
Steven e Vera Shailer cos seus fillos na granxa familiar en Foxton, na illa norte de Nova Zelandia
Os gandeiros de Nova Zelandia non pensan en litros de leite, senón en quilos de graxa e proteína. Por iso, o obxectivo do matrimonio formado por Steven Shailer e a súa muller Vera é acadar ao longo do ano un kg de sólidos por cada quilo de peso vivo das súas vacas.
A súa granxa, Percy Pastures Ltd., conta cuns 490 vacas en produción e acadou na última campaña unha produción total de 268.000 kg de graxa e proteína, o que supón unha media por vaca de 550 kg de materia seca, moi por enriba dos rexistros habituais en Nova Zelandia, que se sitúan uns 100 quilos por baixo dese nivel.
O obxectivo de produción a acadar é 1 kg de graxa e proteína por cada quilo de peso vivo da vaca
O peso medio do conxunto do rabaño é duns 500 kg por animal en produción. Son vacas frisonas neozelandesas o 90% e o resto kiwicross (cruce de holstein con jersey). Coa selección xenética buscan un tipo de vaca de pequena estatura, con boa fertilidade e alta capacidade para transformar o pasto en sólidos.
En función da calidade do pasto aportan máis ou menos proteína no penso
A base da alimentación do gando é o pastoreo, con suplementación de 5 kg diarios de penso de media na sala de muxido. A cantidade de concentrado, ao igual que a súa composición, vaise reaxustando en función de cómo están os pastos, de maneira que soben ou baixan os quilos de penso e o seu aporte proteico.
Xestión do pasto
Cambian de finca dúas veces ao día, logo de cada muxidura, e van intercalando no mesmo día parcelas que están máis lonxe con outras que están máis cerca da sala de muxido, co obxectivo de que, no cómputo diario, as vacas camiñen todos os días máis ou menos a mesma distancia. “Un quilómetro de distancia supón un consumo de 1 kg MS de alimento”, xustifica Steve.
Van intercalando fincas de máis lonxe con outras de máis preto cando abren novo pasto ás vacas trala muxidura, para que todos os días anden máis ou menos a mesma distancia
Cada 10 días miden a cantidade de pasto que hai nas parcelas (teñen 77 en total) e traballan con turnos de pastoreo para volver á mesma parcela que van dos 22 aos 30 días en función do momento do ano (os meses da primavera, verán e outono) e que se alonga até os 100 días no inverno. “O obxectivo é que a altura de entrada sexa de 3.000 kg MS/ha e a saída se produza con entre 1.500 e 1.600 kg MS/ha”, detalla.
As vacas en produción comen un total de 21 kg MS desde o momento do parto até o mes de xaneiro para producir 2,3 kg de sólidos por vaca e día e báixanlles a 20 kg MS até o final da lactación. En canto ao período seco, comen entre 12 e 14 kg MS. A ración anual total por vaca está formada por 4.200 kg MS de pasto, 1.400 de concentrado, 600 de silo de herba, 400 de achicoria e 300 de torta de palmister.
Renovación dun 15% das pradeiras cada ano

Na sala de muxido suplementan con concentrado e torta de palmister
A granxa dispón dun total de 263 hectáreas de terreo adiadas a pasto. O 15% das pradeiras renóvanas cada ano. “A permanencia do raigrás en Noza Zelandia reduciuse, pasando de 10 anos a 5. Non acabo de saber o por que, pero as pradeiras non duran os 10 anos como duraban antes”, recoñece Steve.
As pradeiras de raigrás xa non duran os 10 anos que duraban antes
Ademais de raigrás, sementan tamén achicoria para pacer no verán e avea para pacer no inverno. “Facemos principalmente sementeira directa para non traer á superficie máis area do fondo”, xustifica.
O pH medio do chan nesta zona é de 6,7 pero son solos de baixa fertilidade, o que condiciona o tipo de especies que poden sementar. “Temos feito probas con alfalfa, pero custa moito establecela”, admite.
Cos excedentes de pasto da primavera fan dous cortes para silo de herba para suplementar o pasto das parcelas de achicoria no verán. Subministran tamén nesta época ás vacas torta de palmister, un subproduto derivado da fabricación de aceite de palma usado de xeito habitual polas granxas neozelandesas, que o importan de países como Indonesia ou Malasia.
Fan silo de herba en trincheira na primavera e esténdeno despois no verán nas pradeiras para que o coman as vacas, sen utilizar ningún tipo de comedeiro nas fincas
A herba ensílana en trincheira e bótana despois nos prados nos que están as vacas pacendo mediante un remolque que vai estendendo o silo no chan. “Temos unha produción forraxeira limitada, facemos unhas 300 toneladas de silo, e no mes de marzo todo o silo de herba que facemos xa o temos rematado”, indica.
A diferenza do que fan a maioría das ganderías neozelandesas, nesta granxa ensilan a herba a granel nun silo de zanxa. “É máis barato que os rolos e máis doado de facer e de subministrar nos prados”, xustifica. Cando o sacan procuran facer cortes limpos no frente do silo e que non quede nada no chan para que non fermente.
Obxectivo a medio prazo: a implementación de regadío

Silo de herba para suplementar o pasto durante os meses do verán
A granxa de Steve e Vera está ubicada en Foxton, na rexión de Manawatū. Esta localidade costeira ao suroeste de Palmerston North sofre problemas de seca no verán. A media de precipitacións é de 900 ml., concentrados de abril a decembro. “De xaneiro a marzo case non chove”, lamenta Steve.
As temperaturas oscilan dos 4°C no inverno aos 30°C do verán e os solos son areosos, polo que reteñen pouca auga e o raigrás híbrido acostuma secar na época na que non chove, fronte á achicoria, que aguanta mellor. “Estamos a 2 km do mar e nos meses de novembro e decembro fai vento e seca moito o terreo, sobre todo nas zonas altas”, asegura.
A intensificación das granxas leiteiras nesta zona está a consistir na instalación de sistemas de rega e na suplementación con concentrado
Percy Pastures non dispón de sistema de regadío, co que contan outras granxas veciñas. O seu obxectivo é poder implementalo a medio prazo, tanto para maximizar a produción forraxeira como para preservar a calidade do pasto no verán, pero non contan cos permisos necesarios para poder instalar sistema de rega. “O forte da nosa granxa é a nutrición do gando e queremos seguir mellorando iso”, afirma.
Abonado e mantemento dos camiños
O abonado das pradeiras e o mantemento dos camiños en bo estado son dúas das tarefas que máis recursos e horas de traballo consomen nesta explotación. Para manter un alto nivel de produción de pasto e reducir o máximo posible o custo do abonado fan analíticas de solo e pasto cada dous anos en todas as fincas, de maneira que suplementan só en función deses requerimentos.
“As granxas de zonas areosas acostumamos ter niveis baixos de xofre e potasio, polo que facemos un abonado de mantemento unha vez ao ano. En canto a minerais como o cobre, o cobalto ou o selenio, son engadidos cando as analíticas do pasto indican que son necesarios”, explica Steven.
Das analíticas e recomendacións de abonado encárganse técnicos da cooperativa Ravensdown
As analíticas e recomendacións de abonado son realizadas por técnicos de Ravensdown, unha cooperativa de gandeiros creada en 1978 para loitar contra o monopolio que supuña a empresa Kempthrone Prosser, que subministraba superfosfato en Nova Zelandia. Hoxe é a principal compañía de distribución de fertilizantes e sementes do país e realiza tamén análises de solos e de asesoramento agrícola aos seus socios.
En Nova Zelandia non hai límites ao fósforo, só ao nitróxeno
“En Nova Zelandia non hai límites ao fósforo, só ao nitróxeno, e o que se prevé é que as restricións vaian máis polas emisións de gases de efecto invernadoiro nos vindeiros anos”, conta.
No caso de Percy Pastures, as doses de nitróxeno sitúanse entre os 80 e os 100 kg/ha desde mediados de xullo (época de partos) até mediados de setembro e redúcese despois a 50-60 kg/ha até mediados de decembro. Fan aplicación unha vez á semana naquelas parcelas que foron pacidas polo gando.

Un dos camiños da granxa que precisa de labores de mantemento
O mantemento dos camiños do pasto en bo estado é outra das tarefas nas que poñen énfase nesta explotación. “Para min é o máis importante, sobre todo para evitar as coxeiras. É o maior gasto que temos porque o custo que nos supón renovar os camiños é duns 60.000 dólares (30.000€) por quilómetro, polo que non nos podemos permitir renovar máis dun km por ano. Nos últimos dous anos as marxes de beneficio da granxa foron máis pequenas e o que máis o sufriu foi o mantemento dos camiños”, admite Steve.
Os camiños levan unha primeira capa de zahorra compactada e logo 20 cm de caliza moída por enriba que compactan cun rolete. No momento en que a capa superficial de caliza vai a menos e comezan a aparecer as pedras de debaixo fan o mantemento renovando a capa superficial.
Contan en total cuns 10 km de camiños e teñen tamén un paso por debaixo da estrada. A parcela máis alonxada da sala de muxido está a 2,4 km e ás vacas lévalles unha hora chegar.
Traballo agrario e man de obra

Cuberto onde teñen os becerros pequenos na época de parideira e onde o resto do ano gardan a maquinaria
Unha das diferenzas desta granxa coa maior parte das explotacións neozelandesas é que contan con maquinaria propia e fan tamén eles mesmos o traballo agrario para incrementar deste xeito as súas marxes de beneficio.
Na explotación traballan 5 persoas: Steve e Vera e tres empregados, Chris, Ethan e Martine, que fai os apoios e reemprazos. Das 5 persoas, 3 están adicados a atender o gando e 2 a facer o traballo agrario.
Non e doado medrar polas dificultades para atopar man de obra
A media de horas de traballo dos empregados é dunhas 10 ao día, con quendas de 11 días de traballo seguidos e 3 de descanso. “Temos épocas moi apuradas, de moito traballo, sobre todo nos meses de partos e nos momentos de recollida da forraxe e de renovación das pradeiras”, explica Steve.
El fai incluso máis horas, unhas 13 diarias. “Desde que os tractores teñen luces podes traballar as 24 horas se queres e eu non son unha persoa de oficina, porque penso que son máis rendibles as miñas horas no tractor”, argumenta.
Os traballadores de Percy Pastures teñen un salario duns 90.000 dólares neozelandeses (45.000 euros) brutos ao ano e 5 semanas de vacacións, que acostuman coincidir en parte coa época na que non hai que muxir. No caso de Steve e Vera, cóllense sempre unha semana no verán para irse cos cativos no barco que teñen e outra no Nadal. “Os empregados están máis centrados nas vacas de leite, en tarefas coma muxir, mentres que eu levo máis a recría, polo que me é complicado marchar máis dunha semana”, xustifica.
Custos de produción

Zona da sala de muxido e tanque do leite
A explotación da familia Shailer vende o leite a Fonterra e está a manter bos prezos neste momento, chegando aos 10 dólares neozelandeses (uns 5 euros) por kg de sólidos, pero as marxes de beneficio reducíronse debido ao incremento nos custos de produción.
O custo de produción é de 6,3 dólares neozelandeses por kg de sólidos, incluíndo alimentación e man de obra
“Antes da covid, o noso custo de produción por litro de leite (sen amortización de maquinaria nin custos financieiros –créditos–) era de 4,2 dólares e o prezo de venda do leite de 9 dólares pero na actualidade o custo de produción pasou a 6,3 dólares e o litro de leite a 10 dólares”, detallan.
“Nós seguimos unha estratexia de custos baixos en instalacións. Hai un debate neste momento a nivel nacional sobre se é necesario contar con algún tipo de instalación para resgardar o gando no inverno pero nós de momento non imos investir niso até que estea clara a normativa”, di.
Hai un debate neste momento sobre se é necesario contar con algún tipo de instalación para resgardar o gando no inverno pero non imos investir niso até que estea clara a normativa
Nos meses do inverno, que coincide co período seco do gando, teñen as vacas sempre fóra, recluídas en parcelas de castigo. A natureza areosa do chan fai que non encharque con facilidade pero cando aparece lama non queda máis remedio que xestionada como mellor se pode, recoñece Steve. O cultivo de avea que fan nestas fincas serve tamén para estruturar o chan.
As únicas instalacións coas que conta a gandería son a sala de muxido, de 2×32 puntos, o que lles permite muxir as 500 vacas en 3 horas, incluída a limpeza, e un cobertizo onde teñen os xatos e xatas durante as primeiras 2 semanas de vida e que despois pasa a ser o almacén da maquinaria.
Concentración de partos

Amamantadora móbil para dar de mamar á recría nos prados
As vacas paren no prado, onde están un mínimo de 12 horas xunto ás crías para asegurarse de que toman o costro. Ao día seguinte as becerras e becerros son traídos para o cobertizo en lotes de 12 animais, onde están dúas semanas e son alimentados dúas veces ao día. Logo volven ao prado, onde continúan co proceso de recría e a onde lles levan o leite nunha amamantadora móbil.
A época de parideira é unha das de máis traballo do ano. Os partos comezan a partir do 20 de xullo e duran 10 semanas aproximadamente, aínda que a maior parte concéntranse no primeiro mes.
Para detectar os celos utilizamos unha pegatina que se pon no rabo das vacas e cambia de cor; non temos demasiada tecnoloxía para a xestión do gando
A concentración de partos realízase mediante unha ventá de inseminación artificial que dura 4 semanas e media e na que utilizan un 50% de seme sexado. Steve fíxase na conformación, nas características de ubre e na resistencia a mamites como principais cualidades dos touros que escolle, aínda que admite que “non sempre van da man os índices no papel e o que despois son as vacas na realidade”.
Para mellorar a detección de celos nesta época póñenlles ás vacas unha pegatina no rabo que cambia de cor, o que lles permitiu unha identificación máis precisa e baixar de 6 a 4,5 semanas o período de inseminación artificial.
O período de inseminación artificial comeza o 10 de outubro e dura 4,5 semanas. A continuación usan touros de monta natural até o 27 de xaneiro
Transcorrida esta primeira fase comeza outro período de 6 semanas de monta natural para as vacas que non quedaron preñadas nos dous intentos mediante inseminación artificial. Como touros de limpeza teñen 12 exemplares de raza hereford que van rotando de 4 en 4 cada 24 horas. Os touros son retirados do rabaño o 27 de xaneiro. Nas xovencas empregan touros jersey, pola maior facilidade de parto, que entran no lote o 10 de outubro e están 10 semanas, para que veñan parir na mesma época que as vacas.
Un 10% das vacas quédanlles baleiras cada ano e son enviadas ao matadoiro
Recrían unha media de 150 xatas cada ano para reposición. Fan pesadas cada 6 semanas para saber como van medrando. A taxa de reemprazo da granxa é do 26%. “É outro dos nosos puntos de mellora”, asegura Steve. As vacas dúranlles uns 5 ou 6 anos, nos que logran 4 partos de media.
“En Nova Zelandia non podes mercar unha granxa de carne e convertela a leite, pero si ao revés”

Sala de muxido de 2×32 puntos da granxa
O uso de seme sexado permitiulles acelerar a mellora xenética da súa cabana leiteira e abrir unha nova vía de negocio co cebo de xatos. Steve e Vera mercaron o ano pasado outra granxa próxima con 128 hectáreas de terreo que utilizan para a recría dunha parte dos machos e femias cruzados con hereford que nacen na súa explotación leiteira.
Acostuman recriar até os 2 anos un 20% dos cruces cárnicos que fan na explotación leiteira e o resto véndenos de pequenos a outras granxas de carne. Os xatos que ceban acadan os 600 kg de peso vivo, logrados só con pasto, cunha ganancia media diaria de 900 gramos.
Os becerros cruzados con hereford vendenos aos 2 anos con 600 kg de peso vivo, logrados só con pasto
A lexislación neozelandesa non lles permitiría adicar esas 128 hectáreas da nova granxa que mercaron á produción de leite, debido á prohibición de cambio de uso de ganderías de carne a leite que está en vigor. “En Nova Zelandia non podes mercar unha granxa de carne e convertela a leite, pero si ao revés. As autoridades non queren máis produción de leite para evitar o crecemento agresivo do sector”, asegura Steven.
As autoridades non queren que aumente a produción de leite no país
“Se queres medrar a única opción é comprar outra granxa de leite pero non podes mercar unha de carne e adicar esas terras a produción de leite. Por iso tampouco se pode intensificar nos 5 anos posteriores á compra dunha granxa leiteira. Ese é o motivo de que nós non poidamos polo momento montar o regadío”, explica.
“Non temos claro que vaiamos seguir investindo en agricultura”
Steve medrou nunha granxa leiteira preto da Universidade de Lincoln, onde estudou comercio e xestión empresarial. Vera, pola súa banda, naceu en Suíza e trasladouse a Nova Zelandia a comezos dos anos 90 cando a súa familia mercou unha granxa en Hunterville. Ela estudou enfermeira e estivo traballando durante 9 anos no hospital de Palmerston North até que no ano 2017, xunto con Steve, decidiu coller unha granxa de 750 vacas baixo a fórmula do muxido compartido (sharemilking) ao 50% cos propietarios da explotación.
Steve xa traballara antes durante 9 anos na granxa da súa familia
No ano 2020 trasladaron a granxa á actual ubicación e no 2024 mercaron 128 hectáreas doutra gandería veciña que estaba adicada a recría. Neste momento a venda do leite é o que soporta os outros investimentos, xa que o 70% dos seus ingresos proceden da explotación leiteira, o 5% da venda de xatos de carne e outro 25% da recría por encarga que fan a outras granxas e da venda de rolos de silo que fan cos excedentes de forraxe.
O prezo da terra nesta zona é duns 36.000 dólares neozelandeses por hectárea, arredor duns 18.000€
O plantexamento de futuro do matrimonio de pasa por diversificar as súas fontes de ingresos mediante o reinvestimento dos beneficios que produce a explotación leiteira. “O primeiro que queremos facer é anular as débedas que temos e logo facer unha serie de melloras, como renovar a sala de muxido ou instalar o regadío e tamén diversificar coa produción de horta ou flores, pero non temos claro que vaiamos seguir investindo en agricultura. Revisaremos o escenario e os obxectivos cada 5 anos e o criterio para a toma de decisións é que nos ten que facer gañar diñeiro”, razoan.