A sección ‘Noticias de empresa’ inclúe informacións de actualidade empresarial, así como as notas de prensa de firmas colaboradoras.

“Penso, logo existo”: Factores clave para obter a máxima rendibilidade no cebo de becerros

Un artigo de María José Castro Carrera, responsable do Servizo Técnico de Vacún de Carne en De Heus

DE HEUS 2025 rabanhoSabemos que a rendibilidade no vacún de cebo é multifactorial e que hai varios parámetros sobre os que non podemos influír directamente (valor do mercado, lexislación sanitaria, prezos materias primas etc.) Por iso, é necesario ter un maior control naqueles factores que podemos decidir de forma directa como son as orixes, o manexo, instalacións, nutrición, plan sanitario, etc. para optimizar custos de produción e rendibilidade.

A alimentación e a compra do tenreiro poden supoñer ata o 80% do custo total, polo que é prioritario tomar decisións correctas para asegurar a rendibilidade. Unha vez decidido un bo provedor de penso e a fórmula máis adecuada para o tipo de becerro e obxectivo de sacrificio, existen numerosos factores adicionais que teñen un gran impacto nos resultados produtivos e que interferen directamente no benestar e a saúde ruminal dos tenreiros.

1) Manexo e conduta alimentaria

A conduta alimentaria é unha área complexa que une o comportamento animal e a nutrición. Inclúe parámetros como o número de visitas aos comedeiros, o tamaño e a duración de cada comida, o consumo total diario, o tempo total de ocupación do comedeiro e a velocidade de consumo. Segundo a presentación do penso e a selección de ingredientes, hai sistemas onde o animal pode escoller a comida podendo alterar o valor nutricional total da dieta que inxere, alterando a achega obxectiva. Tamén existen dietas que poden favorecer ou penalizar a rumia, intrinsecamente relacionada coa saúde ruminal.

A capacidade de inxesta do animal é un proceso complexo relacionado coa distensión mecánica do sistema dixestivo polo volume inxerido, o apetito do animal e a sensación de saciedade. Tamén poden influír outros factores como climatolóxicos (estrés por calor e redución consumo), sociais (competencias), apetecibilidade (presentación, palatabilidade, rotación e manexo de comedeiro) e factores fisiolóxicos (estado de saúde, celos, nivel de glicosa en sangue…).

O volume inxerido en cada comida e o número de visitas realizadas ao comedeiro inflúen directamente sobre a saúde ruminal e o aproveitamento dos nutrientes. A dispoñibilidade suficiente de comedeiro segundo a densidade do curral (recomendable mínimo de 10 cm dispoñibles por cabeza) vai asegurar que se incremente a frecuencia de visitas reducindo a velocidade e o volume de cada inxesta e favorecendo a dixestibilidade e a correcta funcionalidade ruminal. En situacións de competencia, os animais máis submisos do grupo tentarán comer de forma máis veloz e estresante nos momentos que teñen acceso, incrementando o risco de presentación de acidose ao favorecer o acúmulo de altos niveis de glicosa e ácidos orgánicos no rume coa consecuente produción excesiva de ácido láctico e redución dos niveis de PH.

Entender o grupo social e a súa conduta é importante para conseguir un comportamento alimentario saudable.

DE HEUS 2025 Fillos xemelgos Platero 13

2) Factores intrínsecos do animal

Temos claro que non todos os animais terán o mesmo resultado se achegamos a mesma dieta. Coñecer os factores intrínsecos do animal vai axudar a deseñar un plan nutricional para cubrir de forma óptima todas as necesidades nas diferentes fases de desenvolvemento do animal.

Orixe

A orixe dos animais non só vainos determinar o risco sanitario, tamén debemos telo en conta para facer unha correcta adaptación do tenreiro ás novas condicións:

-Pasteiros: animais que proveñen do campo, que non probaron alimentos concentrados ricos en amidóns, ou o fixeron en pouca cantidade, requiren dun manexo especial á entrada para evitar problemas de adaptación ao cebo, especialmente se son animais de baixo peso. Achegar un penso específico nesta etapa é crucial para o éxito do ciclo completo de cebo. Aínda que clinicamente non vexamos problemas de adaptación ao dar pensos orientados á fase de cebo ou remate, podemos xerar problemas de acidose subclínicas e danos a nivel epitelial que van repercutir negativamente nos índices de transformación durante o resto do cebo.

-Mamóns destete: tenreiros desvezados, alimentados con alimentos concentrados desde a fase de lactantes. Menor risco de adaptación aos pensos de cebo, pero hase de ter en conta o período de estrés que sofren estes animais cuxo sistema inmunitario aínda é inmaturo. Facilitar a súa saúde dixestiva cunha formulación adaptada a este período é indispensable.

Xenética e sexo

Coñecer a morfoloxía e a curva de crecemento propia de cada raza é necesario para poder cubrir as necesidades nutricionais e conseguir o seu máximo potencial de crecemento.

As femias tamén son máis precoces e tenden a incrementar os depósitos graxos antes que os machos polo seu menor desenvolvemento musculoesquelético. Por iso, os seus datos de GMD e IC sempre son peores que os machos de valor xenético similar.

Os animais máis precoces sempre terán peores índices de conversión no mesmo peso e idade que aquelas razas máis tardías, por iso é necesario adaptar os parámetros nutricionais en cada ciclo de cebo se hai cambios no tipo de animal a cebar.

Idade

A idade de entrada ao cebo tamén determina o manexo nutricional. Se temos animais moi tenros os seus requirimentos proteicos e vitamínico-minerais serán máis esixentes porque o necesitarán para o correcto desenvolvemento estrutural.

Obxectivo sacrificio

Segundo a orientación de venda deses animais, os obxectivos son diferentes segundo o mercado. Coñecer cal será o obxectivo final de peso canle, nivel de engraxamento, resultados previos, etc. axudan a orientar resultados e mellorar o posicionamento e os resultados.

OK Catálogo Sementais ACRUGA 2018

3) Factores nutricionais

Formulación da Dieta e Materias Primas

Definir as necesidades nutricionais tendo en cuenta a variabilidade descrita no apartado anterior, aínda que complexo, é fundamental. Escoller un asesor adecuado para determinar o plan nutricional a levar a cabo, é o primeiro paso para conseguir resultados óptimos.

As fontes de enerxía tamén van interferir na conduta alimentaria e no aproveitamento destas. Por exemplo, podemos ter unha ración isoenerxética con diferentes porcentaxes de graxa e amidón como fontes de enerxía. Temos que coñecer o efecto que produce no animal empregar por exemplo altos niveis de graxa e menos amidón, se en certos momentos pode ser máis beneficioso utilizar esta estratexia ou á inversa.

Unha vez definidos os requirimentos nutricionais, hai que saber que a calidade e valor nutricional das materias primas é moi variable e é necesario facer un control exhaustivo de cada lote que entra a formar parte da cadea de nutrición animal na fábrica. Ser estrito á hora de seleccionar que materias primas están dentro dos parámetros mínimos de calidade esixidos por cada fábrica é indispensable para asegurar un bo servizo e uns bos resultados.

Tamén hai que ter en conta que non todas as materias primas son igualmente dixestibles, por iso é necesario ter un bo programa de formulación que nos dea a maior información posible e unhas matrices nutricionais de materias primas actualizadas prácticamente a tempo real para minimizar a marxe de erro entre o teórico e a realidade.

Presentación do penso, a eterna pregunta, gránulo ou fariña?

Hai tempo que coñecemos que se achegamos grans completos aos animais reducimos substancialmente a dixestibilidade e o valor nutritivo dos mesmos e realizar unha moenda previa é indispensable para ser competitivos, pero, dentro das dúas presentacións maioritarias dispoñibles no mercado, ¿como podemos decantarnos por unha ou outra? Como sempre… é unha decisión multifactorial posto que ambas presentan os seus pros e contras, pero habemos de darnos conta de que nos sistemas de cebo máis intensivos e controlados predomina a presentación do gránulo polos seus mellores resultados en canto GMD e IC.

Fariñas:

Se pensamos na presentación en fariña, a principal vantaxe é que non se limita a inclusión de materias primas ao non ter un proceso de granulación a continuación que poida afectar á durabilidade do gránulo. Outro punto ao seu favor é que os custos de produción adoitan ser inferiores ao non haber procesos térmicos e de presión no proceso de obtención e ao ter un menor custo de amortización a maquinaria.

A granulometría das fariñas para tenreiros debe ser específica e non demasiado fina posto que o exceso de finos pode asociarse a lesións na parede ruminal e precursor de problemas de acidose.

Adoitan asociarse problemas na caída de silos e moxegas (especialmente se teñen valores de graxas elevados), maiores perdas no comedeiro polo comportamento dos animais durante a inxestión, maior sucidade e avarías en bebedoiros.

Granulados

Hai unha moenda inicial e posteriormente agloméranse as partículas en pellets mediante calor, humidade e presión. Este proceso pode aumentar a xelatinización do amidón e a proteólise da matriz que o rodea mellorando a súa dixestibilidade. Unha fórmula isoenerxética en presentación fariña ou gránulo, terá uns mellores valores de GMD e IC na súa presentación en gránulo.

A dixestión dos pellets inicialmente é máis rápida pola mellor dispoñibilidade dos amidóns, pero con sistemas de formulación avanzados como o sistema SFOS exclusivo de De Heus podemos regular a velocidade de fermentación dos carbohidratos que compoñen a fórmula, tendo unha fermentación segura a nivel ruminal, mesmo aínda que a velocidade de inxestión sexa maior. O proceso de granulación mellora a hixienización do penso, pero en contraposición hai que empregar aditivos que non sexan termosensibles polo seu posible inactivación durante o proceso de fabricación. 

O nivel de perdas no comedeiro é menor e o seu comportamento é mellor nos sistemas de distribución e almacenamento.

En contra do granulado podemos dicir que o custo enerxético de fabricación é máis elevado e require maiores investimentos en fábrica. Tamén require dunha correcta durabilidade do gránulo para evitar a formación excesiva de finos no comedeiro, que tería como consecuencia a redución do ritmo de inxestión dos tenreiros e permitiría que escollan o penso.

Sexa en gránulo ou fariña a decisión que tomemos, o que debemos ter claro que debe estar sempre dispoñible no comedeiro e facer un bo manexo destes para estimular a inxestión e reducir a aparición de problemas.

Forraxe:

Importante en momentos de risco como as entradas ou cambios bruscos de manexo, instalacións, etc. utilizar unha forraxe de calidade para mellorar a saúde ruminal e reducir riscos.

O 10% aprox. do volume diario da inxesta será de forraxe, polo que temos que asegurarnos que estea en condicións saudables e que sexa funcional. Utilizar palla de cereais de calidade durante a ceba mellorará o confort dixestivo e a rumia, mellorando a inxestión e o aproveitamento dos nutrientes.

Auga:

É un nutriente esencial, un tenreiro pode consumir entre 25 e 65 litros de auga ao día. Se non aseguramos que a calidade microbiolóxica e organoléptica sexan adecuadas podemos ocasionar un problema de perda de eficiencia, por desgaste inmunitario, e problemas de saúde.

Hoxe en día hai múltiples opcións e sistemas diferentes de sanitización de auga e o custo é relativamente baixo en comparación ao prexuízo que podamos ocasionar.

Facer analíticas periódicas da calidade da auga que beben os nosos animais pode axudarnos a previr problemas e incrementar substancialmente os beneficios.

CONCLUSIÓNS

O éxito do cebo de tenreiros depende dunha xestión integral asociada ás instalacións, manexo, factores nutricionais, factores intrínsecos do animal, status sanitario… É por iso que en De Heus traballamos para mellorar o benestar e a conduta alimentaria dos animais para obter a maior rendibilidade posible e seguir avanzando na profesionalización do sector.

Para tomar decisións correctas é necesario investir tempo en valorar as diferentes opcións que nos ofrece o mercado e analizar datos produtivos e de rendibilidade para seguir traballando nunha mellora continua.

Desde De Heus, animámoste a coñecer máis sobre os nosos produtos e servizos contactando cos nosos profesionais ou visitando a nosa páxina web: www.deheus.es

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *