“Perú conta cun enorme potencial apícola e dende Galicia imos asesoralos para elaborar cosmética a partir dos seus meles”

A veterinaria apícola galega Esther Ordóñez, tamén presidenta da IXP Mel de Galicia, ven de visitar os Andes peruanos, dentro dun proxecto para axudar ás mulleres apicultoras a mellorar a rendibilidade dos seus colmeares. Falamos con ela desta iniciativa, que conta co apoio da Xunta de Galicia, e das liñas de colaboración que xurdiron entre os apicultores galegos e do Perú.

ESTHER APICULTURA PERU 1-Ves de participar nunha viaxe a Cusco (Perú) para coñecer o seu sector apícola e tamén amosar como é a apicultura en Galicia. En que consistiu esta estadía?
Tiven a sorte de poder participar no proxecto solidario apícola de Quispicanchi con Taller de Solidariedade (TDS), fundación de cooperación internacional, impulsada pola Congregación das Servas de San José, que traballa pola igualdade de xénero, a xustiza social e o fortalecemento de medios de vida sostibles, especialmente para mulleres e mozas.

No Perú, Taller de Solidariedade leva máis de quince anos traballando xunto á súa socia local Asociación Jesús Obrero – CCAIJO, acompañando procesos de desenvolvemento rural e fortalecemento comunitario na rexión andina de Cusco.

A apicultura conversteuse nunha alternativa sostible de ingresos e tamén nunha ferramenta clave para a protección da biodiversidade e a adaptación ao cambio climático nos Andes

Un deses procesos é o que nos compete, o proxecto apícola de Quispicanchi, onde actualmente se fortalecen 125 emprendementos familiares sostidos principalmente por mulleres e mozas. A apicultura converteuse alí nunha alternativa sostible de ingresos e tamén nunha ferramenta clave para a protección da biodiversidade e a adaptación ao cambio climático nos Andes.

O intercambio técnico entre Galicia e Perú permitiu compartir coñecementos sobre sanidade apícola, adaptación climática, biodiversidade e calidade dos meles, xerando aprendizaxe en ambas direccións entre comunidades rurais, organizacións sociais e especialistas apícolas.

Todo isto non se lograría sen o apoio da Xunta de Galicia, grazas aos que este traballo en rede segue crecendo.

Foi unha experiencia extraordinariamente enriquecedora, tanto desde o punto de vista profesional como humano. Por unha banda, tiven a oportunidade de participar no proxecto solidario apícola que Taller de Solidaridade (TDS) e a súa socia local CCAIJO desenvolven na provincia de Quispicanchi, unha iniciativa que utiliza a apicultura como ferramenta para mellorar os medios de vida das familias rurais, promover a igualdade de oportunidades e contribuír á conservación da biodiversidade andina. E que a apicultura sexa unha forma de levar cartos á casa e permita ás mulleres ser máis independentes. Tamén busca axudar a eses mozos que queren vivir do campo.

Por outra banda, participei no Encontro Internacional de Coñecementos Apícolas Andinos e Occidentais, un espazo de diálogo e intercambio no que se reuniron apicultores, técnicos, investigadores e organizacións de distintos territorios para compartir experiencias e reflexionar sobre os desafíos que afronta a apicultura a nivel global.

O que máis destacaría foi precisamente ese intercambio de coñecementos entre realidades moi diferentes, pero que comparten retos comúns. Foi moi enriquecedor comprobar como a apicultura pode converterse nun motor de desenvolvemento rural e nunha ferramenta de adaptación ao cambio climático, tanto nos Andes peruanos como en Galicia.

A miña participación centrouse fundamentalmente na sanidade apícola e na cría de raíñas. Durante a estancia compartín a experiencia galega en materia de control da varroa, prevención de enfermidades, boas prácticas de manexo e selección de raíñas, aspectos fundamentais para mellorar a saúde e a produtividade das colonias. Tamén tivemos ocasión de intercambiar experiencias sobre organización do sector, formación apícola e valorización dos produtos das abellas.

Pero máis alá da transferencia técnica, creo que o máis valioso foi a aprendizaxe mutua. Eu fun compartir coñecementos, pero tamén regresei con novas perspectivas sobre a relación entre a apicultura, a biodiversidade e o desenvolvemento comunitario. Este tipo de proxectos demostran que as abellas poden ser unha ponte entre culturas e territorios, xerando oportunidades económicas, fortalecendo comunidades rurais e contribuíndo á protección do medio ambiente.

¿Que destacarías deste proxecto e en que se centrou a túa participación?
Estou moi agradecida tanto a Taller de Solidariedade como a CCAIJO por elixirme como representante para ir participar neste proxecto tan interesante denominado “Forxando futuro dende a colmea”, que serve de ferramenta de autonomía económica para mulleres e mozos que queren vivir do campo.

O intercambio permitiu compartir coñecementos tanto teóricos, a través de charlas divulgativas e informativas que impartín sobre sanidade apícola, facendo fincapé en Varroose e o seu control; como prácticos a nivel de campo, revisándose colmeares in situ, onde se viron distintas problemáticas e intercambiáronse coñecementos técnicos de sanidade apícola, alimentación, cría de raíñas e manexo.

Ademais, houbo participación na retirada das alzas e envasado de mel, así como recollida de mostras de mel para posterior análise en Galicia, a través da colaboración de Carmen Seijo, catedrática de bioloxía da facultade de Ciencias de Ourense, Universidade de Vigo. E tamén se fixo recollida de plantas de importancia apícola nos 5 lugares onde se impartiron as formacións (nas 5 asociacións da provincia de Quispicanchi ubicadas nos distritos de Cusipata, Quiquijana, Andahuaylillas, Urcos e Tipón), para facer con elas un herbario para ter de referencia a nivel de pole apícola que logo se poida comparar co que apareza nos meles que se recolleron para análises.

Coñecementos teóricos:

Nos distintos lugares déronse charlas teórico-prácticas sobre sanidade apícola, centrándose sobre todo en prevención, detección, control e tratamento de varroa. Aínda que tamén se explicaron outras enfermidades apícolas e problemas derivados do cambio climático. Explicouse tamén como se realiza unha cata de meles e cal é o proceso, levei as monoflorais de Mel de Galicia coas que se fixo unha cata comentada e cos meles que as participantes traían tamén facíamos cata para ver as súas características organolépticas. Finalmente explicáronse os puntos clave da cría de raíñas e división de colmeas.
Coñecementos prácticos:

• Sanidade apícola, boas prácticas veterinarias e de manexo. En campo fixéronse controis de infestación de varroa tanto en abellas adultas, como en cría co dispositivo que levei (easy check). E déronselles indicacións de como facer os controis de varroa cos pisos sanitarios ou pisos trampa, e mesmo formas de facelo sen gastar diñeiro en compralos. Do mesmo xeito que para facer o control en abellas adultas explicóuselles como facer o dispositivo easy check de forma artesanal. Ademais revisáronse as colmeas con respecto a outras patoloxías como loque europea (da que se recolleron varias mostras de cría e pupas para analizar en España) e polo escaiolado.
• Adaptación e estratexias de resiliencia das colmeas ás condicións de cambio climático. Comprobando que os cambios bruscos de climatoloxía e con iso tamén a afectación en secreción de néctar e pole, repercuten directamente nas colmeas a nivel de alimentación, desenvolvemento e mesmo viabilidade das colmeas. Podendo comprobar in situ a escased de alimentación en cámara de cría aínda tendo alzas postas, o que repercutiría (se se mantén) en parón de produción das colmeas, posible mortaldade de cría e mesmo mala preparación para invernada, con posible mortaldade da colmea durante ela.
• Calidade e diferenciación dos meles andinos, durante a extracción das alzas melarias, o seu transporte á zona de extracción e envasado a veterinaria participou achegando os seus coñecementos ao respecto. E, para transmitir a importancia de valorizar os meles a través de monoflorales ou, aínda que non cheguen a ser monoflorales, ver as diferenzas entre os meles das distintas zonas a través de análise organoléptica, para que se desen conta de que son diferentes aínda estando dentro da mesma provincia de Quispicanchi. Para iso Ester Ordóñez levou mostras dos distintos meles acollidos á Indicación xeográfica Protexida Mel de Galicia: de silva, eucalipto, castiñeiro e breixo, para que puidesen comprobar a diferenza facendo unha cata guiada e comentada. E logo intentar trasladar isto aos meles andinos.
• Recollida de mostras de abellas, cría e panal para análise de enfermidades. Durante as visitas a distintos apiarios recolléronse mostras para discernir a través de laboratorio se era unha enfermidade de orixe bacteriana: loque europea. Así como mostras de abellas para ver posibles virus e tamén infestación de varroa.
• Recollida de mostras de meles para análises. Recolléronse 15 mostras das distintas zonas, 3 por zona, para ter unha variabilidade en canto a floración e tipo de meles e ver as características das mesmas.
• Recollida de mostras de pole de floración melífera e polinífera, para realización dun herbario das zonas visitadas da provincia de Quispicanchi. O herbario será unha axuda, tanto a nivel fotográfico como a nivel polinífero para a determinación da floración que apareza nos meles e que axude a determinar a súa procedencia e composición.

ESTHER APICULTURA PERU 4

¿Que destacarías do Encontro Internacional de Coñecementos Apícolas Andinos e Occidentais?
A maiores tamén participei nun Encontro Internacional de Coñecementos Apícolas Andinos e Occidentais, onde eu participei en representación de España. Dito encontro durou 2 días e participei en varias mesas redondas onde os temas eran: 1. Danos causados por pesticidas e fumigacións agrícolas. 2. Floración en períodos curtos e necesidade de suplementación. 3. Adulteración do mel Técnicas produtivas tradicionais e uso limitado de tecnoloxía. 4. Acceso limitado a servizos, mercados e capacitación. 5. Pouca transformación e valor agregado do produto. E a outra mesa redonda era un Conversatorio sobre a produción, comercialización, transformación de produtos apícolas, visión a futuro do que desexan alcanzar.

 Entre Galicia e os Andes hai moitas problemáticas comúns, aínda que nos separen moitos kilómetros e culturas, que son sobre todo a varrose e o cambio climático.

Ademais tamén din unha conferencia sobre introducción na crianza de raíñas e a súa relación coa Sanidade apícola. Nela tratei casos prácticos atopados nas visitas previas ás explotación apícolas.

Deste encontro resaltar que hai moitas problemáticas comúns, aínda que nos separen moitos kilómetros e culturas, que son sobre todo a varrose e o cambio climático.

En xeral, foi unha experiencia moi enriquecedora, tanto a nivel profesional como humano. O encontro reuniu a apicultores, técnicos, investigadores e representantes de distintas organizacións de Perú, España e outros países, creando un espazo de intercambio de coñecementos sobre apicultura, biodiversidade e adaptación ao cambio climático.

O que máis destacaría foi a oportunidade de coñecer de primeira man a realidade da apicultura andina, desenvolvida en territorios de gran riqueza ambiental e cultural, e comprobar como as abellas se converten nunha ferramenta de desenvolvemento sostible para moitas comunidades rurais. Tamén resultou especialmente interesante compartir experiencias sobre os retos comúns que afrontamos en diferentes partes do mundo, como a sanidade das colmeas, a perda de biodiversidade, o impacto do cambio climático ou a profesionalización do sector.

-¿Cales foron as principais conclusións deste proxecto e encontro internacional?
Foi un encontro que demostrou que, malia as diferenzas xeográficas, os apicultores compartimos desafíos semellantes e que a cooperación internacional é clave para construír unha apicultura máis sostible, resiliente e comprometida coa conservación da biodiversidade.

Unha das principais conclusións do encontro foi que a apicultura ten un papel estratéxico que vai moito máis alá da produción de mel. As abellas son fundamentais para a conservación da biodiversidade, a polinización dos cultivos e a sustentabilidade dos ecosistemas, polo que a súa protección debe considerarse unha prioridade a nivel global.

Tamén quedou patente que o cambio climático está a afectar ás abellas en todos os territorios, aínda que de formas diferentes. As alteracións nos ciclos de floración, os fenómenos meteorolóxicos extremos e a aparición de novas ameazas sanitarias obrigan ao sector a adaptarse e a apostar por unha apicultura cada vez máis resiliente.

Outra conclusión importante foi a necesidade de reforzar a formación e o intercambio de coñecementos entre países. A cooperación internacional permite compartir experiencias de éxito e solucións prácticas a problemas comúns, desde o control de enfermidades ata a mellora xenética das abellas ou a diversificación dos produtos apícolas.

O encontro tamén puxo en valor o papel da muller e da mocidade no desenvolvemento da apicultura como actividade económica sostible, especialmente en zonas rurais onde contribúe á xeración de ingresos e á fixación de poboación.

Por último, constatouse que a protección das abellas require un enfoque integral, combinando investigación, formación, boas prácticas de manexo, conservación dos recursos naturais e políticas públicas que apoien ao sector apícola. Só así poderemos garantir a saúde das colmeas e os servizos ambientais que prestan ás nosas sociedades.

-¿Que problemáticas ves en común entre os apicultores de Galicia e os de Perú?
A pesar da distancia xeográfica e das diferenzas ambientais, os apicultores de Galicia e Perú comparten moitos retos. Un dos máis importantes, é que segue a ser o talón de Aquiles da a apicultura mundial, é a varroose principal ameaza para as colmeas en ambos territorios, obrigando aos apicultores a realizar un control constante e a buscar estratexias cada vez máis eficaces e sostibles para o seu manexo. Destacar de todos xeitos que nas zonas que visitei a infestación é máis baixa que en España, aínda que o que eles transmiten é que “la varroa realmente es un problema crítico y cada vez se va poniéndose más difícil”. Ata o de agora con tratamentos ecolóxicos chegáballes, pero cada vez teñen máis problemáticas coa varroa que lles provocan baixada de producións e mortaldades de colmeas.

Outro problema, o impacto do cambio climático, que está a modificar os períodos de floración, a dispoñibilidade de alimento para as abellas e o comportamento das colonias, xerando unha maior incerteza na produción, provocando igual que aquí mortes por fame por cambios bruscos de climatoloxía en momentos de desenvolvemento de colmeas.

Tamén existe unha preocupación compartida pola perda de biodiversidade e pola redución de recursos melíferos, a meirande parte das veces asociada ao cambio climático, isto afecta á alimentación e desenvolvemento das colmeas; así como á saúde e á produtividade das abellas tanto en Galicia como nas rexións andinas do Perú.

Con respecto a meles doutros países o que me trasladaron foi que “el problema es de qué no llega directamente de China o Argentino o México quizás son unos países con mayores exportación. Si no es el hecho de que aparecen con rótulo de origen de países como España, Honduras, Nicaragua, etc…., pero en realidad son mieles que vienen de China entonces ese es el problema, que el origen no está claro”. No nosos caso xa hai a obrigatoriedade de poner en mesturas de meles os países e os porcentaxes. E, en Galicia, recordar que baixo o paraugas da Indicación Xeográfica Protexida Mel de Galicia temos a sorte de quie os consumidores cun só vistazo xa saben que ese mel é de orixe galego e cunha calidade diferenciada.

Algo que sempre que podo lle sigo recordando ao sector, e que igual que lles dixen en Perú que pensasen como abellas, que se unisen e pensaran no ben común o sector apícola galego ten que unirse baixo o paraugas da IXP, así é como mellor poden loitar contra o “ruido” que hai a apicultura, non só a nivel España senón a nivel mundial. De feito é algo que os peruanos resaltaron e que cada vez dende máis sitios o recoñecen así.

En Perú estiveron moi interesados polo proxecto de diversificación da Agrupación Apicola de Galicia: Belacolmea: cosmética natural apícola

Ademais, os apicultores dos dous países enfróntanse ao reto de mellorar a rendibilidade das súas explotacións. Non abonda con producir mel, posto que só con isto non da para que as explotación sexan rentables e rendibles. Cada vez é máis importante diferenciar e valorizar os productos no mercado, poñer en valor a súa calidade, acceder a mercados e avanzar na profesionalización do sector. Debido a isto estiveron moi interesados polo proxecto de diversificación da Agrupación Apicola de Galicia: Belacolmea: cosmética natural apícola con Mel de Galicia e queren que lles asesoremos para levar a cabo alí ese proxecto.
Aínda que os dous sitios comparten que moitas familias do rural teñen cada vez máis que diversificar para poder vivir no rural e do rural. Con todo, en ambos casos as abellas representan unha oportunidade para xerar riqueza, conservar a biodiversidade e fortalecer o tecido rural. Esa visión común foi precisamente un dos aspectos máis enriquecedores do encontro.

-¿Cal é a situación xeral da apicultura andina, e en concreto en Perú?
A apicultura andina está a experimentar un importante proceso de desenvolvemento e profesionalización. En moitas zonas dos Andes, ao igual que en Galicia, a actividade apícola constitúe unha fonte complementaria de ingresos para as familias rurais e está estreitamente vinculada á conservación da biodiversidade e ao aproveitamento sostible dos recursos naturais.

No caso de Perú, a apicultura ten un gran potencial de crecemento debido á enorme diversidade de ecosistemas e flora existente, desde as zonas andinas ata os vales interandinos e as rexións amazónicas. Esta riqueza floral permite producir meles con características moi diferenciadas e ás que se lle podedar un valor engadido. Ademais, nos últimos anos estanse impulsando programas de formación, asociacionismo e mellora técnica que están contribuíndo a fortalecer o sector. E como elas me trasladaron “la comercializacion de la miel en Perú ha tenido un incremento post COVID, y una mejora de la presentación de la miel para su comercialización ( potes de vidrio y PET) lo que también ha conllevado a una mejora del proceso de cosecha, gracias intervención de instituciones privadas (ccaijo y otras) e instituciones ( públicas gobierno nacional, regional y local) a través de proyectos que impulsan la actividad apícola y su comercialización” con lo cual desde ese momento estamos aprovechando para mejorar el sector.

En canto ao prezo do mel é un mercado que paga un prezo variado polo mel, “en el mercado existen mieles desde 13 soles (3 dólares aprox.) y hasta 35 soles (8 e algo en dólares)”. A miña recomendación ao respecto é que se unan a través de asociación e que diferencien e valoricen o produto. Ademais de que teñen moito turismo e poden utilizar este para a venda do mel en hoteis e restauración.

Outro aspecto destacable é que a apicultura en Perú ten unha forte dimensión social. En moitas comunidades rurais contribúe á diversificación económica, á mellora dos ingresos familiares e á creación de oportunidades para mulleres e mozos. Ademais, está cada vez máis recoñecida como unha actividade aliada da conservación ambiental, especialmente en territorios de gran valor ecolóxico como os Andes.

 Perú conta cun enorme potencial apícola e cun sector moi dinámico e comprometido

A miña impresión é que Perú conta cun enorme potencial apícola e cun sector moi dinámico e comprometido. O intercambio de coñecementos e experiencias con outros países pode contribuír a acelerar ese proceso de fortalecemento e a afrontar con maiores garantías os retos futuros.

-A túa estadía, incluíu visitas a explotacións apícolas e encontros con apicultores e apicultoras. ¿Que destacarías desta experiencia?
Sen dúbida, foi unha das partes máis enriquecedoras da viaxe. Máis alá das sesións técnicas e das conferencias, ter a oportunidade de visitar explotacións apícolas e conversar directamente cos apicultores e apicultoras permite coñecer a realidade do sector desde dentro e comprender mellor os seus retos e oportunidades.

O que máis destacaría é a ilusión, a capacidade de adaptación e o compromiso das persoas que traballan coa apicultura nas comunidades andinas. Moitas veces desenvolven a súa actividade en condicións complexas, pero cun profundo coñecemento do territorio e unha gran conciencia da importancia das abellas para a conservación do medio natural e para a economía familiar.

Tamén me chamou a atención a estreita relación existente entre a apicultura e o desenvolvemento comunitario. En moitos casos, as colmeas non só representan unha fonte de ingresos, senón tamén unha ferramenta para fortalecer a organización local, promover a participación das mulleres e xerar oportunidades para a mocidade rural.

Dende o punto de vista técnico, foi moi interesante intercambiar experiencias sobre manexo, sanidade e produción apícola. Aínda que as condicións ambientais son moi diferentes ás de Galicia, as apicultoras comparten moitas das preocupacións que temos aquí: a saúde das colonias, a adaptación ao cambio climático, a mellora da produtividade e a valorización dos seus produtos.

Ademais, estas visitas permitíronme comprobar o enorme potencial apícola que existe en Perú, grazas á súa extraordinaria biodiversidade e á riqueza da súa flora. Foi unha experiencia de aprendizaxe mutua, na que tanto eles como eu tivemos a oportunidade de compartir coñecementos e descubrir novas formas de afrontar desafíos comúns. Ese intercambio directo entre persoas é, probablemente, o maior valor deste tipo de iniciativas.

Dende o punto de vista técnico, resultou moi interesante coñecer as características das súas abellas. Nos Andes atópase unha gran mestura xenética de subespecies europeas, principalmente Apis mellifera mellifera, ligustica, caucasica e cárnica; que ao longo do tempo se cruzaron con liñas africanizadas derivadas de Apis mellifera adansonii introducidas en América. Antes da viaxe faláranme moito da suposta agresividade destas abellas, pero a realidade foi ben distinta. Nos apiarios que visitei traballamos practicamente só coa casaca de protección e eu apenas recibín dúas picaduras en toda a estancia, algo que me sorprendeu moi gratamente.

 Nos Andes atópase unha gran mestura xenética de subespecies europeas que ao longo do tempo se cruzaron con liñas africanizadas

Outro aspecto que me chamou a atención foi a preocupación que teñen pola renovación das raíñas. Moitos apicultores cambian as raíñas cada ano ou cada dous anos como máximo e preguntaban con frecuencia onde poder conseguir boas raíñas que lles permitisen reducir a tendencia ao enxameamento e mellorar a produtividade. Neste sentido, insistín na importancia da selección propia, identificando e reproducindo aquelas colonias que presentan mellores características: menor tendencia a enxamear, maior produción, mellor comportamento hixiénico e, se é posible, menor nivel de infestación por varroa.

Precisamente a varroose foi outro dos temas centrais das reunións. A situación actual nos Andes segue sendo mellor que a que temos en Galicia e noutras zonas de España, xa que os niveis de infestación son, en xeral, máis baixos. Porén, os apicultores xa están a observar un aumento progresivo da presión do parasito e os seus efectos: diminución da produción, problemas de cría e mesmo perdas de colonias.

Tradicionalmente o control da varroa realizouse mediante métodos naturais e preparados artesanais elaborados con follas de tabaco, eucalipto, ácido oxálico e outros produtos de uso local. Non obstante, o incremento das infestacións está obrigando cada vez máis a complementar estas prácticas con tratamentos autorizados, principalmente a base de fluvalinato.

Por iso, unha parte importante das formacións centrouse non tanto nos tratamentos en si, senón na importancia de realizar controis periódicos da infestación. O fundamental é coñecer a carga real de varroa que ten cada colmea para poder actuar a tempo e evitar que os niveis cheguen a ser problemáticos. Esa cultura do seguimento e da toma de decisións baseada en datos é probablemente unha das ferramentas máis valiosas que podemos compartir.

En definitiva, foi unha experiencia de aprendizaxe mutua. Eu fun para compartir coñecementos sobre sanidade apícola e cría de raíñas, pero tamén regresei con novas perspectivas e cun enorme respecto polo traballo que realizan estas comunidades. Ese intercambio directo entre persoas, máis alá da teoría, é probablemente o maior valor deste tipo de proxectos de cooperación.

-¿Como é este tipo de apicultura familiar?
A apicultura familiar que puiden coñecer en Perú caracterízase por ser unha actividade de pequena escala, profundamente integrada na vida das comunidades rurais e complementaria doutras actividades agrícolas e gandeiras. Na maioría dos casos, as familias combinan o coidado das colmeas co cultivo da terra, a cría de animais, como os cuies, e outras actividades tradicionais, o que lles permite diversificar os seus ingresos e reducir a dependencia dunha única fonte económica. Nese sentido, atopei moitas similitudes co rural galego, onde o minifundio, a multifuncionalidade e a diversificación tamén forman parte da nosa identidade.

Pero se algo me marcou desta experiencia foi a xenerosidade das persoas. Abríronnos as portas das súas casas e dos seus colmeares, compartindo con nós non só os seus coñecementos, senón tamén a súa forma de vida. Iso permitiunos coñecer de primeira man a realidade da apicultura andina e comprender mellor a importancia que ten para estas comunidades.

Trátase dunha apicultura cun forte compoñente social e comunitario. As explotacións están xestionadas principalmente polas propias familias, cun papel moi destacado das mulleres, que participan activamente tanto no manexo das colmeas como na organización dos grupos apícolas e na comercialización dos produtos.

Ademais de producir mel, as abellas desempeñan unha función esencial na polinización dos cultivos e na conservación dos ecosistemas dos que dependen estas comunidades. Por iso, a apicultura non se percibe só como unha actividade económica, senón tamén como unha ferramenta de protección ambiental e de desenvolvemento local.

Durante as visitas tivemos a oportunidade de realizar actividades moi diversas: revisar colmeas desde o punto de vista sanitario, efectuar controis de varroa en cría e en abellas adultas, analizar fondos sanitarios, participar en extraccións de mel, recoller mostras para análises físico-químicas, avaliar os efectos do cambio climático sobre as colonias e mesmo elaborar un herbario das distintas zonas visitadas da provincia de Quispicanchi. Todo iso permitiunos intercambiar experiencias e coñecementos nun contexto moi práctico e enriquecedor.

O que máis me chamou a atención foi atopar mulleres e mozos con moitas ganas de aprender, pero tamén cun importante coñecemento acumulado grazas á experiencia e ao acompañamento que reciben a través do proxecto. Con eles compartín unha idea que considero fundamental: para avanzar na apicultura hai que pensar un pouco máis como as propias abellas, traballar en comunidade. A formación continua, o asesoramento técnico e, sobre todo, o asociacionismo son ferramentas clave para alcanzar obxectivos que individualmente serían moito máis difíciles de conseguir.

De feito, unha das experiencias que máis interese espertou foi o proxecto Belacolmea, impulsado pola Agrupación Apícola de Galicia, unha iniciativa que transforma os produtos da colmea en cosmética natural elaborada con Mel de Galicia. Moitas das persoas participantes viron nesta experiencia unha oportunidade para diversificar a produción, engadir valor aos seus produtos e crear novas vías de comercialización. Tanto foi así que manifestaron o seu interese por desenvolver proxectos semellantes nas súas comunidades e por seguir colaborando connosco para facelo posible.

Esta apicultura familiar ten enormes fortalezas. Está profundamente ligada ao territorio, aproveita a extraordinaria riqueza floral dos Andes e contribúe a fixar poboación no medio rural, xerando ingresos de maneira sostible e respectuosa co medio ambiente. Ademais, ofrece oportunidades especialmente valiosas para mulleres e persoas mozas en zonas onde as alternativas económicas son limitadas.

En Perú a apicultura está profundamente ligada ao territorio, aproveita a extraordinaria riqueza floral dos Andes e contribúe a fixar poboación no medio rural

En definitiva, a experiencia confirmou algo que ás veces esquecemos: a apicultura non só produce mel. Tamén crea oportunidades, fortalece comunidades, impulsa o emprendemento rural e contribúe á conservación da biodiversidade. E iso puiden velo de primeira man en cada colmear, en cada familia e en cada conversa compartida durante esta viaxe.

-¿Que destacarías do proceso de comercialización e tamén da competencia de meles importados de China ou de Arxentina?
A comercialización é un dos grandes desafíos da apicultura, tanto en Perú como en Galicia. Moitas veces o esforzo de producir un mel de calidade non se ve recompensado cun prezo xusto, porque os apicultores/as teñen dificultades para acceder aos mercados, diferenciar os seus produtos ou transmitir ao consumidor o valor real do que están producindo.

No caso de Perú, observei un gran potencial para a valorización das meles locais, precisamente pola extraordinaria diversidade floral e pola vinculación da produción a territorios de gran riqueza ambiental. Existe unha oportunidade importante para apostar pola identidade de orixe, pola trazabilidade e pola diferenciación, elementos cada vez máis apreciados polos consumidores. E teñen a sorte de ter un importante turismo ao que poden e deben dirixir o seu mercado, ademais de tentar aumentar o consumo interno difundindo os beneficios do mel e os outros produtos apícolas.

En canto á competencia das importacións, é unha preocupación compartida por moitos produtores en todo o mundo. A entrada de grandes volumes de mel procedente de países como China ou Arxentina exerce unha forte presión sobre os prezos, especialmente cando o consumidor toma a súa decisión de compra unicamente en función do prezo. Isto dificulta que as explotacións locais poidan competir en igualdade de condicións.

Tanto en Galicia como en Perú, o futuro pasa por poñer en valor a calidade, a singularidade das meles

Por iso considero fundamental que o mercado valore aspectos como a orixe, a calidade, a autenticidade e as garantías que ofrece o produto local. Unha mel producida por apicultores do territorio non só é un alimento; detrás dela hai un traballo de conservación da biodiversidade, de mantemento do medio rural e de apoio ás economías locais.

A clave non está en competir cos grandes volumes de produción internacional, senón en diferenciarse. Tanto en Galicia como en Perú, o futuro pasa por poñer en valor a calidade, a singularidade das meles, a profesionalización do sector e a transparencia cara ao consumidor. Cando o consumidor sabe o que compra e quen está detrás do produto, é moito máis doado que recoñeza e remunere ese valor engadido.

-¿Tedes previsto darlle continuidade a este intercambio coa visita de apicultores de Perú a Galicia?
Si, a intención é darlle continuidade a este intercambio porque os resultados foron moi positivos e existe un interese mutuo por seguir compartindo coñecementos e experiencias. Este tipo de iniciativas teñen valor precisamente porque non se limitan a unha acción puntual, senón que permiten establecer relacións de colaboración a longo prazo entre profesionais e organizacións de diferentes países. Ademais seguimos en contacto e seguen a trasladarme as súas dúbidas e/ou inquietudes.

E, tanto Carmen Seijo como eu, nos comprometemos axudarlles a poñer a punto un laboratorio no local de extracción comunitario, para que pouco a pouco poidan ser autónomos na realización de análises.

A visita a Perú permitiume coñecer de primeira man a realidade da apicultura andina, pero tamén amosoume o interese que existe por coñecer a experiencia galega en ámbitos como a sanidade apícola, a cría e selección de raíñas, a organización do sector, a trazabilidade ou a valorización dos produtos apícolas a través de Belacolmea e sobre todo a IXP Mel de Galicia.

Por iso, unha das posibilidades que se está explorando é a realización de futuras visitas e intercambios en Galicia, para que apicultores e apicultoras peruanas poidan coñecer sobre o terreo o funcionamento das explotacións galegas, os sistemas de control sanitario, o labor das asociacións e as ferramentas de diferenciación e calidade que se teñen desenvolvido ao longo dos anos.

Ademais do intercambio técnico, estas iniciativas teñen unha dimensión humana e cultural moi importante. Permiten crear redes de cooperación, favorecer a aprendizaxe mutua e demostrar que, malia as diferenzas entre territorios, compartimos moitos dos mesmos retos e obxectivos na defensa das abellas e da apicultura.

Oxalá este sexa só o primeiro paso dun camiño de colaboración máis amplo entre Galicia e Perú. As abellas son unha excelente ponte para conectar territorios, intercambiar coñecementos e construír proxectos con impacto tanto social como ambiental.

ESTHER APICULTURA PERU 3

-¿Algo máis que queiras engadir?
Gustaríame destacar que este proxecto vai moito máis alá dun simple intercambio técnico sobre apicultura. Trátase dunha iniciativa que conecta persoas, territorios e coñecementos arredor dun obxectivo común: protexer as abellas, conservar a biodiversidade e contribuír ao desenvolvemento sostible das comunidades rurais.
A experiencia demostrou que a cooperación internacional é unha ferramenta moi valiosa para afrontar desafíos globais como o cambio climático, a perda de biodiversidade ou as ameazas sanitarias que afectan ás abellas. Ningún territorio ten todas as respostas, pero todos temos algo que achegar.

Tamén me gustaría poñer en valor o papel das organizacións Taller de Solidariedade (TDS) e Asociación Jesús Obrero – CCAIJO, que fixeron posible este encontro e o compromiso dos apicultores e apicultoras participantes. O intercambio de experiencias permitiunos comprobar que, a miles de quilómetros de distancia, compartimos preocupacións, retos e tamén oportunidades para construír unha apicultura máis forte e resiliente.

Desde Galicia levamos unha experiencia moi enriquecedora e, ao mesmo tempo, a responsabilidade de seguir fortalecendo estas redes de colaboración. Porque apoiar a apicultura é apoiar a biodiversidade, a seguridade alimentaria, o desenvolvemento rural e o futuro das xeracións vindeiras.

Se tivese que resumir o proxecto nunha idea, diría que as abellas foron a ponte que uniu Galicia e Perú, pero o verdadeiro valor desta iniciativa está nas persoas, no coñecemento compartido e nas alianzas que se están a construír para seguir traballando xuntos no futuro.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información