Pazo de Vilane, a marca das galiñas en libertade

O proxecto empresarial, que se asenta nun antiguo pazo de Antas de Ulla, foi pioneiro en España na introdución dos ovos campeiros a mediados dos noventa. Produce na actualidade 2 millóns de ducias de ovos ó ano

Publicidade
Pazo de Vilane, a marca das galiñas en libertade

Galiñas do Pazo de Vilane nos pastos. / Imaxes: Pazo de Vilane.

O pazo de Vilane, ubicado en Antas de Ulla, foi desde o século XVIII un espazo central na vida agraria do seu entorno, se ben nas últimas décadas do século XX perdera esa condición e chegou a quedar deshabitado durante uns 20 anos. A mediados dos anos 90, a familia propietaria, encabezada daquela por Juan Varela-Portas, decidiu regresar de Madrid, onde vivía, e asentarse no pazo coa idea de que volvese ser un lugar produtivo, non só un espazo de ocio. Foi así como arrincou o proxecto de producir ovos de galiñas en libertade baixo a marca Pazo de Vilane.

“A idea era producir os ovos como se facía antigamente nas aldeas, pero con todas as garantías sanitarias e de calidade”

O proxecto empresarial de Pazo de Vilane era daquela pioneiro en España, pois aínda non existían explotacións de ovos campeiros. “A idea era producir os ovos como se facía antigamente nas aldeas, coas galiñas ceibas e con acceso a zonas de pasto. Queriamos sacar un produto como o que se podía vender entón nos mercados de abasto e en feiras de Galicia, pero con todas as garantías sanitarias e de calidade”, lembra a directora de Márketing da empresa, Piedad Varela-Portas, unha das integrantes da segunda xeración da familia que dirixe hoxe en día Pazo de Vilane.

Ovos campeiros
Daquela case non existía nada parecido en España. A produción de ovos facíase practicamente en exclusiva con galiñas en xaula e nin sequera existía a denominación de ovos campeiros, unha gama actualmente xa moi consolidada no mercado.

“Nós viramos en Inglaterra este tipo de produción e pensamos que podiamos ocupar ese nicho en Galicia. Comezamos no ano 1997 con 50 galiñas”, conta Piedad. Actualmente, a empresa dispón de 100.000 galiñas e produce 2 millóns de ducias de ovo ó ano. Traballan en Pazo de Vilane máis de 25 persoas, en boa medida mulleres do entorno rural da comarca da Ulloa.

A filosofía do proxecto mantense igual que nos comezos. A empresa presume do lema ‘En Vilane non fabricamos ovos, coidamos galiñas’. As aves divídense en distintas naves, en lotes de algo máis de 5.000, e desde primeira hora da mañá teñen acceso ós terreos circundantes, cun espazo garantido de 4 metros cadrados por animal. “Xestionamos en total unhas 37 hectáreas”, calculan.

Caixa de cartón de Pazo de Vilane, un dos seus sinais identificativos.

Caixa de cartón de Pazo de Vilane, un dos seus sinais identificativos.

O coidado e limpeza do entorno e a alimentación, a base dunha formulación propia de cereais, son dous dos aspectos sobre os que Pazo de Vilane asenta o posicionamento diferencial dos seus ovos. A embalaxe dos ovos, unha caixa de cartón, aporta tamén a idea do carácter artesanal co que naceu a marca, que se convertiu xa a nivel de toda España nunha referencia en ovos galegos de calidade.

O traballo de Pazo de Vilane está avalado polas directrices de calidade e control da norma ISO 22000 de Seguridade Alimentaria, que establece estrictos protocolos de supervisión, limpeza e formación do persoal. O sistema está tamén certificado por dúas entidades externas, Aenor e Galicia Calidade, que garanten a aptitude e cualidades do produto.

Distribución
Pazo de Vilane ten distribución estatal en boa parte das grandes cadeas de distribución e está tamén en tendas de proximidade en grandes cidades. “A gran distribución permitiunos chegar ó gran público, que era algo moi importante, pero as tendas locais, de barrio, tamén teñen moita relevancia para nós, xa que temos un consumidor afín a estes establecementos”, valora Piedad.

Mermeladas
Pazo de Vilane está especializada na produción de ovos de galiñas en libertade, pero nos últimos anos estase adentrando tamén en máis campos, sempre coa idea de manter a mesma identidade de marca galega de calidade, de produto artesano e de coidado do entorno.

Co obxectivo de diversificar a produción, a empresa iniciou un proxecto de conservas que arrancou con mermeladas de frambuesa e de arando, froitos que se cultivan no pazo. A súa mermelada de frambuesa presume de ser a de maior contido de froita do mercado, cun 80 por cento.

Pazo de Vilane.

Pazo de Vilane.

“Houbo fases duras no proxecto, pero pagou a pena”

Detrás do éxito de Pazo de Vilane, que cumpre xa 20 anos no mercado, houbo fases complicadas, sobre todo nos comezos. “O camiño, como en calquera proxecto que se emprende, non foi fácil. Houbo momentos duros, de dúbida e de moito sacrificio -lembra Piedad Varela-Portas-, pero sen dúbida, neste caso compensou e pagou a pena”.

“Cando comezamos, o tipo de produto que ofreciamos non o coñecía ninguén e tiñamos que convencer ás cadeas de distribución. Para eso foi importante crer no que estabamos facendo e ser auténticos e honestos”, valora a directora de Marketing da empresa.

A vida da familia experimentou tamén un cambio importante, co paso de Madrid a Antas de Ulla a encabezar un proxecto agrario. “O máis difícil foi aprender a producir e o manexo dos animais, xa que non tiñamos ningunha experiencia”.

A crise financieira do 2008 foi outro escollo para a empresa, se ben as vendas continuaron medrando durante a crise, o que permitiu consolidar o proxecto.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información