Permítese a agricultura de autoconsumo se a leira está a menos de 500 metros da vivenda

As persoas que se despracen para atender un cultivo ou unha viña deberán presentar o carné de aplicación de fitosanitarios en caso de que llo requiran as forzas de seguridade. Prohibidos os mercados tradicionais ata o 31 de marzo

Publicidade
Permítese a agricultura de autoconsumo se a leira está a menos de 500 metros da vivenda

Horta urbán en Santiago. / Arquivo.

A Consellería do Medio Rural dictou unha orde para aclarar algúns dos puntos que estaban xerando máis dúbidas no agro en relación coa crise do coronavirus. En concreto, con esta orde, que se publica hoxe no Diario Oficial de Galicia, regúlase a agricultura de autoconsumo e o funcionamento dos mercados tradicionais.

Como é sabido, o estado de alarma permite o traballo habitual dos agricultores profesionais e dos seus traballadores. Para acreditar que unha persoa é agricultor/a profesional, deberá estar inscrito no Rexistro de Explotacións Agrarias de Galicia (Reaga) ou, no caso dos viticultores, deberá ter o rexistro de estar inscrito no Consello Regulador da Denominación de Orixe correspondente ou amosar o carné de manipulador – aplicador de produtos fitosanitarios.

A Xunta esixe un carné de manipulador de fitosanitarios para o traballo en hortas de autoconsumo, do que carecen gran parte dos agricultores non profesionais

En caso dos agricultores non profesionais, as dúbidas sobre se podían atender as súas fincas sucedíanse nos últimos días. A esas dúbidas, as autoridades responderon mesmo con indicacións contradictorias e ademais, en distintos Concellos de Galicia as forzas de seguridade optaron por prohibir o traballo non profesional nas leiras.

Finalmente, Medio Rural decidiu permitir a agricultura de autoconsumo, sen fins comerciais, coas seguintes condicións:

  • As persoas que teñan cultivos ou viñas de autoconsumo poderán facer os desprazamentos imprescindibles para atendelas, “sen que o desprazamento poida supoñer unha distancia superior a 500 metros da súa vivenda habitual”.
  • En ningún caso poderá haber máis de 2 persoas na leira, que deberán respectar en todo momento as distancias de seguridade.
  • Para acreditar a necesidade do desprazamento, deberán poder presentar un carné de manipulador – aplicador de produtos fitosanitarios, do que carecen moitas das persoas que teñen hortas para autoconsumo. En caso dos viticultores, tamén se acepta a tarxeta de rexistro vitícola do correspondente consello regulador.

Esta orde de Medio Rural aclara o escenario tanto para os veciños do rural como para as forzas de seguridade, que a partir de agora teñen un criterio claro ó que aterse.

Desde o Ministerio de Agricultura, consultados onte por Campo Galego sobre a autorización ou non da agricultura de autoconsumo en Galicia -antes da publicación da orde de Medio Rural-, limitábanse a sinalar o seguinte: “El real decreto de estado de alarma establece la limitación de la libertad de circulación de las personas, excepto para la realización de determinadas actividades consideradas como imprescindibles, y que son las actividades de la agricultura, ganadería y pesca, así como producción agroalimentaria y su distribución destinada a garantizar el abastecimiento alimentario de la población. Las autoridades competentes delegadas, según el real decreto son los titulares de los ministerios de Defensa; Transportes, Movilidad y Agenda Urbana; Interior y Sanidad”.

Prohibición dos mercados tradicionais

Outro punto que aclara a orde de Medio Rural é a prohibición dos mercados tradicionais de alimentación ata o 31 de marzo, puidendo ser prorrogada a prohibición despois se así o decide a Consellería.

A orde permite tamén de xeito explícito a venda directa ó consumidor final: “Sen prexuízo do anterior, fomentarase a venda de produtos agrícolas e gandeiros por medios alternativos que non impliquen presenza física, como por vía telefónica, con realización de pedidos a través da rede en liña (correo electrónico), ou similares, servidos polo produtor no domicilio do consumidor”.

Cando se levante a prohibición dos mercados tradicionais de produtos agrogandeiros, a Consellería establece as seguintes condicións de funcionamento:

  • Os postos deberán atoparse separados por unha vía de tránsito e cunha distancia mínima entre eles de 6 metros. Permítese unha separación mínima de 4 metros entre os laterais.
  • Como forma de instalación dos postos, recoméndase un triángulo equilátero, evitando que un punto de venda estea enfrontado a outro.
  • Dentro dun posto, as persoas vendedoras deberán gardar unha distancia mínima de 2 metros. Se non é posible, só poderá haber unha persoa no posto.
  • Será indispensable o uso de luvas para tocar os produtos á venda. Recoméndase que o posto poña luvas dun só uso a disposición dos clientes. Tamén se recomenda contar con dispensadores de xel desinfectante.
  • Policía Local e Protección Civil encargaranse de regular os accesos ós mercados, evitando a entrada das persoas se non se pode garantir unha distancia mínima de 2 metros entre os asistentes.

Cómpre lembrar que inicialmente a Xunta manifestárase a favor da continuidade dos mercados tradicionais, se ben onte o ministro de Agricultura xa avanzara que estaba en contra da súa celebración.

Venda de vexetais para a plantación en hortas de autoconsumo

A venda de plantas para hortas en establecementos comerciais está permitida polo real decreto do estado de alarma, pero existían dúbidas sobre a venda ambulante, é dicir, o desprazamento das persoas vendedoras ás localidades nas que teñen os seus clientes. Medio Rural estipula agora na orde que as persoas vendedoras de produtos vexetais para plantación en hortas de consumidores finais deberán dispoñer do carné básico de aplicador de fitosanitarios, mesma acreditación que se lles esixirá ás persoas compradoras.

Una idea sobre “Permítese a agricultura de autoconsumo se a leira está a menos de 500 metros da vivenda

  1. Remedios Acuña Recamán

    Podo ir a unha horta urbana que me queda a menos de 500m. Pero son aficionada e non teño ningún carnet

    Contestar

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información