Persistencia das vacas, ensilado e identificación dixital centraron a xornada de Africor-Pontevedra

xornada_Africor_Pontevedra_Mouriscade_2

A finca Mouriscade, da Deputación de Pontevedra, acolleu recentemente unha nova xornada formativa organizada por Africor Pontevedra. A duración da vida útil das vacas nas explotacións, as técnicas e materiais para un correcto ensilado de pradería e de millo e as novas ferramentas dixitais tanto opcionais como obrigatorias para as ganderías foron os aspectos presentados nas ponencias. Uns aspectos que inciden directamente na rendibilidade das granxas.

Duración das vacas

A vida da vaca na explotación ten tres períodos diferenciados: A recría, a fase de lactación e o tempo en que está seca. Só é produtiva na de lactación, mentres que nas outras dúas supón un gasto ou, no mellor dos casos, un investimento cos seus riscos. Polo tanto, hai que facer o máis longa e produtiva posible a fase de lactación para non incorrer en perdas. Con esta premisa, Ramiro Fouz, profesor da Área de Produción Animal da Facultade de Veterinaria de Lugo, explicou as claves para esa persistencia do animal. E é que unha de cada cinco vacas nunca chega a amortizarse porque non empreña, non chega a ter un segundo parto, enferma e non produce ou morre. Así, o resto das vacas teñen que amortizarse a si mesmas e cubrir as perdas desas baixas. E hai que ter en conta que actualmente a media de partos por vaca en sistemas intensivos é de 3,2 e a vida dos animais de 5,6 anos.

Reducir a idade na que se produce o primeiro parto é un paso esencial. Fouz explicou que a primeira lactación da vaca serviría para amortizar o que custou recriala. Pero eso non se pode calificar de beneficio. Así, canto máis tarde en parir unha vaca, máis estará consumindo e máis tardaremos en recuperar o investimento. “Para conseguir o primeiro parto aos 21 ou 22 meses hai que ser moi rigorosos na recría e conseguir que na fase final a xovenca adquira un quilo de peso por día. Para eso hai que aplicar correctamente os costros e o leite de transición. O costro é o produto de máis valor que hai nas granxas e moitas veces tiramos o que sobra.”, dixo Fouz. Certo é que o gandeiro insemina cando ve que a xovenca xa é apta e, se a recría se fai mal, esa aptitude pode non chegar ata pasados 28 meses.

“O grande logro da mellora xenética en Galicia non foi conseguir vacas que dean máis leite, senón vacas que dean leite máis tempo. Eso é a persistencia”, Ramiro Fouz, profesor de Veterinaria da USC

“Para reducir o tempo ao primeiro parto, outro requisito é facer lotes. Nese momento as primeirizas teñen que estar en 600 quilos de peso, pero as vacas adultas están xa en 700 ou 750. Dese xeito, a competencia nun espazo reducido sempre perxudica as primeirizas. Sabemos que non sempre hai espazo nin tempo para ter un lote de primeirizas pero paga a pena facer o esforzo porque así vivirán e producirán máis.” Fouz sinalou que a produción das vacas adultas nunca debe ser máis dun 15% superior á das de primeiro parto xa que eso significaría que esas xovencas non foron ben recriadas e non están no peso que deberan ter.

xornada_Africor_Pontevedra_Mouriscade_4

Intervención de Ramiro Fouz

Respecto da outra fase improdutiva, o secado, Fouz cifrou entre 45 e 60 días o tempo que debe prolongarse. Porque, se é inferior a 45 días non dará tempo a que se rexenere o sistema mamario e baixará a produción seguinte. E se é superior a 60 días, o custo de telas improdutivas irá en contra da economía da granxa aínda que a seguinte lactación sexa algo máis abondosa. Segundo o profesor Fouz, hoxe o 54,2% das vacas teñen un período de seca superior ao desexable e un 21,5% inferior. Fouz advertiu tamén que ata o 25% das vacas galegas se están a secar cando aínda producen 32 litros diarios e eso supón un perxuizo para a saúde e o benestar do animal. E lembrou que cantos máis litros estea dando a vaca no momento do secado, maior será o stress que se lle cause.

Por outra banda, a persistencia vaise perdendo a medida que a vaca acumula partos. É decir, unha de primeiro parto tarda máis en acadar o seu pico de produción, manteno máis tempo e vaino baixando de forma escalonada. Por contra, as adultas acadan antes o pico e sofren baixadas cada vez máis bruscas a medida que van tendo partos.

Nese sentido, plantexou que se pode pensar en ir a lactacións prolongadas, un sistema que reduce o número de partos pero non o de produción total ao final da vida. “Con menos partos tamén teremos menos períodos de risco -os das semanas posteriores ao parto- cando aparecen cetoses ou hipocalcemias. E teremos lactacións moi longas, sen grandes picos pero tamén sen grandes caídas. Hai que analizar o que convén en cada momento e granxa. E sendo conscientes de que canto máis muxamos ao día, máis persistencia haberá.” Fouz pechou sinalando que as valoracións xenéticas que se fan das vacas leiteiras en España non inclúen a medición do índice de persistencia, algo que si se fai en países como Canadá, Dinamarca ou Países Baixos.

Puntos críticos do ensilado do millo e da herba

A forraxe supón o 50% da ración que come a vaca pero o seu custo é só o 35%. Dado que o gandeiro non ten ningunha posibilidade de influir nese 65% de custo que supoñen os concentrados, hai que centrar os esforzos en facer o mellor silo posible. Partindo desa realidade, Ángel Miranda, director da División Agrogandeira de CLUN, enumerou as diferentes fases que compoñen o proceso de ensilado. Dende o tipo de cultivo elexido e o seu manexo ata o procedemento e tempo de sega e o depósito e tratamento da forraxe almaceada. “Cando temos un problema no silo, chamamos o nutriólogo a ver se ten arreglo; se non o ten, mercamos forraxe ou mercamos concentrados. E, aínda que ás veces o teña, pode haber unha enorme perda de calidade que influirá no índice de conversión e na propia saúde das vacas.”, dixo.

xornada_Africor_Pontevedra_Mouriscade_3

O proceso dun correcto ensilado é sinxelo na teoría: almacear unhas forraxes que poden ter ata un 70% de humidade, nun espazo libre de osíxeno que permita a fermentación e unha acidificación que posibilita a conservación. Na práctica é máis complexo. Hai que ter en conta que o que entra no silo sempre é mellor que o que sae. A cuestión é que o que sae siga sendo apetecible para o gando e que estea libre de toxicidade. “As forraxes chegan do campo cun PH máis ou menos neutro e no momento en que empezan a producir azúcares. E levan xa flora bacteriana e fúnxica incorporada que por si sóa debera facilitar a fermentación. Se facemos un presecado excesivo, teremos despois que engadir bacterias e azúcares. No primeiro momento teremos a fermentación acética, despois a láctica, logo un proceso de estabilización e, unha vez aberto o silo, prodúcese unha reentrada de osíxeno que influirá no silo na medida en que fagamos mellor o peor o ensilado e o seu manexo.”, explicou Miranda.

“O silo é o 50% da ración da vaca pero só supón o 35% do custo. Por eso, hai que facelo co máximo rigor para que sexa rendible”, Ángel Miranda, CLUN

No silo antes de abrilo hai millóns de microorganismos. Uns positivos, que consumen azúcares, facilitan a acidificación e baixan o PH e outros negativos (clostridios, levaduras, fungos) que “reviven” coa reentrada do osíxeno. De como se actúe con eses microorganismos, dependerá o éxito do silo. “Se temos forraxes con menos dun 25% de materia seca xa partimos con problemas. Neses casos hai que introducir acidificantes. O mellor é o ácido fórmico nunha proporción de dous litros por cada tonelada de forraxe. O mesmo pasa cos azúcares, que serán máis elevados se facemos a sega en condicións de frío nocturno e luminosidade diurna. E logo está a capacidade de tampón, que é a resistencia da forraxe ás variacións de PH e que se corrixe coa aplicación de ácido láctico.”, dixo o técnico de CLUN que indicou que hai un problema cos lixiviados en casos de pouca materia seca (menos dun 20%) que xeneran ata 200 litros de lixiviados por tonelada nos primeiros cinco días.

Recoller antes de que as plantas acaden os niveis de nutrintes óptimos, a mala elección da data de sega, ter máis forraxe que espazo dispoñible, a falta de persoal e maquinaria suficientes, o abuso de conservantes ou descoidar o manexo da forraxe por ser minoritaria na ración son erros habituais que levan a que o silo perda dixestibilidade e calidade. Outro punto clave é o picado e o uso de conservantes. Miranda rexeita picados longos e aposta por que sexa o máis curto e fino posible e recomenda o uso de conservantes sempre que haxa dúbidas e se a materia seca é baixa.

No día que se ensila, pisar, pisar e volver pisar. A fórmula acaída é de 360 quilos de pisada por cada tonelada/hora que entre. A compactación nunca é excesiva. A cifra óptima é de ata 870 quilos por metro cúbico. E é necesario almacear en forma de U para evitar roces e utilizar lonas laterais posto que o formigón non é impermeable e ademais pode desprender anacos de cemento que acaban na ración. Se se poden facer capas homoxéneas de non máis de 10 centímetros, unha especie de “milfollas” será o mellor sistema, aínda que non sempre é posible.

Que a toma de mostras sexa correcta é esencial. “Ao laboratorio mandas unha mostra de 30 gramos dun silo que pode ter sete millóns de quilos. Se non se colle unha mostra verdadeiramente fiel, dará igual o que diga o laboratorio porque non será representativo da realidade. Persoalmente, recomendo tomalas na parte frontal, porque é o que están comendo nese momento e cunha periodicidade regular.” Miranda recomenda, para cubrir os silos, o uso de plásticos de barreira de osíxeno, que son asequibles e que reducen unhas perdas que viñan sendo de ata o 14% do silo.

xornada_Africor_Pontevedra-Mouriscade

Usos prácticos da identificación electrónica na granxa

Dende o 1 de xullo, vai ser obrigatoria a colocación do crotal electrónico en todos os animais que nazan nas granxas. Por eso, dende Africor Pontevedra contaron con Juan José Núñez, de KAM postventa SenseHub, para explicar que é a identificación electrónica e as vantaxes que ofrece. Por exemplo, o técnico sinalou que de cada cen datos que se recollen en papel, dous conteñen erros moi graves, algo que non sucede coas novas tecnoloxías. E é que os datos son o ouro intanxible da nosa época.

Núñez dixo que o vacún de leite é o sector gandeiro que máis dixitalizado está aínda que hai unha enorme marxe de crecemento. “Dende 2010 vivimos unha cuarta revolución industrial. No noso caso, a principal ferramenta é a predición. Analizando datos podemos anticipar enfermidades, fallos nas instalacións, problemas de benestar… e, sobre todo, anticiparnos e prevenilos. A identificación electrónica a través do crotal permite identificar cada animal e tomar todo tipo de datos do receptor que leva instalado, que é de baixa frecuencia e permite superar as barreiras físicas que hai nas granxas. Consta dun código de 15 díxitos que identifican o país, a especie animal, a comunidade autónoma e o número do exemplar.”

Unha importante vantaxe da identificación electrónica é que, por lei, está estandarizada. Esto é, os dispositivos teñen que ser compatibles con todo tipo de tecnoloxías e con calquera fabricante, de xeito que o gandeiro non sexa dependente dun só proveedor.

Na xornada tamén se deu conta do desenvolvemento do programa de embrións que se realiza dende Finca Mouriscade e entregouse un presente de Africor a cada un dos ponentes así como o representante das instalacións.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información