Pemento de Herbón, o auténtico pemento de Padrón

A Sat A Pementeira trata de diferenciar o seu produto no mercado a través da Denominación de Orixe e do selo Galicia Calidade. Este ano vén de sacar ó mercado a marmelada de pemento, que ofrece en variedades doce e picante

Publicidade
Pemento de Herbón, o auténtico pemento de Padrón

Invernadeiro de pementos en Herbón (Padrón, A Coruña). / Imaxes: Sat A Pementeira.

O mercado do pemento é confuso para o consumidor. Nos supermercados hai unha gran oferta de pementos tipo Padrón que na súa maioría nin son da localidade de Padrón nin teñen as cualidades do produto alí cultivado. Gran parte dos pementos de variedade Padrón que chegan ós puntos de venda incluso son producidos fóra de Galicia e, nalgúns casos, en Marrocos.

Desde a Sat A Pementeira, que agrupa a 19 agricultoras de Herbón, levan 8 anos de traballo tratando de poñer en valor o “auténtico pemento de Padrón”, un esforzo para o que resulta clave a Denominación de Orixe ‘Pemento de Herbón’. De cara ó mercado de fóra de Galicia, contan tamén co reforzo do selo Galicia Calidade.

A presidenta da Sat A Pementeira, Milagros González, incide na importancia de dar a coñecer as características diferenciais do Pemento de Herbón. “Levamos tempo no mercado, pero aínda nos atopamos con que hai moita xente que descoñece as nosas particularidades. Hai consumidores que pensan que distribuímos pemento de Herbón todo o ano, cando a nosa campaña vai de maio a outubro. O resto do ano non temos pementos”, explica.

Elementos diferenciais
O pemento de Herbón distínguese no mercado polas bolsas que identifican a súa pertenencia á denominación de orixe Pemento de Herbón. O seu prezo adoita ser lixeiramente máis alto que o dos pementos convencionais, unha diferencia que desde A Pementeira xustifican na calidade. “O sabor do pemento de Herbón é inconfundible. As persoas que entenden de pementos aprecian o noso produto”, destaca Milagros González.

Bolsa de Pementos de Herbón.

Bolsa de Pementos de Herbón.

“Se o noso pemento é máis caro, por algo é”, engade. “Producir aquí pementos son moitas horas de traballo. Seguimos uns coidados de cultivo de acordo coa normativa da Denominación de Orixe e garantimos un produto de elevada calidade, que cumpre cos controis da Denominación e de Galicia Calidade”, sinala.

As produtoras están tamén a traballar, en colaboración co Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo, para diferenciar xeneticamente as plantas que empregan, que foron pasando de xeración en xeración, co obxectivo de poder distinguilas das plantas da variedade Padrón que se venden en viveiros.

Mercado
Boa parte do mercado do pemento de Herbón atópase en Galicia, se ben o produto tamén ten distribución fóra da comunidade en supermercados da zona norte de España (Carrefour e Gadis) e, a maiores, a demanda por venda online é crecente.

Os selos da Denominación de Orixe Pemento de Herbón e de Galicia Calidade xogan un importante papel na defensa do produto no mercado. “Desde un comezo, démonos de conta de que o selo Galicia Calidade era importante, non só á hora de identificar o valor do noso pemento, senón porque supón unha axuda importante de promoción”, valora Milagros González.

mermeladas

Marmelada doce e picante

A Sat A Pementeira está a lanzar este ano ó mercado a súa marmelada de pemento, que elabora en variedades doce e picante. “Nós sabemos que pementos pican e cales non, polo que escollemos os que non pican para a marmelada doce e os outros para a picante. No caso da marmelada picante, podemos ademais elaborar produto con diferente gradación de picor, ben suave ou forte”, explica a presidenta da sociedade.

O produto, que se comezou a dar a coñecer en certames gastronómicos o pasado ano, elabórase de xeito artesanal na nave de procesado da Pementeira. Polo de agora, a súa distribución concéntrase en establecementos gourmet e tradicionais, así como a través da venda online por internet.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información