O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, destacou esta tarde que o sector vitivinícola é un dos piares da economía galega ao dinamizar e xerar emprego de calidade no rural, exercer como embaixador do selo Galicia calidade e atraer turismo á comunidade durante todo o ano.
Durante a entrega dos premios da XXXVI Cata de Viños de Galicia, a XXVI Cata de augardentes e a XII de Licores tradicionais que se celebrou en Santiago, Rueda fixo fincapé na calidade e excelencia dos viños e bebidas espirituosas que se producen na comunidade e que contribúen ao pulo que está a vivir o turismo enogastronómico en Galicia.
Acompañado pola conselleira do Medio Rural, María José Gómez, o presidente agradeceu o traballo e compromiso diario dos máis de 10.000 viticultores e produtores e as 500 adegas e 16 destiladores que hai en Galicia que permiten que a comunidade conte con 14 indicativos de calidade entre denominacións de orixe ou indicacións xeográficas protexidas.