Permutas voluntarias de fincas: proxecto piloto do GDR Comarca de Lugo no concello de Friol

Aumentar a superficie agraria e lograr parcelas de maior tamaño é unha das necesidades máis perentorias para a maioría das ganderías galegas. Unha iniciativa pioneira que busca mellorar a competitividade do sector e conta co financiamento de Agader pode ser un espello no que mirarse para outras zonas de Galicia

Reunión auspiciada por el GDR de la Comarca de Lugo el pasado 22 de noviembre entre distintos propietarios dentro del proyecto piloto de permutas voluntarias de fincas

Reunión auspiciada polo GDR da Comarca de Lugo o pasado 22 de novembro entre distintos propietarios dentro do proxecto piloto de permutas voluntarias de fincas no concello de Friol

Galicia segue perdendo superficie agraria, un grave problema que se acelerou na última década, sen que as sucesivas leis, normativas e organismos fosen capaces de poñerlle freo a este fenómeno. A Xunta acaba de dar luz verde á entrada no Parlamento da futura Lei de Recuperación da Terra Agraria de Galicia, pero mentres o seu desenvolvemento normativo non se produce, o sector demanda medidas prácticas urxentes que permitan ás ganderías dispoñer de terras e gañar en resiliencia e rendibilidade.

Case un terzo das terras das explotacións que pechan non se incorpora ás que continúan en activo. Non se trata tan só de dispoñibilidade, senón tamén de tamaño das parcelas, porque ás veces aínda que haxa fincas dispoñibles non se poden aproveitar incorporándoas á superficie agraria das ganderías da zona se están lonxe ou se son pequenas.

Esta falta de superficie dispoñible é un freo para a mellora da produtividade e rendibilidade das explotacións e mesmo supón un risco para a súa viabilidade futura. A terra, que foi o gran factor limitante para as ganderías de leite e de carne galegas no pasado e ségueo sendo na actualidade, aínda o será máis no futuro dadas as novas limitacións ambientais fixadas pola UE e os novos condicionantes para acceder ás axudas da PAC.

Cada granxa galega ten de media 25 hectáreas, repartidas nunhas 60 parcelas, cunha superficie de 0,4 hectáreas por finca

Á fragmentación da propiedade (que fai que sexa pouco rendible traballar moitas leiras polo seu pequeno tamaño e a súa dispersión) engádese a escasa mobilidade de terras en Galicia, o que dificulta o crecemento e redimensionamento das explotacións que continúan en activo ao impedir o incremento parello das cabezas de gando e da superficie agraria útil da que dispoñen.

As explotacións de leite galegas dispoñen dunha media dunhas 25 hectáreas de superficie agraria, a metade do que manexa de media unha granxa leiteira no resto de Europa. E esa imposibilidade de incrementar a superficie agraria en paralelo ao número de cabezas de gando levou á intensificación do sector lácteo galego, acentuando a súa dependencia de factores externos, como os incrementos de prezos dos cereais a nivel internacional.

Galicia continúa unha tendencia á concentración produtiva que evidencia as dificultades existentes para a mobilidade da terra

Galicia segue incrementando a súa produción láctea e, con case 2,9 millóns de toneladas anuais, produce preto do 40% do leite de todo o Estado e sitúase como décima rexión produtora de leite da UE. Con todo, esta produción está concentrada cada vez máis nunha menor superficie do territorio. Os 20 concellos maiores produtores de leite en Galicia (por esta orde: Mazaricos, A Pastoriza, Lalín, Castro de Rei, Santa Comba, Frades, Sarria, Arzúa, Cospeito, Mesía, Guntín, Pol, Chantada, Trazo, Rodeiro, Lugo, Silleda, Taboada, Guitiriz e Tordoia) suman a metade da produción de leite de Galicia.

SAU dedicada a producion de leite por concellos. FONTE: Estratexia de Dinamización do Sector Lácteo 2020-2025 (Fundación Juana de Vega)

Superficie Agraria Útil (SAU) dedicada á producción de leite por municipios. FONTE: Estratexia de Dinamización do Sector Lácteo 2020-2025 (Fundación Juana de Vega)

A produción de leite en Galicia foise comprimindo nunha zona cada vez menor do territorio e hoxe en 220.000 hectáreas de SAU, que equivalen ao 8% do territorio galego, está o 40% da produción de leite de España. Neste contexto, a escaseza de base territorial en Galicia en comparación coas grandes rexións lácteas de Europa é unha das debilidades máis significativas do sector lácteo galego.

Un factor que se ve agravado ademais polo minifundio, xa que as 200.000 hectáreas que manexan as granxas leiteiras galegas (equivalentes ao 28,5% da SAU da comunidade pero ao 36% da SAU dos municipios con produción láctea) están divididas en medio millón de parcelas distintas.

Demanda unánime do sector

Nos últimos anos tanto o sector agrario como gandeiro demandan de forma continua a posta en práctica de instrumentos útiles, prácticos e dinámicos que permitan impulsar a reorganización da propiedade a nivel local sen ter que esperar a macroprocesos longos e custosos, como as concentracións parcelarias, hoxe chamadas reestruturacións parcelarias, pero que seguen sendo un foco de conflito entre veciños, que fan que se dilaten no tempo, xerando continuas queixas en distintos puntos de Galicia onde se iniciaron, como sucedeu con protestas nos últimos meses en lugares como Agolada, Curtis ou Friol.

A Estratexia de Dinamización do Sector Lácteo Galego 2020-2025, presentada recentemente pola Xunta, propón a recuperación de 35.000 hectáreas de terras agrarias para as granxas de leite. Esa medida permitiría que as explotacións galegas continuasen medrando nos próximos anos cunha menor dependencia de compras de alimento externo.

O aumento da base territorial á conta de minguar a gran cantidade de terras que hai abandonadas posibilitaría reducir ademais a presión da carga gandeira, que é especialmente significativa nos 20 concellos galegos con maior produción láctea, pois sitúase en ao redor de 2,05 unidades de gando maior por hectárea, existindo nalgún deles cargas próximas a 3 UGM por hectárea.

Proxecto piloto xa en marcha en Friol

Ante as dificultades para avanzar na mobilidade da terra mediante os procesos de concentración parcelaria implementados até o de agora, o Grupo de Desenvolvemento Rural da Comarca de Lugo, de forma conxunta co Concello de Friol, está a levar a cabo un proxecto piloto de reorganización agraria mediante permutas voluntarias entre propietarios. Este mecanismo concíbese como complementario a calquera outro de reestruturación, pero é de sumo interese para áreas locais puntuais que están infracultivadas e podería servir de espello no que mirarse para outras zonas de Galicia.

Permitirase o acceso á terra das explotacións existentes así como a agrupación de superficie para facilitar deste xeito tamén o relevo xeracional nas granxas, a maiores do valor engadido xerado para aqueles propietarios que non cultiven ou exploten as súas terras, pois revalorízaas e ponas no mercado.

Trátase da primeira iniciativa para a reorganización da propiedade mediante permutas agrarias ao amparo da Lei de 2015 de Mellora da Estrutura Territorial Agraria de Galicia

Este proxecto definirá a propiedade mediante permutas voluntarias entre particulares reorganizándose unha vez finalizado unha superficie total de máis de 30 hectáreas de terreo, poñendo en práctica por primeira vez un instrumento definido legalmente desde 2015.

A iniciativa busca propiciar o intercambio de parcelas entre os titulares con modificación da xeometría das mesmas, seguindo a normativa de aplicación en vigor nestes momentos, a Lei 4/2015 de Mellora da Estrutura Territorial Agraria de Galicia (Metaga).

“O Proxecto Piloto de Permutas Agrarias Voluntarias, que se inicia no Concello de Friol, definirá as parcelas a permutar, e abarcará unha superficie aproximada inicial de 30 hectáreas. A reestruturación da propiedade mediante permutas voluntarias, levará a cabo o intercambio de terras agrarias entre particulares a nivel local, mellorando a superficie agraria das explotacións da comarca”, explica Paz Rodríguez, xerente do GDR da Comarca de Lugo.

Reorganización das parcelas nun prazo de 6 meses

A ferramenta permitirá executar nun prazo aproximado de 6 meses a reorganización de terras nunha zona, coa modificación da xeometría das parcelas agora existentes, e por tanto dos lindes, accesos e valados existentes e da propiedade das mesmas.

As zonas para o proxecto piloto sitúanse no Concello de Friol e os traballos para realizar consistirán na aproximación ao perímetro de actuación, estudo de caracterización da zona, análise da titularidade dos terreos, anteproxecto de reestruturación, coa súa posterior tramitación ata obter a resolución aprobatoria da Dirección Xeral de Infraestruturas, para finalmente proceder á reformulación, marqueado e traslado a catastro, protocolización notarial e inscrición rexistral.

O rexedor municipal de Friol, José Ángel Santos, impulsa este proxecto co obxectivo de dar maior rendibilidade ás explotacións do concello, como leva anos facendo xa a entidade local coa subvención do 50% dos gastos notariais a aqueles veciños que permuten as súas fincas, medida que tivo unha gran acollida desde a súa implantación. Agora, con este proxecto piloto, dáse un paso máis, tratando de poñer en práctica por primeira vez en Galicia un instrumento xa definido desde 2015 na actual Lei de Mellora da Estrutura Territorial Agraria e que aínda non se puxo en práctica ata o momento.

“A posta en marcha de iniciativas coma esta, de permutas agrarias entre particulares é unha necesidade evidente que se vén detectando desde fai anos, e agora, desde o Concello de Friol, e co apoio da Consellería do Medio Rural, e de Agader, vaise converter nunha realidade. Queremos dar resposta ás demandas dos gandeiros, dar a coñecer un dos moitos instrumentos que temos para a reorganización da propiedade, facela máis rendible e que vexamos que é unha realidade nun prazo curto de tempo”, destaca.

logos GDR Lugo

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información