A sección ‘Noticias de empresa’ inclúe informacións de actualidade empresarial, así como as notas de prensa de firmas colaboradoras.

“PEFC implantará este ano un sistema de teledetección que suporá un gran avance na certificación forestal”

Entrevista a Elsa Grille, enxeñeira forestal e responsable técnica de PEFC-Galicia

“PEFC implantará este ano un sistema de teledetección que suporá un gran avance na certificación forestal”

Elsa Grille, enxeñeira forestal e responsable técnica de PEFC-Galicia

Galicia conta con máis de 70.000 parcelas forestais e unhas 160.000 hectáreas de monte certificadas por PEFC como sustentables e respectuosas co medioambiente.

Estas cifras sitúan á comunidade como a primeira do Estado en certificación forestal en canto a número de propietarios; de feito dos 32.900 propietarios ou xestores forestais certificados a nivel nacional, 25.000 son galegos.

Para analizar a realidade da certificación e do sector forestal galego falamos con Elsa Grille, enxeñeira forestal e responsable técnica de PEFC-Galicia.

¿Que é PEFC e que importancia ten a día de hoxe dentro do sector forestal galego e español?
PEFC é unha alianza global líder de sistemas nacionais de certificación forestal. Como organización internacional non gobernamental sen fins de lucro, dedicámonos a promover a xestión forestal sustentable a través dunha certificación independente de terceiros.

É o primeiro sistema de certificación tanto a nivel nacional como autonómico, e en canto á posición de PEFC en Galicia con respecto ao ámbito nacional, somos a primeira comunidade en cadeas de custodia certificadas, xa que contamos con máis de 400 empresas certificadas co selo PEFC.

En canto á certificación dos montes, Galicia conta con máis de 160.000 ha certificadas PEFC, un número non demasiado elevado en comparación con comunidades como Castela e León ou Andalucía, pero se analizamos o número de propietarios ou xestores forestais, dos 34.000 certificados a nivel nacional, 25.000 son galegos, por tanto elevamos a importancia ao número de propietarios comprometidos coa xestión forestal sustentable e certificación PEFC.

¿Que vantaxes lle aporta ao propietario forestal contar coa certificación PEFC?
A demanda crecente da industria forestal de materia prima con garantías de orixe sustentable para poder acceder a mercados internacionais ou dar cumprimento a un sistema de dilixencia debida, entre outros, fai que os propietarios cada vez interésense máis por ofrecer o certificado PEFC, podendo vender a súa madeira con maior facilidade e obter un maior valor económico.

Tamén poden optar con maior facilidade a axudas da Administración, xa que se valora positivamente que un monte estea certificado.

Pero cada vez máis, notamos o incremento de propietarios que non buscan o valor económico engadido, senón que buscan un recoñecemento da boa xestión que levan realizando durante anos, e que realmente se lles recoñeza como silvicultores activos.

¿E para a industria de transformación da madeira ou da celulosa?
A certificación PEFC é un sistema de certificación recoñecido internacionalmente, feito que axuda ás empresas para posicionarse no mercado e poder ofrecer calquera dos produtos que saen do monte con garantías de xestión forestal sustentable demandados a nivel internacional.

“A certificación forestal PEFC axuda ás empresas a posicionarse no mercado”

Ademais, como comentaba ao comezo, é a mellor forma de garantir que se aplica un sistema de dilixencia debida (SDD) e dáse cumprimento ao Regulamento Europeo da Madeira ( EUTR), xa que nas auditorías de certificación PEFC que se realizan anualmente verifícase, entre outros, a correcta aplicación do SDD para o alcance dos produtos certificados.

¿Que requisitos son necesarios para contar coa vosa certificación e que custo económico supón?
A nivel de monte, é necesario contar cun documento de xestión da propiedade no que se analiza e describe o estado forestal actual e planifícanse os traballos futuros para garantir unha xestión forestal sustentable. O propietario poderase certificar a través de calquera das modalidades do sistema PEFC, individual, en grupo ou a través da certificación rexional, pero de calquera modo deberá cumprir coas obrigacións que o sistema esixe.

“En Galicia estamos certificando parcelas de ata 1.000 m2”

En canto ao custo, este redúcese se a certificación é de forma agrupada ou rexional, xa que son modalidades orientadas ao pequeno propietario, para facilitar o seu acceso e proceso de auditoría. Hoxe en día, o custo non supón un problema, xa que se están certificando parcelas de ata 1.000 m2.

En canto á cadea de custodia, é necesario que a empresa implante un procedemento que dea cumprimento á Norma de Cadea de Custodia internacional, de igual aplicación a todos os países, no que se asegure a rastrexabilidade do produto. Para pemes existe a modalidade de grupo, polo que o proceso e o seu custo redúcense.

Existen outros sistemas de certificación dentro do sector forestal, ¿Que marca a diferencia en PEFC?
Como sistema de certificación, efectivamente existen outros sistemas, aínda que en España, PEFC é o único sistema que esixe o cumprimento dunha Norma UNE de Xestión Forestal Sustentable, ou que as entidades certificadoras estean acreditadas por ENAC, Entidade Nacional de Acreditación.

 “PEFC é o único sistema que esixe o cumprimento dunha Norma UNE de Xestión Forestal Sustentable”

O sistema PEFC nace hai 20 anos dos propietarios forestais europeos e baséase nas Conferencias Internacionais para a Protección dos Bosques en Europa, por iso a súa adaptación e implantación na nosa comunidade é máis sinxela que outros sistemas.

¿Cales son as principais accións na que estades a traballar ao longo deste ano?
Estamos a traballar sempre nunha mellora continua do noso sistema de certificación, como o desenvolvemento dunha plataforma de rexistro de montes certificados que permite a todos os actores do proceso ter máis e mellor información totalmente actualizada, facilita o alta ou baixa de parcelas certificadas e axuda ás entidades certificadoras na planificación das visitas a montes para verificar o cumprimento do sistema.

Ademais estamos a realizar accións formativas como cursos de implantación de certificación forestal PEFC, masterclass, workshop sobre estratexias para fortalecer e comunicar con éxito unha marca de produtos de orixe forestal. Tamén desenvolvemos diferentes accións divulgativas, entre as que cabe destacar polo seu carácter innovador, a divulgación de tecido procedente das árbores e a necesidade de que estes estean certificados para axudar a que o mundo da moda sexa cada vez máis sustentable.

¿Que novos proxectos estades a impulsar?
PEFC España está a desenvolver un sistema de teledetección, que nos permitirá moitísimos avances para o coñecemento e control das superficies nas que se realizan aproveitamentos, nas que se producen incendios,…, e que xa se están realizando probas para verificar o uso correcto e ir axustando cada vez máis o sistema.

 “PEFC España está a desenvolver un sistema de teledetección que suporá un gran avance na certificación forestal”

Unha vez finalizado, facilitaráselle tanto ás entidades que actualmente traballan directamente cos propietarios para posibilitarlle o acceso á certificación, como ás entidades certificadoras para o control e orientar máis os obxectivos das auditorías.

Un deles é o de fabricacións de prendas textís a partir de madeira certificada PEFC. ¿Que nos podes avanzar?
PEFC colabora coa iniciativa “ Forests For Fashion”, desenvolta pola Sección de Bosques e Madeira de Nacións Unidas e a FAO (UNECE/FAO), que ten como obxectivo promover o uso de materiais sustentables procedentes de bosques ben xestionados no mundo da moda. Esta iniciativa foi presentada en 2018 na Sede de Nacións Unidas de Nova York coincidindo co Foro Político de Alto Nivel (FPAN) sobre Desenvolvemento Sustentable.

PEFC traballa para promover a rastrexabilidade das fibras celulósicas ao longo da cadea de subministración, axudando aos deseñadores de moda e ás marcas a garantir a través da etiqueta PEFC que a súa roupa e calzado procede dunha xestión forestal sustentable certificada.

Desde Galicia estamos a dar continuidade a esta liña de accións traballando de forma activa coa Escola de Arte e Superior de Deseño Mestre Mateo para que os futuros deseñadores coñezan a importancia de utilizar tecido con garantías de orixe sustentable. Para que poidan coñecelo de primeira man, Téxtil Santanderina S.A., primeira empresa téxtil que conta co certificado PEFC doou tecido PEFC á Escola para que os alumnos poidan realizar os seus proxectos ao longo do ano.

¿Cales son as prácticas no sector forestal galego nas que detectades que é preciso modificar ou mellorar de cara a unha maior sustentabilidade?
É necesario que os montes conten cunha planificación, e para iso en Galicia contamos con moitos enxeñeiros técnicos forestais e enxeñeiros de montes que poden asesorar correctamente aos propietarios e orientalos á hora de identificar que especie é a adecuada ao seu terreo, o tipo de tratamentos silvícolas a realizar, etc. Isto garantirá unha xestión forestal sustentable e dará cumprimento para a obtención da certificación PEFC.

Nos últimos anos estase a cuestionar en Galicia o monocultivo do eucalipto en amplas zonas do territorio. ¿Cal é a postura de PEFC ao respecto?
Por sorte, en Galicia temos superficie forestal suficiente para albergar todo tipo de especies, o que consideramos imprescindible, e así o esixe PEFC a través da Norma UNE de Xestión Forestal Sustentable, é que exista un documento de xestión redactado por un enxeñeiro forestal ou de montes e eles son os que deben valorar o que é adecuado para cada monte.

Ademais a Xunta de Galicia publicou uns modelos silvícolas aos que os propietarios deberán adscribirse obrigatoriamente a partir do 2020 para que se lles conceda o permiso de corta. Estes modelos xa establecen en que zonas do territorio poderase utilizar unha ou outra especie.

Ente as premisas para obter o selo PEFC cabe destacar que é necesario o cumprimento da lexislación e que a xestión dos montes sexa sustentable non só a través dun documento de xestión, se non da súa correcta aplicación.

A este respecto, outras entidades certificadoras teñen detectado riscos na cadea do eucalipto en canto a “volumes dispares, operacións inexactas e, por tanto, posibles declaracións falsas”. ¿Tedes identificado tamén estas irregularidades en PEFC?
PEFC conta con procedementos que outros sistemas non desenvolveron, como a plataforma de rexistro de referencias catastrais certificadas. Esta plataforma, entre outras cousas, axuda ás entidades certificadoras á toma de decisión sobre os procesos de auditorías. Como comentaba anteriormente, estamos a traballar tamén nun sistema de teledetección que seguramente estará ao dispor das agrupacións de certificación así como das entidades certificadoras o próximo ano e que axudará a mellorar o control e a acoutar calquera problemática que se poida dar.

Este ano comezamos tamén coa revisión do Sistema Español de Certificación e a Norma UNE de Xestión Forestal Sustentable, documentos aos que incorporaremos todos os procedementos de mellora que emanen non só do propio PEFC, senón de todos os actores relacionados co sector, xa que se trata dun procedemento aberto.

No caso da retirada da biomasa forestal, un refugalo que ata agora servía como abono do terreo e como fixación de carbono, hai proxectos en marcha para retirala do monte para a súa incineración en plantas de biomasa. ¿Esta práctica é compatible coa obtención da certificación PEFC?
Partindo da premisa de que PEFC esixe que para certificar unha parcela esta conte cun documento de xestión redactado por un enxeñeiro forestal ou de montes, deben ser estes os que establezan na planificación do monte a necesidade ou non de realizar a trituración ou retirada dos restos. O obxectivo principal será que o monte quede en óptimas condicións para garantir unha xestión forestal sustentable e que a produción futura sexa boa e da mellor calidade posible.

Entre os aspectos que debe ter en conta o técnico que redacte o plan é garantir o equilibrio da achega de nutrientes ao chan e minimizar o risco de incendios ao reducir a continuidade de estratos entre o chan e a copa e o exceso de madeira morta.

¿Cales son as principais fortalezas e debilidades que detectades en PEFC en canto á sustentabilidade da producción forestal en Galicia? ¿E as materias pendentes?
Como fortaleza, é un sistema que se adapta perfectamente a territorios conformados por pequenas superficies, como é o noso, e que é de sinxelo cumprimento para o propietario forestal. Coa certificación forestal asegurámonos que cada propietario conte cunha planificación adecuada para garantir unha xestión forestal sustentable.

Non sabería se considerar como debilidade ou fortaleza que o 98% da propiedade forestal galega é privada, en moitos casos poderíao considerar como fortaleza, pero realmente supón unha dificultade á hora de promover e divulgar información sobre xestión forestal sustentable e certificación PEFC.

Como materia pendente, chegar a través de máis accións formativas e divulgativas a máis propietarios para ofrecer a información e que eles tomen as súas propias decisións pero cun coñecemento real sobre a materia en si.

¿Algo máis que queiras engadir?
En PEFC traballamos para conseguir un sector forestal máis sustentable, que sexa referente nunha economía descarbonizada. Cremos que os montes achegan solucións e riqueza ás poboacións das contornas rurais, ademais de orixinar amplos beneficios ao conxunto da sociedade.

Os produtos forestais de proximidade axudan a conseguir os Obxectivos de Desenvolvemento Sustentable 2030 a través, entre outros, da mitigación dos efectos do Cambio Climático.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *