A situación do matadoiro do Carballiño, pechado desde setembro do 2012 por avaría, debatiuse na comisión de Agricultura do Parlamento, na que se puxo de manifesto que en breve sairá a concurso a xestión do centro de sacrificio tras un peche de dous anos e medio. O concurso público da instalación xa se anunciara hai máis de medio ano, pero trámites burocráticos retrasaron o proceso, segundo o grupo popular da cámara galega.
O matadoiro público do Carballiño estivo xestionado ata setembro do 2012 por un colectivo de carniceiros da comarca do Carballiño, momento en que se avariou e se pechou a instalación. O Concello barallou a súa entrega ó cluster da Carne, pero finalmente optou por sacalo de novo a concesión, según explicou onte o grupo popular en resposta a unha iniciativa do Bloque.
A deputada nacionalista Tareixa Paz pediu a intermediación da administración autonómica para poñer en servizo o matadoiro, unha proposta que contou co respaldo dos outros grupos da oposición. Paz incidiu en que o peche da instalación obriga ós carniceiros da comarca a acudir a matadoiros doutras vilas, caso de Lalín ou Ourense, un argumento no que incidiu tamén o grupo socialista, que cuantificou un sobrecusto de entre 30 e 50 euros por desprazar o sacrificio dos becerros fóra da comarca. A reapertura, ademais, permitiría recuperar postos de traballo no centro de sacrificio.
O grupo popular, pola súa banda, incidiu en que logo de dous anos e medio xa está en marcha o proceso para sacar de novo a concesión do matadoiro a concurso e criticou tamén á antiga asociación xestora do centro por unha suposta débeda de 30.000 euros co Concello por impago do canon da instalación.
Transxénicos
A Comisión de Agricultura abordou tamén outros temas, caso dunha petición de Alternativa Galega de Esquerda (AGE) para que a Xunta procedese a prohibir os transxénicos en Galicia. O deputado Antón Sánchez pediu da Administración autonómica unha iniciativa similar á do goberno vasco, que segundo Sánchez solicitou de Madrid a prohibición da plantación de transxénicos en Euskadi. “Recentemente a UE autorizou a que cada Estado membro tome decisións propias sobre os transxénicos, polo que agora hai a posibilidade de prohibilos en Galicia”, sostivo.
A proposta foi rexeitada polo grupo popular, que cuestionou que se puidese proceder á prohibición dos transxénicos.