Pazo Lalón, así se elabora o Mellor Viño Branco de Galicia en 2020

Eduardo González Bravo e o seu irmán Tomás son a segunda xeración á fronte desta adega familiar do Ribeiro que o pasado ano elaborou o mellor viño branco galego. Coñecemos máis sobre as súas elaboracións e os coidados que fan dos seus viñedos

Publicidade
Pazo Lalón, así se elabora o Mellor Viño Branco de Galicia en 2020

Eduardo González Bravo nas instalacións da adega familiar Pazo Lalón.

“Este branco é un fiel reflexo da variedade autóctona Treixadura, do terruño. É un viño con moito volume e onde priman os sabores a froita do país como a mazá”. Así describe Eduardo González Bravo o seu viño Pazo Lalón, que foi considerado o Mellor Branco de Galicia na pasada edición das Catas de Galicia, que se celebrou a finais do 2020.

A distinción foi tamén un recoñecemento para a tradición e a paixón pola vitivinicultura que leva amosado esta adega familiar do Ribeiro, asentada en Leiro (Ourense). “Para nós este premio é un orgullo, xa que o viño é a herdanza que nos deixou meu pai”, valora Eduardo, que traballa a diario na adega xunto co seu irmán Tomás.

“Para nós este premio foi un orgullo, xa que o viño é a herdanza que nos deixou meu pai”

A adega aséntase na antiga casa grande de Lalón, construída no ano 1204, e que foi propiedade do convento de Allariz e da familia dos Ulloa. No 1992 comezou a produción de viño, aínda que José González, o pai de Eduardo, adquiriuna xa a comezos dos anos 80. “Meu pai era hostaleiro no Carballiño (Ourense) polo que mercaba os viños no Ribeiro e sempre tivo a ilusión de facer o seu propio viño”, recorda.

Pazo-Lalon-

A adega está situada nunha antiga casa grande que data de 1204.

Variedades autóctonas

Asesorado pola Estación de Viticultura e Enoloxía de Galicia (Evega), José recuperou e plantou novos viñedos nas proximidades da adega. A finais dos anos 80 plantaron unhas 8 hectáreas, boa parte deles de Treixadura, ademais doutras variedades autóctonas como Albariño, Loureira ou Torrontés.

Hoxe en día Pazo Lalón conta con preto dunhas 12 hectáreas de viñedo. A parcela principal está situada nas proximidades da adega e abrangue unhas 8 hectáreas. Trátase dun viñedo plantado na ladeira sur de Gomariz e conducido en espaldeira de arriba a abaixo e con orientación norte-sur. Ademais, dispoñen doutras 2 hectáreas tamén no lugar de Gomariz e ás que se engaden 1,5 hectáreas na parroquia próxima de Cabanelas (O Carballiño, Ourense).

A adega está especializada nas variedades brancas. A maior parte das cepas son de Treixadura e este ano sacarán ó mercado o seu primeiro tinto

Nestes viñedos predominan as variedades brancas. A maior parte das cepas son de Treixadura, que supón o 65% das cepas. Arredor dun 10% son de Albariño e un 5% de Loureira e outro tanto de Torrontés. Nos últimos anos tamén comeza a aproximarse ás variedades tintas e conta cuns 4.000 metros cadrados plantados de Sousón, Mencía e Caíño Longo. “Tiñamos unha produción de tinto mínima que ata agora destinabamos para autoconsumo e este será o primeiro ano que sacaremos ó mercado tamén un tinto”, comenta Eduardo.

No outono se aporta caliza de magnesio para corregir las carencias de los suelos graníticos de las laderas de las tierras gallegas.

No outono aportan caliza de magnesio para correxir as carencias dos solos graníticos. 

Este ano tamén queren renovar parte do viñedo. “Unha das nosas prioridades vai ser rehabilitar o viñedo. Pensamos arrancar algunhas cepas que temos danadas, sobre todo por enfermidades da madeira como a Yesca, pero imos seguir apostando polos brancos e pola Treixadura”, apunta o viticultor.

Fieis ó terruño e á identidade do viño

Eduardo reivindica unha vitivinicultura apegada tanto ó terruño, á identidade das variedades autóctonas que colleita, como ás elaboracións máis tradicionais, combinadas coa tecnoloxía actual. Deste xeito, no viñedo optan por reducir ó máximo os tratamentos fitosanitarios. “Non chegamos a estar en ecolóxico, pero si traballamos con esa liña”, explica o viticultor.

Rexeitan utilizar herbicidas e antibotríticos nas súas vides e aplican o menor número de tratamentos de sulfatos

Así, refusan empregar ningún tipo de herbicida nos viñedos, tampouco aplican antibotríticos, e o uso de sulfatos redúcese ós mínimos tratamentos imprescindibles. “Ó ter boa parte do viñedo na ladeira sur de Gomariz, que é unha zona solleira e ventilada, redúcense os tratamentos, con todo hai anos como o pasado que o mildio afecta moito e merma a produción”, comenta. Adoitan ter unhas producións de 5.000 quilos por hectárea.

Acostuman facer clareos de acios para adecuar a carga de cada cepa.

Acostuman facer clareos de acios para adecuar a carga de cada cepa.

Tentan manter sebes naturais nas marxes do viñedo. “Estes espazos rematan sendo refuxios de fauna que nos beneficia á hora de controlar pragas no viñedo”, detalla. Nos primeiros anos de produción, tamén optaron por sementar centeo durante o inverno para na primavera soterralo. “Resultou ser un aporte de materia orgánica moi importante, pero unha vez que conseguimos o nitróxeno necesario deixamos de facelo para non alterar o solo”, indica. Agora aportan caliza e compost orgánico que mercan a Ecocelta e co que atende as necesidades das cepas.

Na adega, buscan potenciar e respectar as calidades das variedades autóctonas, polo que optan por intervir o menos posible na evolución dos dous viños que elaboran e que comercializan baixo as marcas Pazo Lalón e Eduardo Bravo. “O viño elaborámolo botando man da máxima tecnoloxía, pero tentando manternos fieis á tradición”, apunta o adegueiro.

Realizan un pé de cuba para conseguir realzar as características das variedades autóctonas

Nos seus viños tampouco engaden formentos químicos, senón que optan por realizar sempre un pé de cuba, unha preparación que se fai antes das primeiras vendimas ó recoller as uvas máis maduras a unha temperatura axeitada, deixando que comece a fermentación. “Controlar a temperatura e realizar o pé de cuba permítenos traballar cos formentos propios das nosas variedades, que resaltan os matices varietais dos viños, como é no caso da Treixadura a mazá, ou na Loureira os aromas a lavanda”, detalla o adegueiro.

Vino-Pazo-Lalon-e-Eduardo-Bravo

Comercializan as marcas Eduardo Bravo e Pazo Lalón.

Son viños cunha alta graduación, que adoita situarse entre os 13 e os 13,5 graos de alcohol. “Ó estar o viñedo nunha ladeira sur, as nosas uvas adoitan madurar sempre moito, o que eleva a graduación dos nosos viños”, concreta Eduardo.

Teñen unha produción dunhas 25.000 botellas do seu viño Pazo Lalón, elaborado a base de Treixadura e Albariño. Este ano, dada a incidencia de mildio que acusaron, a produción foi de 17.000 botellas. O outro viño que comercializan é Eduardo Bravo, elaborado con Treixadura, Loureira, Albariño e Torrontés. Neste caso trátase dunha elaboración cunha crianza sobre leas duns 2 meses e que logo van clarificando por gravidade. Deste viño adoitan producir unhas 21.000 botellas, e esta colleita tamén se viu reducida a produción a unhas 19.000 botellas. Este ano tamén pretenden sacar o mercado o seu primeiro tinto e un branco de barrica, un monovarietal de Treixadura.

No traballo diario da adega, xunto ós dous irmáns, teñen tamén un empregado. O cadro de persoal increméntase en dous operarios máis para traballos como a poda ou o atado das cepas e chega ás 10 persoas na época da vendima.

Eduardo-e-Tomas-Gonzalez-Bravo-Pazo-Lalon

Na adega traballan os irmáns, Eduardo e Tomás, e contan cun empregado durante todo o ano.

Viños para a restauración

O principal mercado dos seus viños é a canle Horeca, en parte pola súa tradición e vinculación coa hostalaría. “O 95% dos nosos viños comercializámolos en establecementos hostaleiros”, explica González Bravo. O establecemento familiar o Mesón do Xamón, que rexentan en pleno centro de O Carballiño, é outro dos destinos dos seus viños.

Pese a estar centrados na restauración e dadas as restricións derivadas da crise sanitaria do Covid-19, xa comercializaron boa parte da súa produción. “Nos meses de verán conseguimos darlle saída á maioría, e agora só nos queda entregar un último pedido para dala por rematada”, comenta Eduardo.

Tamén comercializan unha parte da súa produción en cidades como Barcelona, Madrid e exportan a México ou Francia.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información