A Consellería do Medio Rural decidiu modificar temporalmente o prego de condicións da IXP Ternera Gallega para permitir a conxelación de carne mentres dure o estado de alarma ou outras medidas similares adoptadas polo Goberno. A actual crise do coronavirus provocou restriccións na comercialización de carne, pois o peche da restauración está a afectar á saída de pezas como lomos e faldas, tradicionalmente canalizadas pola hostelaría.
Para paliar os excedentes desas pezas no mercado, Medio Rural decidiu autorizar de xeito temporal a conxelación de carne da Indicación Xeográfica Protexida, que se poderá seguir comercializando baixo a protección da IXP ata o 31 de decembro. Á hora de vender estas pezas que estiveron conxeladas, Medio Rural lembra que o consumidor deberá ser advertido sobre o proceso de conxelación e a data de consumo preferente.
A venda de carne de Ternera Gallega mantense a bo ritmo nos supermercados, con importantes crecementos de vendas nas últimas semanas, pero esa mellora non pode compensar o peche da restauración. Tal situación derivou en importantes caídas no prezo da carne, que no caso de Ternera Gallega Suprema chegou ata os 50 céntimos por Kg., sendo inferior a caída na categoría Ternera Gallega.
A medida de conxelar a carne permite que os matadoiros, que nalgúns casos dispoñen de importantes cámaras de conxelación, poidan continuar dándolle saída a tódolos animais da IXP que se acheguen á idade límite para o seu sacrificio no marco da Indicación, evitando así unha depreciación máis severa da carne. A orde da Consellería do Medio Rural que autoriza a conxelación temporal da carne da IXP pódese consultar no Diario Oficial de Galicia de hoxe.