A entidade de certificación forestal PEFC Galicia presentou este venres o “Plano-Guía do Camiño Fisterra- Muxia” e un “Libro por Escribir” no Albergue Municipal de Negreira. Ambos os dous entregables son froito dun proxecto, iniciativa de PEFC Galicia e promovida polo Programa “O teu Xacobeo” da Xunta de Galicia.
O acto contou coa participación, ademáis de representantes de PEFC Galicia, do director de Xestión do Xacobeo, Ildefonso De la Campa, e de alcaldes e representantes dos concellos de Negreira, Ames, Dumbría, Cee e Fisterra.
A través do Plano facilítase ao peregrino un fío condutor que dará a coñecer aspectos da paisaxe rural galega, a importancia dos bosques no medio natural e das árbores nas cidades, os tipos de propiedade, usos e traballos no monte, lendas, toponimias, a ligazón coa arquitectura e a natureza, etc. No libro os camiñantes poderán plasmar as súas percepcións e sentimentos ao longo do Camiño, así como as súas achegas para lograr unha contorna máis sostible.
Coa iniciativa PEFC no Camiño, quérese trasladar aos peregrinos que visitan Galicia e á sociedade galega no seu conxunto, a importancia dos montes a escala local e global. “Camiño e Monte son dous conceptos intimamente ligados non noso territorio ao longo dos séculos, xeradores dunha cultura, tradicións e natureza propias e singulares”, destacan dende PEFC Galicia.
O Plano-guía ten un deseño desenfadado, buscando que ademais de ofrecer e facilitar o acceso a toda a información a través dun código QR (en galego, español e inglés), sexa atractivo para o peregrino e que poida pasar un intre agradable observando os debuxos e buscando infinidade de detalles que de seguro poden arrancar máis dun sorriso. Dito plano poderase atopar en albergues, puntos de información e nos concellos do Camiño Fisterra-Muxía.
Ademais, nos albergues, os peregrinos poderán atopar un libro pendente de escribir por eles mesmos, con breves mensaxes, que invitan a describir as súas sensacións facendo o Camiño polos montes, ou que conten os seus soños, acheguen as súas ideas, ou indiquen que estarían dispostos a facer ou mudar nas súas vidas, para lograr un planeta máis sostible.
“O monte forma parte da cultura e da idiosincrasia dos galegos. O 70% do territorio galego é forestal, polo que dun ou doutro xeito, forma parte das nosas vidas, debuxa a nosa paisaxe, alberga flora e fauna, proporciona traballo, contribúe ao benestar e fixa poboación no rural, provee de alimento e materia prima renovable, conserva o solo e as augas, permítenos o recreo e o contacto coa natureza e contribúe á mitigación do cambio climático”, explican dende PEFC Galicia.
Que é PEFC Galicia?
PEFC Galicia é unha asociación sen ánimo de lucro que, desde o ano 2003, promove a xestión sostible nos montes galegos, garantindo que se xestionen e aproveiten de acordo con esixentes requisitos ambientais, sociais, económicos e éticos. Forman parte de PEFC Internacional, que é o sistema de certificación forestal máis implantado no mundo asegurando que a multitude de funcións dos bosques estean protexidas para xeracións presentes e futuras.
Galicia conta con máis de 260.000 hectáreas de monte con certificado de xestión forestal sostible PEFC, formando parte dos 2,5 millóns de hectáreas certificadas no conxunto do Estado. Case o 60% da superficie incorporada no 2020 á certificación forestal a nivel nacional proveu de Galicia. 33.000 propietarios dos 40.000 certificados en España son galegos. Galicia é líder nacional en empresas coa cadea de custodia certificada PEFC, 450 empresas das máis de 1.500 certificadas en España que garanten a trazabilidade da orixe dos seus produtos.
PEFC distingue co seu selo todos os produtos (madeira, resina, castañas, mel, cogomelos, biomasa, téxtil,…) procedentes de montes certificados, garantindo a sostibilidade da súa xestion e aproveitamento, así como a súa rastrexabilidade a través de toda a cadea forestal ata o consumidor final.