Perspectivas para o sector porcino nos próximos meses

Guillem Burset, enxeñeiro técnico agrícola realiza unha radiografía do sector para detectar os principais retos, ameazas e fortalezas. A peste porcina africana, o coronavirus e as exportacións serán claves na produción estatal

Perspectivas para o sector porcino nos próximos meses

O sector porcino español ten a vista posta en varias frontes que poden ser decisivas para a súa evolución nos próximos meses. Toda a cadea está pendente de ameazas específicas como a peste porcina africana (PPA), mentres analizan os efectos que a pandemia mundial do coronavirus pode ocasionarlles.

“A pesar das dificultades que poden presentarse, o sector porcino actual é máis roca que burbulla” (Guillem Burset, enxeñeiro agrícola moi vinculado ao sector da carne)

Todo parece indicar, ademais, que se aveciña unha caída dos prezos. Aínda que, o sector conta tamén con ferramentas específicas para afrontar estas dificultades. Así o apuntou o enxeñeiro agrícola Guillem Burset durante unha xornada telemática organizada, en días pasados, pola comunidade profesional porcina 3tres3. “A pesar das dificultades que poden presentarse, o sector porcino actual é máis roca que burbulla”, exemplifica Burset a solidez desta actividade gandeira.

As principais ameazas

A peste porcina africana segue sendo un dos principais cabalos de batalla para o sector porcino mundial e, aínda que en España non se detectou ningún caso, a ameaza de que poida chegar a verse afectada segue preocupando a toda a cadea. “En España temos experiencia na loita contra a peste porcina convencional, que controlamos en 1989, sabemos como afrontar a epidemia, pero se chegase sería unha auténtica catástrofe”, recoñece o enxeñeiro agrónomo.

Os casos de peste porcina africana confirmados en Alemaña a principios de setembro, aínda que polo momento só se detectaron en xabarís, fixeron intensificar as medidas preventivas en toda Europa. A proximidade e os contactos co porcino alemán converten a peste porcina africana nunha ameaza real para o sector español.

O avance da peste porcina africana, presente xa en fauna salvaxe en Alemaña, e as consecuencias directas da crise do coronavirus son os principais retos do sector español

Á marxe da peste porcina africana, as consecuencias directas da crise do coronavirus é outra das ameazas para o sector español. Burset destaca que, de igual maneira que ocorre coa PPA, polo momento España apenas se viu afectada de forma directa, mentres que outros países, como Alemaña, xa están a notar o seu impacto. A detección de brotes en matadoiros xermanos provocou un atasco considerable no sacrificio de porcos no país, que pode ter efectos tamén en España.

“Nestes momentos Alemaña acumula xa máis de 500.000 porcos pasados de peso, ao atrasar por causa do Covid-19 o sacrificio de 100.000 porcos por semana”, explica o enxeñeiro agrónomo, que conta cunha ampla experiencia no sector cárnico. Esta situación pode deixar consecuencias tamén para o sector español. “Alemaña está a trasladar o problema fóra das súas fronteiras, xa que está a priorizar o sacrificio do produto nacional”, explica Burset. De igual maneira que a actividade nos matadoiros do sector xermano se viu afectada polo coronavirus, ese é tamén un risco real para o sector español.

Alemaña acumula xa máis de 500.000 porcos pasados de peso polo atraso en matadoiros derivado de brotes de Covid-19

Outra das frontes decisivas para España a curto prazo pode chegar de man da exportación. A incidencia da peste porcina africana en China provocou que o xigante asiático comece a comprar tamén partes nobres do porco e non só cartílagos, rabos, patas ou ósos, como demandaba do mercado español desde 2005. “Temos que saber xogar coas proporcións para non vernos desbordados no momento no que China se volva autosuficiente, xa que debemos ser conscientes de que o sector está sobredimensionado para as necesidades do estado español”, detalla o enxeñeiro.

Evolucion-de-las-exportaciones-porcino-

Evolución das exportacións españolas de canales, pezas e despoxos porcinos.

Estados Unidos pode converterse noutro dos quebradeiros do sector español. “O porco é o mellor exemplo de transformación de cereal, no momento en que Estados Unidos tome conciencia do seu potencial e dada a capacidade de produción que teñen de cereal pode chegar a ser un competidor máis directo para o sector español”, apunta. Na actualidade, España sitúase como o terceiro país produtor de carne branca de porco, por detrás de América e China que encabeza o ranking.

As debilidades do sector

A exportación, aínda que supón unha gran oportunidade para o sector, pode converterse nunha das súas debilidades, tal e como revela Burset. “Exportamos máis do 35% da nosa produción, o que expón moito ao sector a factores de risco que escapan do noso control”, valora o experto.

Ademais, a maioría das exportacións diríxense a China, polo que a carne conxélase, a diferenza co que ocorre coas vendas a Europa onde se comercializa en fresco. “A capacidade de conxelar que poida asumir o sector é outro condicionante para o seu desenvolvemento”, detalla.

A capacidade de conxelar que poida asumir o sector é outro condicionante para o seu desenvolvemento

A caída do consumo interno apreciada nos últimos anos é outro hándicap para o sector e que reconduce as vendas cara á exportación. Aínda que, a crise sanitaria ocasionou que neste 2020 se incrementara o consumo interior.

Os escándalos que salpicaron puntualmente ao sector relacionados con condutas inapropiadas preséntanse tamén como un punto feble. Tamén a presión, cada vez maior, de movementos animalistas é outro dos factores que pode ocasionar conflito ao sector. “Temos que afacernos a convivir coas correntes ecoloxistas e animalistas”, valora o experto.

Caída de prezos

Nos últimos meses, e a pesar de toda a conxuntura mundial adversa, o prezo do porcino en España mantívose sen apenas variacións. Con todo, Burset ve probable que se rompa esta tendencia e que o prezo do porco de carne branca en España caia a curto prazo.

Esta caída virá derivada en gran medida pola situación de Alemaña. “A bolsa de gando vivo que se xerou en Alemaña, pola caída de exportacións a China por mor das dificultades da Covid-19, polo momento está focalizada alí, pero en cando se comece a solucionar haberá demasiada carne para o mercado europeo e, polo tanto, o prezo baixará”, concreta o experto.

En España, o prezo do porco cebado sitúase en 1,30 euros por quilo, mentres que en países como Alemaña está xa en 0,98 euros e en Holanda rolda os 1,5 euros por quilo. “De aquí a Nadal, o porco só poderá baixar. Pode que chegue até os 1,15 euros ou que quede en 1,20 euros, pero polo menos teriamos tido unha media moi boa durante todo o ano”, vaticina.

“España leva anos incrementando o peso da canle, unha tendencia favorable tanto para o matadoiro como para o gandeiro”

Outra tendencia que se viu nos últimos anos tanto a nivel mundial como estatal é o incremento do peso por canle. “En España levamos 8 anos nos que se rexistrou un incremento de entre 1 e 2,5 quilos en canle de media cada ano”, detalla. Para o experto, esta tendencia é favorable tanto para o matadoiro, que obtén maior rendemento co mesmo volume de traballo, como para o gandeiro, para quen resulta máis beneficiosa a canle.

Un sector con fortaleza

Fronte a estes retos, Burset incide nas fortalezas do porcino español. “A propia traxectoria do sector é unha garantía de éxito futuro”, valora. O experto lembra a evolución dos sacrificios nos últimos 30 anos, pasando dos 29 millóns que se contabilizaban en 1989 aos 53 millóns realizados en 2019.

Burset destaca tamén o competitivos que son os matadoiros españois, que se converten nun dos bastións do sector. Ademais, a resiliencia do sector e a súa capacidade para sobreporse a crises como a vivida en 1991 fixeron que todos os elos da cadea traballen xa baixo criteiros de eficiencia extrema.

As oportunidades poden chegar tanto do mercado europeo, como polo aproveitamento de todos os mercados aos que vaia podendo ter acceso o sector español, como Australia ou Nova Zelanda. Para o experto sería interesante tentar crear “o noso propio nicho avanzado” tomando como exemplo o caso de Chile con Xapón, a quen exporta carne ao baleiro aproveitando que é un dos provedores máis competitivos pola súa proximidade.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información