“Perder a axuda de ecolóxico sería un gran pau; plantéxaste tirar con todo e plantar eucaliptos”

Falamos con catro produtores en ecolóxico de vacún de carne, leite, ovino e horta para tratar de poñerlle cara ao problema xerado pola falta de fondos para as subvencións de agricultura ecolóxica 2022

“Perder a axuda de ecolóxico sería un gran pau; plantéxaste tirar con todo e plantar eucaliptos”

Gandería frieiresa en ecolóxico, en Cea (Ourense).

A piques de rematar o ano, a incertidume é máxima entre os produtores en ecolóxico. Nestes momentos hai inscritos no Craega uns 400, que suman unhas 12.400 hectáreas de superficie, pouco máis do 2,5% da superficie agraria galega e 10 veces menos do obxectivo que propugna a UE para dentro de 7 anos. 

Practicamente a metade dos produtores inscritos verían denegada a axuda da PAC deste ano de non incrementarse o orzamento dispoñible actualmente, 3,8 millóns de euros, cando o montante total das solicitudes acada os 5,6 millóns. 

Os produtores séntense enganados pola Administración, que prometeu axudas das que agora se desentende

A Xunta négase polo de agora a aumentar os fondos e pretende aplicar criterios de priorización para o pago, que os produtores rexeitan por consideralos inxustos. O baremo aprobado faría que obtivesen máis puntos os que estean en zona de montaña e en Rede Natura, pero deixaría fóra tanto a unha parte dos gandeiros e agricultores que levan anos certificados como a novas explotacións que se veñen de incorporar e se atopan no período de conversión a ecolóxico.

Falamos con produtores dos dous tipos e de distintos sectores e zonas de Galicia para tratar de poñerlle cara ao problema. Todos teñen sensación de impotencia, critican a inseguridade creada e séntense enganados pola Administración, que prometeu axudas das que agora se desentende.

José Antonio Martínez, vacún de carne

“Sae moito máis barato pagarnos a nós 288€ por hectárea que ter que apagar os lumes”

José Antonio coas súas frieiresas en Cea

José Antonio coas súas frieiresas en Cea

José Antonio Martínez ten unha gandería de vacún de carne en San Cristovo de Cea con 45 reprodutoras de raza frieiresa. A explotación está en ecolóxico desde o ano 2002, aínda que el incorporouse no 2015, ao xubilarse os seus pais. 

Conta cunhas 70 hectáreas de superficie en total, entre as pradeiras e o pasto arbustivo que ten en parcelas de monte. Pediu a axuda na modalidade de mantemento e supúñalle estes anos uns 10.000 euros de ingresos.

José Antonio ten 46 anos e no 2015 colleu o relevo da explotación dos seus pais. Antes traballaba como mecánico

“Eu se perdo eses 10.000 euros seguramente abandone a actividade agraria, xa non polos cartos en si, senón pola inseguridade económica que che xera de cara ao futuro. Quen me di a min que para o ano que vén ou dentro de dous anos non me fan outra historia destas?”, argumenta.

Eu se perdo eses 10.000 euros seguramente abandone a actividade agraria, xa non polos cartos en si, senón pola inseguridade económica que che xera de cara ao futuro

“Non se poden cambiar os criterios dun ano para outro. Tratas de cumprir todo ben e porque vivas nun concello non cualificado de alta montaña che saquen a subvención é inxusto. Onde vivo eu é máis alto que calquera zona do concello de Piñor, e sen embargo non estamos como alta montaña e eles si. É moi inxusto que vaias cobrar ou non en función do concello no que esteas”, di.

É inxusto que uns produtores cobren e outros non

Cea é limítrofe con Piñor, declarado de alta montaña. José Antonio ten fincas nos dous concellos e calcula que entre un 20 e un 30% da superficie que traballa estaría en Piñor. “Solicitas no mes de marzo porque cumpres as condicións, mantelas durante todo o ano e despois dinche que con iso non chega. Se cando solicitei me din isto igual non facía algún investimento para algunhas melloras que fixen ou para ampliar parcelas”, asegura.

Cando o fixeron este ano, quen che di a ti que o ano que vén ou o outro non che veñen coa mesma leria?

A explotación de José Antonio é socia da cooperativa Verín Biocoop, a través da que dan saída á súa produción, pero os prezos de mercado seguen a ser baixos. “O noso produto non aumenta pero os custos si, se non se compensa con subvencións, a nosa actividade non é viable”, di.

Chove sobre mollado

Para José Antonio sería a segunda vez nos 7 anos que leva á fronte da explotación que perde unha axuda por decisións de última hora da Administración. “Xa no 2015 perdín a subvención dos pastos arbustivos cando os eliminaron. Eu cumpría as condicións porque ata ese momento os pastos arbustivos valían. As consecuencias daquel cambio de criterio aínda as estou pagando agora, porque era cando me estaba incorporando e tiña solicitado dereitos da Reserva Nacional que non me deron ao decaer o expediente, polo que foi un dobre prexuízo, porque ademais de perder a axuda naquel momento a día de hoxe non teño os dereitos de pago básico para as hectáreas que teño, terei aínda non ben a metade”, explica.

Non estamos incurrindo en ningún tipo de especulación nin engano, o que pasa é que pechan explotacións e por iso os que quedamos imos ampliando superficie

José Antonio séntese enganado por parte da Administración. “Se te animan por un lado pero despois non che conceden as axudas prometidas iso é unha estafa. O conselleiro hai uns días no Parlamento dixo que a culpa era nosa por solicitar demasiado. Iso débese a que como pechan as explotacións ao teu carón, vas collendo superficie e tes obriga de declaralas, por iso aumentas a superficie, pero non estamos enganando a ninguén. Ao meu lado pechou unha explotación de leite e collín 2 ou 3 hectáreas que tes que declaralas e solicitar ampliación. Se non as declarara estaría facendo algo ilegal. Se as estou pastando e usando teño a obriga de declaralas no Craega e na PAC, polo tanto non estamos incurrindo en ningún tipo de especulación nin engano”, remarca.

Notificar á UE o que está pasando

Este gandeiro non se cre as explicacións da Consellería de falta de orzamento dispoñible. “O orzamento haino, pero non se destina. Se hai 3 millóns de euros para darlle a Novafrigsa tamén os debería haber para os que producimos a carne”, di. 

“A miña pregunta é que comeremos dentro duns anos. Nas cidades a xente ten o costume de comer tres veces ao día. Pero alimentos prodúcense poucos e o rural está quedando baleiro. Pódense traer os alimentos de fóra se os hai, pero pode chegar un momento no que non os haxa, como pasou coas mascarillas”, lembra.

Pódense traer os alimentos de fóra se os hai, pero xa vimos o que pasou coas mascarillas

“Os que estamos en ecolóxico cremos nun sector que pode producir sen pesticidas nin insecticidas e desde a UE estase apostando por iso, por producir coidando o medio ambiente”, defende. Por iso é partidario de “notificar o que está pasando a Europa, para que vexan que están indo en contra do que desde alí promulgan”.

“Estamos loitando contra o lume”

Pero máis aló da produción de alimentos saudables, están outras funcións de coidado do territorio que a gandería realiza. “Facemos moitos beneficios para a prevención de incendios. Aquí nesta zona ardeu durante moito tempo, pero a medida que fomos limpando montes para ter pastos arde menos, e o lume non se propaga igual, porque o territorio non está abandonado, hai parcelas intercaladas limpas e preparadas para que paste o gando que valen de cortalumes naturais. Nas zonas onde hai gandería non arde o monte. Sae moito máis barato concedernos a nós a axuda de 288€ por hectárea que apagar unha hectárea de lume”, conclúe.  

San Salvador SC conta con 369 animais adultos neste momento e está en proceso de ampliación

San Salvador SC conta con 369 animais adultos neste momento e está en proceso de ampliación

Javier Rodríguez Picado, ovino

“Tiven que renunciar ás axudas de convencional para pedir esta e agora nin unha nin a outra”

Javier Rodríguez Picado ten xunto á súa nai e a seus irmáns Ana e Alberto unha explotación de ovino en  conversión a ecolóxico, San Salvador SC, na parroquia de Outeiro, en Lugo. El foi un dos 200 novos produtores que pediron a axuda este ano.

A súa explotación non está nin en zona de montaña nin en Rede Natura, polo que tería menos posibilidades de lograr a axuda que solicitaron. “Prometeron moito e para nós era unha axuda importante, porque tamén tivemos que facer un cambio moi importante na explotación, porque é bastante complicado cambiar o abonado de como o estabas facendo”, di.

A explotación de Javier trata de ser autosificiente na alimentación do seu gando. Para iso, ademais do pasto, labran cereais cos que suplementar nas épocas do inverno e o verán. “En condicións normais non mercamos penso. Levamos moitos anos botando cebada, trigo e centeo. Este ano botamos 15 hectáreas a cebada, 7 a trigo e 5 a centeo, pero non botamos millo, porque era inviable en ecolóxico sen abonar en condicións e menos nun ano seco coma este, era perder a sementeira”, asegura.  

Nesta campaña perdemos 10 toneladas de cereal polos cambios no abonado

“Nesta campaña perdemos bastantes quilos por non ter un abonado óptimo. Ata agora sabía as cantidades exactas de abono orgánico e químico que tiña que meter para que as fincas me produciran ben, pero este ano metín todo o abono orgánico que tiña e tratei de buscar noutras granxas en ecolóxico, pero non é doado que che vendan porque todas andamos xustas. As terras teñen que adaptarse a ese cambio de abonado e debemos perder arredor de 10 toneladas de cereal”, conta.

Por iso, di, “da axuda deste ano non nos quedaría nada no peto, case todo sería para pagar os investimentos que tivemos que facer,  entre técnicos, modificacións no establo e compensar a perda de produción”.

5.500€ en convencional e 21.000 en ecolóxico

San Salvador SC cobraba ata agora en convencional as axudas agroambientais, que lle supuñan, dependendo do ano, uns ingresos de entre 5.400 e 5.500€. “Ata agora tiñamos as agroambientais, pero non son compatibles e para poder cobrar a axuda de ecolóxico tivemos que renunciar a solicitar as outras e agora nin unha nin a outra”, di.

Co paso a ecolóxico pasaría a cobrar entre 21.000 e 22.000€, descontando os gastos de aconsellamento, “que son importantes”, asegura Javier. “Había unha axuda para os técnicos pero por tema de prazos xa quedabas automaticamente fóra”, explica. 

Animámonos a pasar a ecolóxico pola axuda e tamén por concienciación

“Animámonos a pasar a ecolóxico pola axuda e tamén por concienciación, por axudar ao coidado do medio ambiente e a loitar contra o cambio climático. Se fas as cousas ben parece que te sintes mellor, pero nesta vida lamentablemente todo se basea en cartos, porque os números a final de mes teñen que dar”, argumenta.

4 persoas da casa máis unha empregada

Esta gandería de ovino de Lugo ten neste momento 369 animais adultos e está en proceso de ampliación, xa que a raíz da incorporación de Alberto teñen que estar en 450 cabezas antes do mes de febreiro.

O sector non está boiante, fai falta todo para que a final de ano os números vaian dando regular, xa non ben

Ademais de Javier, Ana, Alberto e a súa nai, na explotación traballa tamén unha empregada. Son 5 salarios que manter. Por iso para San Salvador SC a perda da axuda sería “un pau grande”. “Cousas coma esta fanche plantexarte pechar e poñer todo a eucaliptos, que xa están por todos os lados. Porque estás quitando horas da túa familia para metelas no establo e que os animais estean o mellor posible e ves que ninguén cho valora”, razoa Javier.

60 ha de superficie

A familia de Javier pola parte do seu pai é orixinaria do Incio e chegou a San Salvador de Outeiro hai uns 70 anos. Desde entón procuraron sempre ir mercando terras para aumentar ás fincas e poder ter máis animais. 

Dispoñen na actualidade de máis de 60 hectáreas e agás as 27 que botan a cereal, o resto están a pasto. Fan tamén silo de herba e herba seca para o inverno. “Sempre tentas recoller o máximo posible para ter que comprar o menos posible”, di Javier.

Tamén traballan no ámbito forestal, facendo cortas, limpezas e podas. Se non lles dan a axuda, este ano terán que ser eses ingresos os que aguanten da explotación.

Belén Vilariño, coas súas vacas en Montesalgueiro.

Belén Vilariño, coas súas vacas en Montesalgueiro.

Belén Vilariño, vacún de leite

“A inseguridade que isto provoca non te anima a seguir investindo”

Rubén Domínguez e Belén Vilariño teñen unha gandería de vacún de leite en ecolóxico en Montesalgueiro, no concello de Aranga. Están muxindo neste momento 40 vacas e teñen unhas 70 cabezas totais.

Aínda que os dous son novos, pois teñen 36 anos, non pretenden polo de agora seguir medrando, senón estabilizarse onde están. “Fixemos unha nave nova no 2017 para as que temos hoxe e non temos pensado meternos en máis gasto de momento. A inseguridade e a incertidume que isto che provoca non anima. Se é hoxe non a poderiamos facer”, di.

Aranga está considerada zona de montaña pero non saben se ese feito vai ser dabondo para manter a axuda por produción ecolóxica da PAC. De perdela, verían reducidos os ingresos da gandería nuns 6.000 euros, uns 100 euros por ha, calculan. Iso se manteñen a axuda agroambiental de pastoreo (170€/ha), pois en caso contrario sería moito máis (288€/ha). 

“O quilo de penso ecolóxico custa hoxe 65 céntimos”

A axuda por produción ecolóxica era un ingreso importante para a viabilidade económica da explotación, afectada este ano polo encarecemento dos custos de produción. “O penso ecolóxico é máis caro que o outro. En outubro pagámolo a 65 céntimos o quilo”, detallan.

Poderiamos pasarnos a leite de pastoreo en convencional sen ter que facer ningún cambio no manexo

A maiores do penso, están os custos de certificación, 180€ ao ano de cota anual que teñen que pagar ao Craega máis o 0,5% das ventas semestralmente. Poderían pasarse a producir leite de pastoreo en convencional sen ter que facer ningún tipo de cambio no manexo pero é algo que descartan polo de agora. “A produción en ecolóxico non está valorada como debería, pero o ritmo de ecolóxico é algo que a nós nos gusta e de momento non temos pensado cambiar de sistema”, di Belén.

“Na nosa zona só quedamos dúas ganderías”

Rubén incorporouse na ganxa familiar no ano 2017, collendo o relevo da súa nai. Un ano antes, no 2016 pasáranse a ecolóxico. Belén está aínda pendente de incorporarse e a gandería aténdena entre os dous. 

Entregan a Leche Celta e fan pastoreo todo o ano

Para reducir os custos de produción, fan pastoreo todo o ano, co gando fóra polo día e no establo pola noite, e suplementan con silo de herba que fan eles e o penso ecolóxico que mercan. “Damos pouco, uns 5 quilos de media por vaca, e o obxectivo é dar cada vez menos”, explican.

A alimentación do gando é a base de herba, millo non botamos

Alimentan o gando en base a herba, polo que dispoñer de superficie é esencial para eles. “Este ano collemos algunha finca máis porque van pechando as ganderías que había ao noso redor. Este ano pechou unha gandería por xubilación e aproveitamos para aumentar a superficie de 45 a 65 ha. Nesta zona xa só quedamos nós e outra gandería un pouco máis arriba noutra parroquia”, conta Belén.  

Botan distintas variedades de tomate destinados sobre todo a conserva natural ecolóxica

Terra de Baronceli bota distintas variedades de tomate destinados sobre todo a conserva natural ecolóxica

Juan Antonio Estévez, horta

“Os que producimos horta estamos xa de por si discriminados nas axudas e agora o pouco que nos daban quítannolo”

Terra de Baronceli (Monterrei, Ourense) é toda unha referencia en Galicia no sector da horta e das conservas en ecolóxico. Foron dos pioneiros en certificar a súa produción hai xa case 25 anos.

Hoxe plantan unhas 4 hectáreas de distintos cultivos, como pemento, pataca, cabaza, cebola, berenxena, cabaciño ou porro, tanto para transformar nas súas instalacións como para venda en fresco.  

Plantan 4 hectáreas de horta enfocada sobre todo á conserveira

Terra de Baronceli é, por exemplo neste momento, o único produtor de pemento de Oimbra ecolóxico. “Estou acostumado a ser o primeiro en todo”, bromea Juan Antonio Estévez.

Baremos inxustos

A axuda do segundo Pilar da PAC supoñía para eles uns 1.500€. “É pouco pero é un ingreso necesario”, di Juan. “Os de horta xa estamos discriminados de por si, porque ao ter en conta un criterio de superficie saímos moi mal parados. Penso que se debería modificar, porque non son o mesmo 4 hectáreas de pradeira que 4 hectáreas de horta”, compara.

Non se debería ter en conta só un criterio de superficie, porque non son o mesmo 4 hectáreas de pradeira que 4 hectáreas de horta

A axuda por produción ecolóxica era a única que recibía Juan. “Hai tres anos tentei pedir a axuda de tomate para industria, pero esíxenche unha superficie mínima a tomate de hectárea e media. Así é que aquí en Galicia non a cobra ninguén, só a cobran en Andalucía e Estremadura. Teñen que adaptar as axudas a cada zona e tipo de produción, porque aquí en Galicia collemos todo á man. Ademais, nós poñemos unha fila de tomate e outra de pemento para evitar pragas, e iso require tamén de máis man de obra á hora de atendelo”, argumenta.  

Maiores esixencias

Juan rebate a percepción maioritariamente estendida de que os produtores en ecolóxico reciben máis axudas que os que están en convencional e pon como exemplo as axudas anunciadas polo Ministerio para paliar o incremento de custo do gasóleo e os fertilizantes. “Subvencionan os minerais pero iso a nós non nos beneficia porque usamos poucos insumos”, afirma.

Por hectárea, nós empregamos moita máis man de obra que un produtor convencional

Sen embargo, compara, “empregamos moita máis man de obra que un produtor convencional e levamos un libro que case parecemos veterinarios en vez de agricultores”, di. “Os de ecolóxico temos moitas cousas en contra. Eu teño que separar varios metros do veciño e plantar unha sebe porque el está en convencional e eu en ecolóxico, pero só teño que aplicar medidas eu, el non. Non me van dar nada por facer ese traballo? Pois é inxusto”, opina.

Cousas coma esta bótante para atrás se estás empezando

“O pouco que nos daban quítannolo. É un contrasentido sen lóxica ningunha. Eu non vou cambiar porque levo en ecolóxico desde o ano 1999, pero cousas coma esta bótante para atrás se estás empezando”, conclúe.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información