Petición para ampliar o prazo de presentación das solicitudes da PAC

Unións Agrarias asegura que hai retrasos no proceso e advirte tamén das dificultades para declarar superficie agraria útil nos montes veciñais de Lugo

Petición para ampliar o prazo de presentación das solicitudes da PAC

Monte veciñal en Cervantes.

O prazo para presentar as solicitudes de axudas da Política Agraria Común (PAC) abriuse o pasado 1 de marzo e conclúe en principio o 15 de maio. Sen embargo, a día de hoxe, Unións Agrarias asegura que aínda non funciona a aplicación que permite a presentación das solicitudes por parte das entidades colaboradoras e tamén advirte de que hai explotacións que non recibiron da Administración as claves que precisan para pedir as axudas. A organización agraria advirte ademais das dificultades que hai para declarar toda a superficie agraria útil que xestionan as explotacións.

Por estes motivos, Unións solicita de Medio Rural que amplíe o prazo de presentación das solicitudes máis alá do 15 de maio, unha posibilidade permitida pola Comisión Europea, segundo indica a organización.

Problemas en montes veciñais
O pago das axudas da PAC concíbese no novo periodo 2015-2020 como un pago por superficies. Daí a importancia de consignar toda a terra traballada na solicitude das subvencións, unha cuestión que está a presentar dificultades. Unións advirte de que as explotacións que traballan terras en montes veciñais están atopándose con que esas terras non aparecen como superficie agraria útil nas capas do SIXPAC, co cal eses montes en principio non son útiles para a declaración de superficies.

A organización agraria considera que o problema é inexplicable. Unións pon o caso duns montes de Cervantes (Lugo) nos que Medio Rural inspeccionou e deu como aptas esas superficies no 2013, e nos que a día de hoxe non aparece superficie agraria útil no SIXPAC, o sistema de información xeográfica utilizado para referenciar as parcelas agrícolas. Esta situación, de non subsanarse, implicaría unha perda de cartos de axudas públicas para as explotacións gandeiras que están traballando esas terras.

DNI do propietario
Doutro lado, a organización advirte tamén de que no 2016, para a declaración de superficies arrendadas, vai ser preciso poñer na solicitude da PAC o DNI do propietario de cada parcela, unha obriga que considera un problema. “Sabemos que o 90 por cento dos arrendamentos en Galicia son verbais, así como a desconfianza que xera nos arrendadores facilitar o seu DNI para unha Administración. A isto hai que sumarlle as propias características da estrutura familiar galega, onde na maioría de explotacións o propietario das terras non se corresponde co titular da explotación”, apunta a organización en nota de prensa remitida onte.

Pago verde
Por último, Unións volve criticar a xestión que se fixo en Galicia do chamado pago verde da PAC, unha parte das axudas que está condicionada á diversificación de cultivos e que obrigará a algunhas explotacións a deixar tamén un 5 por cento das súas terras a barbeito. A organización entende que estas medidas implicarán unha perda de rendibilidade das explotacións e advirte tamén de que nas condicións climáticas de Galicia, deixar terras a barbeito supón aumentar os riscos asociados ós lumes forestais.

Unións propón outra xestión do pago verde e insta á Xunta a tomar exemplo de Portugal, estado que solicitou ante a UE que se teñan en conta circunstancias particulares da agricultura lusa á hora de definir os criterios do pago verde.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información