O informe de perspectivas 2015-2025 da UE para os diversos sectores agrarios, presentado esta semana, sinala para o sector da carne unha tendencia de crecemento da demanda e do comercio internacional. En Europa, as previsións son dun lixeiro descenso do consumo global de carne na próxima década; sen embargo agárdanse aumentos da produción e do consumo da carne de ave, e aumentos da produción de porcino. En vacún haberá un lixeiro descenso de produción e espérase estabilidade na carne de ovino e caprino.
A UE prevé a perda de 6 millóns de hectáreas agrarias na próxima década. Sen embargo, haberá maior demanda de cereais e forraxes
Cómpre destacar tamén do informe da UE as súas previsións en canto á superficie agraria, que se estima que se reducirá en 6 millóns de hectáreas ó longo da próxima década por procesos de urbanización e forestación. Sen embargo, o informe advirte dun aumento da demanda de cultivos agrarios dirixidos á alimentación animal.
Detallamos a continuación as perspectivas para a produción e consumo de carnes contidas no informe. Igual que no apartado adicado no informe ó sector lácteo, existen altas incertidumes que poden alterar as previsións.
Consumo internacional
– O consumo de carne medrará no mundo a un ritmo do 1,4 % anual ata o 2025.
– O crecemento do consumo cubrirase principalmente a través da produción interna pero a demanda de importacións medrará a un ritmo de arredor dun 2,6% anual, o que supón que o comercio internacional moverá 5 millóns de toneladas máis de carne ó ano no 2025.
Mercados
– O crecemento poboacional e económico dos países emerxentes permitirá un aumento das exportacións da UE, se ben, os prezos internacionais son máis baixos que os europeos.
– A carne de ave copa a metade do aumento da demanda internacional. África subsahariana e Oriente Medio, as áreas de maior mercado. O crecemento das importacións de porco e carne de vacún terá especial incidencia en Asia, que concentra un terzo do aumento da demanda internacional destas carnes.
– Rusia será máis autosuficiente e perderá poboación, o que terá un lixeiro efecto á baixa nas súas importacións de carne de ave e de porco e, en menor medida, na de vacún.
O consumo de carne por persoa e ano baixará nun quilo ata o 2025 na UE
Situación na UE
– No 2014 e no 2015, experimentouse un aumento do consumo de carne na UE tras anos de tendencia á baixa por mor da crise. Sen embargo, agárdase que volva a tendencia descendente no consumo por factores como o envellecemento poboacional e o cambio de dieta. De aquí ó 2025, o consumo de carne por persoa e ano reducirase nun quilo, quedando en 66,5 Kg. Ese quilo por persoa e ano supón 500.000 toneladas de produción anuais.
– O aumento poboacional previsto na UE permitirá, con todo, un aumento total do consumo de carne dun 0,1 % anual.
– A produción de carne de ave medrará ó longo da década arredor dun 4%, con perspectivas na exportación e nun aumento da cota de consumo de carnes na UE.
A produción e consumo de carne de ave medrará. En porcino aumenta tamén a produción, con vistas a exportar
– A produción porcina a penas medrará un 2% en todo o periodo. Espérase unha caída do consumo interno, pero hai boas perspectivas na exportación.
– En cordeiros e cabritos, logo das caídas dos últimos anos, agárdase estabilidade da demanda ó longo de todo o periodo.
– A produción de carne de vacún experimentará unha lixeira tendencia á baixa na próxima década, segundo as previsións da UE. Os prezos no vacún son incertos. Manterase un amplio diferencial positivo en relación ó mercado internacional, pero en principio cóntase cunha tendencia á baixa ata o 2020, seguida logo dunha lenta recuperación. Con todo, tamén hai estimacións optimistas que apuntan a un lixeiro e constante aumento dos prezos durante toda a década.
O vacún manterá na UE un amplo diferencial coas cotizacións internacionais, se ben espérase unha lixeira baixada de prezos
Prezos internacionais
– Actualmente, hai en xeral unha boa situación de prezos das carnes a nivel internacional. Os prezos do comercio mundial só poden baixar.
– No mercado de vacún, espérase que as exportacións de Arxentina e Brasil presionen ó mercado. Pode suceder ó mesmo con Estados Unidos.
– En polo, Brasil presenta tamén unha posición internacional moi competitiva, así como Estados Unidos.
As exportacións de Brasil, Arxentina e Estados Unidos poden presionar o mercado
– En porcino, a UE mantivo no 2015 unha tendencia de cotizacións á baixa diferente da mundial por unha situación de sobreoferta e polo veto ruso. Agárdase que os prezos se recuperen no 2016.
– A apreciación do euro fronte ó dólar ó longo do periodo 2015-2025 podería perxudicar á competitividade das carnes europeas.