con presenza importante en concellos como Vilalba, Xermade, Muras, Abadín, O Saviñao, Chantada, Bóveda, O Incio, Mondoñedo ou Ribadeo, ao igual que na Coruña destacan As Pontes e As Somozas. “Dos 313 concellos que hai en Galicia temos propiedades en 235, só nos faltan 78”, conta Aladino.

Posuímos 5.000 hectáreas en Galicia e 2.000 en Asturias

En Asturias tamén contan cunhas 2.000 hectáreas en distintos concellos. Por exemplo, en Pola de Allande, perto do límite con Galicia, Píccolo Rancho posúe unha finca de 800 hectáreas nunha soa peza que comeza no Puerto del Palo e chega ao pobo. Chámase a Braña de Braniecha e é moi accidentada pero adícase a pastoreo por parte dos veciños que teñen gando na zona. Foi mercada a unha familia de Arxentina no ano 1992 e despois atravesada por 4 quilómetros de liña eléctrica de alta tensión, unha das de máis capacidade de Red Eléctrica Española, que vai desde Boimente, en Viveiro, até Pesoz, en Asturias, para evacuar cara a Meseta a enerxía que xeran os parques eólicos galegos. O pago da expropiación para o paso do tendido eléctrico axudou a Píccolo Rancho a rendibilizar o investimento feito no seu momento na adquisición da finca. 

A compañía comezou a mercar terras en Galicia no ano 1981. Desde entón, Aladino percorre a comunidade en busca de fincas rústicas. Con 40 anos de experiencia neste ámbito e un sinfín de anécdotas, Aladino coñece á perfección como se move o mercado, cal é a demanda real e cales as motivacións que levan aos propietarios a vender e que, malia ao tradicional apego á terra dos galegos, tamén foron cambiando co paso dos anos.

“A xente ofrécenos, non imos buscar fincas á casa de ninguén”

Aladino tocando o piano. Foi membro do grupo Os Gales de España, cos que percorreu os cinco continentes

Aladino tocando o piano. Foi membro do grupo Los Gales de España, cos que percorreu os cinco continentes

Píccolo Rancho ten un método peculiar para mercar as fincas. “A xente ofrécenos, non imos buscar fincas á casa de ninguén”, conta Aladino. “É raro o día que non chama alguén para ofrecernos as súas fincas. Cando máis se compra é nas vacacións do verán, cando a xente que está fóra vén. Por sorte a xente non vende as fincas porque necesite os cartos, senón porque as teñen abandonadas, e reparten os cartos entre os fillos ou os netos”, di.

Cando máis se compra é nas vacacións do verán, cando volve a xente que está fóra. Non venden as fincas porque necesiten os cartos, senón porque as teñen abandonadas

Na Feira de Agolada, que se celebra os días 12 de cada mes, a empresa ten un pendello onde antes da pandemia recibía a propietarios de toda Galicia que querían vender as súas fincas. “Ten ido xente ata da Cañiza ou Ferrol ata alí”, asegura Aladino.

O coronavirus freou o negocio

A media de adquisicións varía moito dun mes a outro, explica, poden ser 10 ou 15 hectáreas mercadas un mes, 5 outro ou 20 o seguinte. O pasado 1 de abril Aladino fixo 40 anos adicado a este negocio. “A miña media de quilómetros mensuais antes da pandemia era 20.000 ao mes, tiña algún día de pisar as 4 provincias galegas. Temos un turismo e un todo terreo, porque tamén mercamos monte, e ás veces ter que cambiar o aceite antes do mes”, indica.

Temos máis de 200 compras pendentes neste momento por problemas para ir ás notarías a asinar

As restricións de movementos do último ano e medio por mor da pandemia sanitaria do coronavirus freou as compravendas e aumentou o interese polo rural, o que tamén incrementa a competencia para as compras. Aínda así, síguense a producir movementos. “Temos máis de 200 persoas esperando. Con isto da covid hai máis problemas para ir á notaría. Só en Vilalba temos 27 escrituras para asinar”, di. Vilalba é un dos concellos onde Píccolo Rancho está máis presente. “Posuímos 2.400 hectáreas en total nas 29 parroquias do concello. Só en Vilapedre son 1.200 e en Santaballa 400”, detalla.

Lograr fincas grandes no país do minifundio

Animais nunha das fincas que Píccolo Rancho ten arrendadas

Animais nunha das fincas que Píccolo Rancho ten arrendadas

A empresa ten un baremo con cinco prezos distintos a pagar en función da calidade, ubicación e dimensión do terreo. “Temos prezos por calidade, nos que pagamos un 258% máis a primeira calidade que a quinta, e logo tamén por volume, de menos de 5.000 metros cadrados, entre 5.000 metros e unha hectárea, ata 5 hectáreas, ata 25 hectáreas e de máis de 25. De menos de 5.000 metros a unha hectárea pagamos un 18% máis o metro cadrado e un 258% máis no caso das de máis de 25 hectáreas. Pero nestes 40 anos das miles e miles de fincas que pasaron polas miñas mans tan só 26 tiñan máis de 25 hectáreas”, recoñece Aladino.

A empresa ten un baremo con cinco prezos distintos en función da calidade, ubicación e dimensión do terreo

O minifundio é máis acentuado na provincia de Pontevedra, onde “son todo cousas pequenas”. Pero o obxectivo de Píccolo Rancho é facer pezas grandes de 80 ou 100 hectáreas, porque “unha finca de media hectárea só vale para plantar horta. A partir de 25 hectáreas se queres meter gando xa podes facer algo”, Pero quéixase de que custa moito traballo e diñeiro lograr parcelas grandes. “Sae a prezo de ouro porque ao ter que comprar a tantos propietarios só en gastos notariais é un diñeiral”, asegura.

Unha finca de media hectárea só vale para horta, pero se queres meter gando a partir de 25 hectáreas xa podes facer algo

As pezas máis grandes coas que contan atópanse en Vilalba, sobre todo nas parroquias de Vilapedre, San Simón e Santaballa; nas Pontes, onde teñen 80 hectáreas xuntas; en Muras, onde posúen 90 hectáreas no Viveiró; ou en Ourol, “onde con calma e paciencia poderiamos facernos tamén con moito máis terreo”, di Aladino.

Como facer unha peza de 1.202 hectáreas?

A maior finca privada de Galicia, con 1.200 hectáreas nunha peza, é propiedade de Píccolo Rancho. Está alugada a unha explotación de vacún de carne en extensivo rexentada por un mozo, Finca Enxebreza, e atópase na parroquia de Vilapedre, en Vilalba. Como se logran xuntar 1.200 hectáreas en Galicia? “Esa finca levou 30 anos conseguir facela. Hai máis de 12.000 firmas e 4.000 escrituras, entre públicas e privadas. Eu teño estado nalgunha casa ata as 4 da mañá. A xente é moi chantaxista, se teñen unha parceliña no medio aprovéitanse. Algún enclave que quedaba no medio pagámolo cinco veces o que valía. Facer unha finca deste tamaño lógrase permutando moito e perdendo para poder xuntar parcelas. Despois no 1992 empezou a concentración parcelaria na parroquia e levou 20 anos facela, pero a concentración xa a tiñamos feita nós. Alí a concentración prexudicounos porque nos fixo perder 74 hectáreas. Agora temos 100 parcelas que forman unha peza e 1.202 hectáreas en total”, explica Aladino.

A concentración parcelaria prexudicounos en Vilapedre porque nos fixo perder 74 hectáreas. A concentración xa a tiñamos feita nós despois de 30 anos comprando fincas

Máis alá de dilatarse no tempo, “as propias concentracións parcelarias fanse moi mal”, opina desde a súa experiencia, porque “dan 20 fincas a unha mesma persoa, ou fincas en proindiviso a varios herdeiros, cando o lóxico sería dar unha soa finca por propietario ou dúas como moito nun segundo lugar”, considera. “En Sarria lembro un caso dun paisano que tiña catro fincas de concentración de 800 metros cada unha en sitios distintos porque o pediu el así e teño visto incluso fincas sen acceso malia ser de concentración parcelaria, ou separadas por regatos, nós temos unhas 20 parcelas así”, quéixase.

Clientes: desde gandeiros con pouca superficie para a PAC a multinacionais madeireiras

Píccolo Rancho adquire as fincas a particulares e logo ponas de novo no mercado alugándoas tanto a gandeiros como a grandes empresas madeireiras. “Para plantar eucaliptos é unha febre a demanda que hai. É raro o día que non chama alguén, pero agora está moi limitado e é complicado”, recoñece Aladino. As parcelas de monte de maior tamaño están arrendadas a Navigator e a Norfor, esta última petencente ao grupo Ence.

Para plantar eucaliptos é unha febre a demanda que hai. É raro o día que non chama alguén

No caso das fincas agrarias, os clientes son fundamentalmente particulares. “Traballamos moito alugando parcelas a gandeiros que non teñen superficie dabonda para declarar na PAC porque non lles chegan as súas fincas para as cabezas de gando que teñen, temos moitísima xente dese tipo”, conta.

Ademais de alugar, a empresa tamén vende, pero non hai quen compre e iso que se poñen prezos moi razoables

Aladino sente predilección polos mozos á hora de escoller arrendatario. “Procuro alugarlles a eles e axudarlles en todo o que podemos para que poidan defenderse no sector e saír adiante. A finca de Vilapedre témoslla alugada a Xabier, que ten 23 anos, a de San Simón lévaa outro mozo de 26 anos que tamén ten vacas de carne, igual que a do Viveiró”, explica.

“O diñeiro da Rede Natura vai para a Xunta, os Concellos e os ecoloxistas. Os propietarios non ven un peso diso”

Piccolo Rancho2Galicia conta actualmente con 59 Lugares de Importancia Comunitaria (LIC) e 16 Zonas de Especial Protección de Aves (ZEPA), que ocupan unha superficie total de 389.565,9 hectáreas. Parte deses terreos, que constitúen a Rede Natura, teñen usos agrarios ou forestais que están condicionados pola normativa ambiental. Aladino é moi crítico coa xestión que se fai por parte da Administración e Píccolo Rancho mesmo demandou á Xunta polas perdas que lle tería provocado a declaración de Rede Natura nas súas propiedades, pero en xullo do 2019 unha sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia botou por terra as súas pretensións.

Reclamaban unha indemnización de 15,6 millóns de euros polos prexuizos sufridos pola inclusión das súas fincas na listaxe europea de áreas protexidas con distintas figuras de protección ambiental, o que leva aparellada unha diminución do valor dos terreos ante as limitacións ás actividades permitidas, que afectan por exemplo á explotación de gando no monte por impedir determinadas prácticas de renovación e mellora de pradeiras que provocan unha diminución da carga gandeira.

Píccolo Rancho demandou unha indemnización de 15,6 millóns polas perdas que lle tería provocado a inclusión das súas propiedades na Rede Natura pero en xullo do 2019 unha sentenza do TSXG botou por terra as súas pretensións

A empresa reclamou esta indemnización en primeiro termo pola vía administrativa, pero acabou acudindo aos tribunais trala negativa do Goberno galego a atender as súas demandas. En concreto, Píccolo Rancho alegaba que a inclusión en Rede Natura das súas propiedades no concello de Muras impedía ou restrinxía actuacións como os movementos de terra para a renovación de pradeiras ou cultivo de cereais, os arrendamentos para a explotación extensiva ou intensiva de gando, así como as plantacións de eucalipto e as cortas de madeira.

Sen embargo, o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia repite os mesmos argumentos cos que xa que no mes de febreiro dese mesmo ano desestimaba tamén a solicitude de 370.000 euros dun veciño de Muras con 23 parcelas incluídas en Rede Natura. O TSXG non considera probado o dano nin vía cambios a nivel de protección legal coa entrada en vigor do Plan Director: “Cabe deducir que a entrada en vigor do Plan Director da Rede Natura 2000 non supuxo ningunha limitación específica e exclusiva para o aproveitamento das parcelas propiedade da empresa reclamante que non estiveran xa contempladas na lexislación vixente con anterioridade”, indica a Sala do Contencioso do TSXG na súa sentenza.

Agardando pola resposta do Tribunal Supremo

Pero Píccolo Rancho non se dá por vencida. “É vergoñento, fixeron un corta-pega na sentenza. Recurreuse en Madrid e estamos agardando a resposta do Supremo e senón iremos a Europa. A nosa é unha empresa que non se mete con ninguén pero que tampouco se deixa pisar”, avanza Aladino.

A Rede Natura constitúe un verdadeiro lastre para o desenvolvemento económico e social da zona rural de España e principalmente de Galicia

“A Rede Natura constitúe un verdadeiro lastre para o desenvolvemento económico e social da zona rural de España e principalmente de Galicia, cada vez máis despoboada e falta de oportunidades para os mozos, sendo unha das causas que contribúen a isto as restricións, limitacións e prohibicións que supón a Rede Natura e que van en aumento, sen que os gobernos das comunidades autónomas dispoñan de partidas presupostarias para compensar e indemnizar aos titulares de dereitos previamente consolidados. A unha propiedade privada non se lle pode meter unha carga sen pagar o xustiprezo correspondente. A Administración está a cobrar da UE un diñeiro por fincas que non son dela, non se poden meter as fincas dos propietarios privados sen contar con eles. O diñeiro vai para a Xunta, os Concellos e os ecoloxistas e os propietarios non ven un peso diso, e aínda por enriba acribíllanos con sancións por todo. Asoballan á xente”, considera.

Ampliación pendente da Rede Natura

A Rede Natura 2000 foi establecida pola Comisión Europea o 21 de maio de 1992 coa aprobación e publicación da Directiva Hábitat (DC 92/43/CEE) e representa na actualidade máis do 18% da superficie terrestre da UE (no caso de Galicia, o 11,74% da superficie da comunidade está considerado LIC), estando configurada na meirande parte dos casos por propiedades privadas.

A comezos do ano pasado a Axencia Europea de Medio Ambiente publicaba o seu informe cos resultados sobre o terceiro periodo de avaliación da Rede Natura, no que España saía mal parada como un dos Estados onde máis biodiversidade se segue a perder malia ser un dos países membros con maiores valores neste sentido. En canto á situación de Galicia, ningún dos hábitats identificados como prioritarios están nun estado de conservación favorable, segundo a Comisión Europea, que urxe ademais a ampliación dos espazos con protección ambiental.

Píccolo Rancho alegou contra o Plan Director da Rede Natura, aprobado pola Xunta no 2014, onde se definían os usos autorizables, permitidos e prohibidos nestes espazos

Sen embargo, o Goberno galego non ampliou aínda a día de hoxe a superficie protexida (incumprindo as reiteradas demandas da Comisión Europea neste sentido) e desde Píccolo Rancho arróganse ese logro. “Logramos paralizar a ampliación da Red Natura prevista. En Santaballa metían toda a finca, casas incluídas, é un despropósito”, di Aladino. “No 2014 publicaron non DOG o Decreto 37/2014, do 27 de marzo, polo que se declaran zonas especiais de conservación os lugares de importancia comunitaria de Galicia e se aproba o Plan Director da Rede Natura 2000 en Galicia, pero o prazo para delimitala vencía no 2007 e eles non puxeron as estacas ata o 2010. Enganaron a Europa e van ter que devolver cartos a Bruxelas”, asegura.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información