Perspectivas do mercado do leite: estabilidade de prezos e máis entregas

A Comisión Europea destaca a tendencia positiva dos mercados de manteiga, proteína láctea, queixos e leite en po desnatado. A UE continúa liderando as exportacións mundiais, co 32% do total

Perspectivas do mercado do leite: estabilidade de prezos e máis entregas

O último informe da Comisión Europea sobre perspectivas a curto prazo dos mercados agrarios apunta a unha estabilidade no mercado lácteo para o que resta do 2019. Espérase unha maior recuperación do mercado de leite en po desnatado, que xa comezou a mellorar a comezos de ano, e que continúe a estabilidade en prezos altos da manteiga, factores ambos que fan prever unha mellora do prezo do leite equivalente. A parte negativa das previsións en torno a prezos é que o aumento de entregas na primavera podería ter un impacto estacional á baixa nos valores do leite no campo.

A estabilidade nos prezos no 2019 acompañarase dunha lixeira tendencia á alza nas entregas, similar á do 2018. Durante o pasado exercicio, as entregas de leite aumentaron na UE un 0,9% e para este ano a Comisión Europea prevé un aumento do 0,7% a final de ano.

A produción viuse afectada no 2018 polas secas estivais en Centroeuropa e por un menor número de vacas nas explotacións (-1,6% en comparación con 2017), pero o maior uso de concentrados na dieta dos animais permitiu aumentar as entregas de leite.

China, clave para que tire o mercado
A Comisión Europea incide na boa situación dos mercados de exportación, que continúa liderando a UE cun 32% da cota de vendas, seguida de preto por Nova Zelanda. Na parte dos países compradores, China é unha vez máis un factor clave, pois o aumento das compras de China á UE (+11% no 2018) déixase notar no mercado. Un dos motivos de tal aumento das compras a Europa é a guerra arancelaria aberta entre Estados Unidos e China, que levou a que o país asiático reducira no 2018 as súas compras de lácteos en Estados Unidos.

Entre os segmentos que mellor comportamento están rexistrando no mercado internacional, destacan as fórmulas de leite infantil. Europa aumentou as súas vendas ó exterior nun 11% no 2018 e espérase que esa tendencia continúe no 2019. Outros produtos ricos en proteína dirixidos a públicos específicos (deportistas, Terceira Idade) están tamén aumentando a súa importancia e espérase que no 2019 a proteína láctea adicada a esta gama aumente un 2%.

Queixo e leite en po no mercado
Na súa análise do mercado lácteo para o 2019, a Comisión Europea considera que o queixo continuará ofrecendo os mellores e máis estables retornos para as industrias. Hai boas perspectivas de consumo no mercado interno (+0,4% no 2019) e o queixo representa o primeiro produto en valor nas exportacións (40% do valor de tódalas exportacións lácteas de Europa no 2018, cun 16% en volume).

En canto ó leite en po desnatado, a Comisión cre que continuará nos próximos meses a recuperación de prezos iniciada no primeiro trimestre do ano, existindo tamén boas perspectivas na manteiga para prezos, produción e vendas ó exterior.

A demanda de graxa láctea no mercado leva a que haxa unha menor produción de leite en po enteiro (-5% no 2018), unha tendencia que continuará, tamén pola alta competencia nesa gama de produto de países como Nova Zelanda.

En conclusión, perspectivas de estabilidade en prezos no 2019, cunha boa situación de mercado a nivel internacional. Hai que ter en conta tamén que todas estas previsións poderían verse alteradas se houbese sucesos meteorolóxicos ou políticos que alterasen a produción de leite ou o seu mercado internacional.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información