PEFC Galicia, referente na certificación forestal, renova a súa Xunta Directiva

PEFC FOTO ASEMBLEAA Asociación Galega Promotora da Certificación Forestal (PEFC Galicia) celebrou este xoves a súa Asemblea Xeral Ordinaria, nunha xornada que serviu para facer balance do exercicio, analizar a evolución da certificación forestal e definir as liñas de traballo futuras da entidade.

A xornada contou coa participación da Directora Xeral de Planificación e Ordenación Forestal, Mª Luisa Piñeiro, así como coa incorporación como novo socio da Asociación Forestal de Galicia (AFG), reforzando a representatividade da entidade no conxunto do sector forestal galego.

Na Asemblea presentouse o informe anual, no que se puxo de manifesto o avance sostido da certificación forestal PEFC. A finais de 2025, España acadou os 3 millóns de hectáreas certificadas, das cales máis de 500.000 corresponden a Galicia. Cómpre salientar que máis do 80% dos propietarios e xestores forestais certificados no conxunto do Estado son galegos, o que confirma o papel destacado da comunidade neste ámbito.

PEFCmapa Superficie certificada PEFC

No relativo á certificación empresarial, Galicia continúa a liderar o ámbito estatal con preto de 480 cadeas de custodia PEFC, consolidándose como referente na trazabilidade e garantía de orixe sostible dos produtos forestais.

PEFCmapa CDCcertificadas PEFC

A Asemblea Xeral Ordinaria representou, un ano máis, unha oportunidade para facer balance do camiño percorrido, compartir os principais fitos acadados e reflexionar conxuntamente sobre os desafíos e oportunidades que se presentan para o sector forestal galego. Nun contexto en constante evolución, PEFC Galicia continúa traballando para reforzar o papel da certificación forestal como ferramenta clave para a xestión sostible, a transparencia e a competitividade do monte galego.

O ano 2025 estivo marcado por avances relevantes a nivel normativo e estratéxico, entre os que destaca a aprobación e entrada en vigor do novo Sistema PEFC Español o 19 de novembro de 2025. Este novo marco supón un paso adiante na adaptación da certificación ás esixencias actuais do mercado, da lexislación europea e das expectativas sociais, consolidando a súa validez e utilidade para propietarios forestais, xestores e empresas da cadea de valor.

Paralelamente, PEFC Galicia reforzou o seu compromiso coa posta en valor da xestión forestal sostible a través de iniciativas propias. Entre elas destaca o Programa de Recoñecemento de Montes PEFC, que busca visibilizar aqueles montes que destacan pola súa xestión responsable e recoñecer o labor exemplar de propietarios, xestores forestais e entidades solicitantes que contribúen á conservación dos recursos forestais e ao desenvolvemento dun medio rural vivo e sostible.

Outro dos fitos salientables do ano foi a celebración do evento ESENCIAIS PEFC 2025, un espazo de encontro e recoñecemento ás persoas e empresas que sosteñen a cadea forestal galega e que apostan pola certificación como garantía de boas prácticas.

De cara a 2026, a entidade destacou que se pechará o proxecto GO Multi-forest, no que, entre outros obxectivos, se avanzou na definición de procedementos para a certificación da cadea de custodia do mel —un fito xa acadado— e da carne de poldro (cofinanciado Consellería do Medio Rural. Xunta de Galicia. Fondos FEADER). Ademais, PEFC Galicia está xa inmersa no proxecto ECOBIO: Bioeconomía baseada en Servizos Ecosistémicos para a Sostibilidade e Desenvolvemento Rural, no que desenvolverá ferramentas de valoración integrada de servizos ecosistémicos de carácter recreativo, social, cultural e espiritual (cofinanciado pola Fundación Biodiversidade, fondos FEDER).

A xornada concluíu coa celebración da Asemblea Xeral Extraordinaria, na que se aprobou a reelección da Xunta Directiva, que renova o seu mandato co respaldo dos socios da entidade, e que queda composta por Enrique Valero (Escola de Enxeñaría Forestal da Universidade de Vigo) como presidente; Roberto Pereiras (Organización Rural Galega) como vicepresidente primeiro e secretario; e Jacobo Feijoo (ASEFOGA) como vicepresidente segundo e tesoureiro.

Na reunión participaron tamén representantes de entidades socias como FEARMAGA, o Colexio Oficial da Enxeñaría Forestal e o Centro de Investigación Forestal de Lourizán, mentres que escusaron a súa asistencia o Clúster da Madeira e o Deseño de Galicia, o Clúster da Biomasa e a Federación Galega de Caza.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información