Perspectivas de futuro da madeira de piñeiro

O crecemento da demanda de madeira estrutural para construción xera boas previsións de mercado para as coníferas, pero existe a incertidume de se haberá madeira de calidade suficiente para cubrir as necesidades

Perspectivas de futuro da madeira de piñeiro

A madeira estrutural para construción ten perspectivas de mercado ilusionantes para o sector.

A madeira de piñeiro enfróntase a un paradoxo. As perspectivas do seu mercado nas próximas décadas son optimistas, froito, entre outros factores, do crecemento da demanda de madeira estrutural para a construción, pero a oferta de madeira de coníferas no monte prevese que evolucione á baixa. É un escenario que se produce tanto en Galicia como a nivel internacional, segundo detalla un informe do grupo operativo suprautonómico Genmac, orientado a promover a mellora das masas de coníferas.

O informe, elaborado pola Universidade de Vigo, fala para os próximos anos dun “renacemento da madeira”, froito das novas tecnoloxías e da innovación. Se o aceiro, o vidro e o formigón modelaron as cidades do século XX, a madeira está chamada a ter un gran protagonismo na arquitectura e no deseño das próximas décadas, salienta o autor do traballo, Juan Picos, que elaborou o informe antes de que comezase a pandemia do coronavirus.

O segmento da madeira contralaminada para construción (CLT, Cross Laminated Timber) está medrando a dobres díxitos cada ano. Se no 2008 se consumían 200.000 toneladas en Europa, fundamentalmente en Austria e Alemania, para o 2020 esperábase o consumo dun millón de toneladas en CLT. En Estados Unidos, o seu mercado para os próximos anos calcúlase tamén en millóns de toneladas.

Tecnicamente, trátase dunha madeira con capas de táboas encoladas, conformada por capas que se suceden perpendicularmente. É un produto prefabricado que presenta unha densidade superior ó formigón e bos parámetros técnicos para o seu uso en edificios de gran e media altura, así como en obra civil e equipamentos públicos ou deportivos.

Os proxectos de fábricas que están comezando a traballar con CLT exténdense por todo o mundo, entre eles o da galega Finsa, que ten depositadas fundadas esperanzas no seu proxecto de fabricación de madeira CLT, que complementará as súas liñas actuais de taboleiros de fibra (DM), aglomerados e madeira aserrada.

Para o CLT, as fábricas precisan fundamentalmente madeira de coníferas de calidade. Finsa xa anunciou o pasado ano prezos diferenciados para as dúas primeiras trozas das árbores que cumprisen os requisitos de calidade precisos para este uso.

Expectativas de mercado na próxima década.

Expectativas de mercado na próxima década.

Innovacións e bioenerxía
A madeira estrural para construción é unha das oportunidades para as coníferas que xa é presente, pois xa existe a tecnoloxía, proxectos industriais e demanda de mercado. Outras tendencias, con investigacións en marcha, anticipan ademais novas posibilidades para o piñeiro, coma o desenvolvemento de novas fibras téxtiles ou bioplásticos.

O papel de embalaxe, elaborado a partir da trituración de puntais de piñeiro, e a biomasa con fins enerxéticos (pellets) son outros segmentos que teñen boas perspectivas de futuro, segundo destaca o informe.

A nova era da bioeconomía, na que a Comisión Europea e terceiros países están implicados, xera oportunidades claras para a madeira de coníferas. As novas políticas, orientadas a reducir a pegada de carbono, teñen na madeira un aliado natural, pois por exemplo, o seu uso na construción, en comparación co aceiro e co formigón, implica importantes reducións do gasto enerxético, da contaminación e das emisións de gases de efecto invernadoiro, segundo detallan diversos estudos internacionais.

A madeira ten ademais na construción unha vantaxe estrutural, en comparación co aceiro e co formigón, así coma vantaxes térmicas e acústicas, ó ofrecer un maior illamento.

Factores de redución da oferta
A incógnita a nivel internacional radica en saber se haberá suficiente madeira de coníferas para cubrir a crecente demanda. Factores como o aumento do impacto dos insectos perforadores en Centroeuropa e Norteamérica, os lumes de Portugal ou os importantes temporais que se suceden nos últimos anos en Europa, e que derrubaron millóns de toneladas de coníferas, son algúns dos elementos que xeran incertidume.

Tamén hai que ter en conta que as coníferas perden territorio en diversos países, ben polo avance do eucalipto, caso da Península Ibérica, ben por frondosas caducifolias noutros países.

Ante o escenario que se aveciña, en Galicia xa botou a andar nos últimos anos a Fundación Arume, nun esforzo conxunto da cadea do piñeiro para promover piñeirais con boa silvicultura e mellora xenética, o que se espera que permita aumentar a produtividade e a oferta de madeira de calidade.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información