PEFC Galicia pecha un 2024 centrado na sustentabilidade e a certificación forestal

Un ano de formación, innovación e participación que reforzou o compromiso co modelo de xestión forestal sostible e a economía rural galega

PEFC Galicia pecha un 2024 centrado na sustentabilidade e a certificación forestal

Curso de formación de aproveitamento da resina.

PEFC Galicia clausura un ano marcado por unha actividade formativa e divulgativa centrada no impulso da xestión forestal sostible e a certificación PEFC. As iniciativas desenvolvéronse en diversos niveis educativos, eventos sectoriais e proxectos de innovación.

Ademais de fomentar un modelo de xestión responsable, que non só mellora a saúde dos montes galegos, o traballo realizado busca xerar novas oportunidades económicas no ámbito rural e avanzar cara á sustentabilidade ambiental.

Formación e divulgación

Durante 2024, PEFC Galicia realizou actividades formativas dirixidas a diferentes niveis educativos e profesionais. Na educación, abordáronse temas de xestión forestal sostible e certificación PEFC, adaptados desde a primaria, con xogos e cancións, ata ciclos superiores e universitarios, con formación práctica e visitas a empresas certificadas.

Tamén se impartiron cursos especializados, como aproveitamento de resina e xestión empresarial, para fortalecer as competencias no sector forestal e promover a mellora continua da xestión dos recursos naturais.

Divulgación e participación en eventos

PEFC Galicia participou tamén en eventos como GALIFOREST que serviron como plataforma para impulsar o sistema de certificación PEFC. Estos encontros favoreceron o intercambio de ideas e a creación de alianzas co fin de desenvolver a xestión forestal sostible.

PEFC Galicia tamén participou nas reunións para a renovación do Sistema PEFC e da Norma UNE 162.0002 e no 25 aniversario de PEFC España. Neste acto, Enrique Valero Gutiérrez del Olmo, presidente de PEFC Galicia, recibiu un galardón na categoría de Pioneiros dos primeiros Premios Somos Bosque.

Premio a Enrique Valero Gutiérrez del Olmo, presidente de PEFC Galicia.

Premio a Enrique Valero Gutiérrez del Olmo, presidente de PEFC Galicia.

Futuro do sistema de certificación

PEFC lidera globalmente a certificación forestal, con 298 millóns de hectáreas certificadas, o 75% dos bosques certificados do mundo. En España hai 2,81 millóns de hectáreas certificadas, das cales máis de 482.000 están en Galicia, xestionadas por máis de 60.000 propietarios forestais. Estes datos destacan o compromiso galego coas boas prácticas forestais e a sustentabilidade.

Proxectos e accións para o 2025

PEFC Galicia inicia 2025 con proxectos destacados como o GO Multiforest, que busca certificar mel e carne de cabalo na CMVM de Baroña. Esta iniciativa exemplifica o compromiso por diversificar a certificación PEFC a novos sectores produtivos.

En febreiro celebrarase o webinar “PEFC, o teu aliado no cumprimento do EUDR”, enfocado en axudar ás empresas galegas a adaptarse ás novas normativas ambientais. Ademais, haberá un seminario sobre o uso da madeira na construción e un evento presencial para abordar os cambios no Sistema Español de Certificación Forestal PEFC.

PEFC Galicia seguirá apostando por accións que promovan a sustentabilidade e a calidade no sector forestal, avanzando cara a un modelo máis respectuoso co medio ambiente. “O 2025 promete ser outro ano de avances, aprendizaxes e colaboracións que nos permitan seguir desenvolvendo un sector forestal galego máis sostible e resiliente”, indican.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información