
“A chuvia dende outubro impediu plantar a meirande parte da superficie. E o pouco que se plantou está debaixo da auga e non vai medrar.” É a situación do cereal de inverno na Limia, segundo explica Servando Álvarez, director técnico do Centro de Desenvolvemento Agrogandeiro de Xinzo de Limia, pertencente ao INORDE (Deputación de Ourense).
E é que en menos de catro meses levan caído na Limia 660 litros/m² de auga, que é practicamente a cantidade que cae nun ano enteiro en circunstancias normais. “A esto hai que engadirlle a orografía da comarca, que é como unha bacía de 25.000 hectáreas e que só conta co río Limia para desaugar”, sinala Álvarez.
A chuvia impediu sementar o 75% da superficie de cereal de inverno e estragou o 25% que se agardaba producir. (Servando Álvarez, INORDE)
Na zona o nivel freático está sempre moi alto e, nalgunhas parcelas, a día de hoxe atópase 30 centímetros por riba do chan. Nestas condicións é imposible traballar a terra ou que os cultivos sementados vaian para adiante.
“Son 8.000 as hectáreas que se soen dedicar a cereal de inverno. Pero, pola chuvia, este ano só se sementaron 2.000. Porque a recolección da pataca demorouse moito e, cando se quixo sementar o cereal, xa non foi posible.”
Así, tan só nas zonas máis elevadas seguen vivos o trigo e o centeo botados. “Pero son case cultivos hidropónicos. Teñen as raíces na auga. En canto esa auga drene, a planta morrerá porque non ten un sistema radicular estruturado.” E o mesmo sucede coa colza, que se cría que podía ser un cultivo punteiro na Limia.
Outro problema é que as 8.000 hectáreas de cereal de inverno e as 6.000 de primavera non poderán sementarse ata que o terreo estea en condicións. “Coa predición meteorolóxica actual, non se poderá sementar case ata maio. E, nese caso, o agricultor vai priorizar o cultivo máis rendible, que é a pataca.”
O cereal de inverno é moi importante para cubrir os gastos básicos da explotación e para xustificar a rotación de cultivos da PAC
En clave económica e produtiva, o trigo de inverno pode chegar a 5.000 quilos/hectárea, mentres que o de primavera apenas chega a 3.500, é decir, un 30% menos. E cunhas porcentaxes semellantes no centeo. Pero, por esixencias da PAC, os agricultores teñen que sementar cereal de primavera para cumprir coa rotación de cultivos, aínda que non obteñan beneficio.
Dado que esta mesma situación se produciu o ano pasado, o técnico teme que esteamos ante un patrón climático. “Van xa dous anos. E, de confirmarse a tendencia, teriamos na Limia un escenario de dúas estacións: a seca e a chuviosa. E cadrando a chuviosa cos momentos de máis frío. A peor situación agronómica posible. Esperemos que non sexa así.”

A chuvia chegou no remate da colleita da pataca e impediu sementar o cereal
Se ben o cereal de inverno non é a principal riqueza da Limia, o certo é que para os pataqueiros supón un importante ingreso co que afrontar os gastos básicos da explotación como amortizacións ou seguros sociais.”O cereal non é un cultivo para gañar diñeiro, pero si que serve para ter máis liquidez e para cumprir coa normativa de rotación de cultivos da PAC.”
“Os agricultores que levan menos de tres anos no sector vano pasar mal porque non contan aínda co colchón económico suficiente como para prescindir dos ingresos do cereal ou perder parte das subvencións.”, di Álvarez.
E, finalmente, está o tema dos seguros agrarios. “O gran problema téñeno os que non puideron sementar. Porque o seguro cubre a colleita pero, se non hai nada sementado, non van pagar ningunha compensación. Os que si sementaron cobrarán algo, aínda que veremos se lles compensa os gastos en semente e fertilizante.”
Garantir a colleita de pataca pasa a ser a prioridade
O concello de Xinzo activou un plan de actuación fronte as inundacións e o alcalde, Amador Díaz que é tamén produtor de pataca, vai manter nos vindeiros días xuntanzas con outros rexedores da zona e co subdelegado do Goberno para que se declare a Limia como zona catastrófica por causa das chuvias.
“Ademais de perderse a colleita de cereal de inverno e das dificultades que vai haber para traballar nas leiras, houbo danos importantes en pistas de concentración e de servizo ás explotacións e noutras infraestruturas. E, como mínimo, vai seguir chovendo ata mediados de febreiro polo que os danos poden ir a máis.”, explica Díaz.
Polo de agora, a climatoloxía non tería por que afectar á sementeira e posterior colleita de pataca. “Se, a partir de mediados de mes, o tempo volve á normalidade non ten por que haber problemas coa pataca. Ata maio non hai apuro de sementar.”
O clima pode levar a que toda a produción de pataca de España se concentre en dous meses e o mercado se sature. (Amador Díaz, patacas AMA)
As inundacións e riadas de Andalucía e Murcia poden acabar influíndo na pataca da Limia, aínda que son produtos e mercados distintos. “Eles producen unha pataca do tipo verdete. Menos madura, coa pel máis fina e con usos culinarios diferentes dos nosos. Se non a teñen, vana mercar en Francia.”

A auga estragou, ademais do cereal infraestruturas esenciais para as explotacións
Sen embargo, se murcianos e andaluces teñen que retrasar moito a sementeira, pódese dar o caso de que toda a produción española se concentre en pouco máis de dous meses e o mercado se sature. Un problema que se agravaría nun contexto como o actual no que o exceso de produción en Europa levou a que se estean pagando 10 ou 12 céntimos por quilo de pataca.
“Tamén sería beneficioso que o clima se normalizara para que o custo da pataca non se dispare. Porque, canto máis tardemos en poder sementar, máis se deteriora a semente e máis enerxía se consume en conservala nos almacéns. E eso custa cartos”, sinala o alcalde e agricultor.
Díaz coincide con Álvarez en sinalar que non hai alternativas de cultivo ao cereal de inverno. Nin a colza nin a cebada -que nos últimos anos están a ter boa demanda e prezo- sobrevirían ao clima dos dous últimos anos. Por eso, cren que os agricultores se van seguir centrando en ter unha boa campaña de pataca.
Galego









Control OJD