Pazo de La Cuesta é unha adega da D.O. Ribeira Sacra, situada en San Clodio (Ribas de Sil, Lugo), que presume de ser a adega familiar máis antiga de Galicia, tal e como confoirman os estudos realizados polo CSIC a partir de pergameos conservados no Arquivo da Casa de Otero de Quiroga.
Falamos con Manuel Bellod Álvarez de Lorenzana sobre a historia e situación actual do pazo e da adega, quen está apostando por un proxecto de sustentabilidade patrimonial e medioambiental que pretende devolverlle á Casa o protagonismo no mundo do viño que tivo no século XIX, cando probablemente foi o primeiro viño embotellado e etiquetado en Galicia, e un dos primeiros de España.
Que destacarías da historia deste pazo?
É un pazo que leva na miña familia desde o século XV, algo que sabemos desde hai pouco grazas á investigación do Instituto Padre Sarmiento na provincia de Lugo, que pertence ao CSIC, e que estudou os arquivos do pazo. Nestes arquivos descubriuse unha serie de documentos nos que se testemuña que xa en 1500 e algo se estaba a facer viño no Pazo de La Cuesta a través dun inventario no que se reflicten as cubas, cubetas, litros de distintos tipos de viño, apeiros que se utilizaban para a agricultura, e iso é o que nos permite dicir con autoridade que somos a adega familiar máis antiga de Galicia, e eu son a 14ª xeración propietaria deste pazo.
Que te motivou a recuperar este patrimonio familiar?
Traballaba en banca de investimento en EE.UU., levo fóra de España practicamente toda a miña vida e foi hai uns anos que decidín deixar a carreira de banca de investimento e, cando me pregunto que facer, decátome de que tiña algo que sempre estivo aí pero que nunca me decidira a facer, que era devolverlle á Viña do Pazo de La Cuesta o prestixio que tivo antano. A través dos documentos do arquivo descubriuse que se exportaba viño a Inglaterra, que gañaba premios en toda clase de exposicións e, nese momento, estou a falar de hai seis anos, coincidía que a viña estaba arrendada a unha terceira adega que se encargaba de coidar as uvas e levalas para facer o seu propio viño mesturado con outras uvas. Decidín non renovar ese contrato e informei ao arrendatario de que o que ía facer era relanzar a adega Pazo de La Cuesta que levaba durmida máis de 100 anos.
Que destacarías da investigación do CSIC sobre o pazo?
Como parte do estudo de investigación do que eran as 14 hectáreas de viñedo do Pazo de La Cuesta, tivemos unha gratísima sorpresa, e é que atopamos cunha pequena parte do viñedo que foi plantada polo meu tataravó hai máis de 150 anos. Trátase dunha uva que se chama garnacha tintoreira, unha uva francesa, que alí se chama alicante bouschet, e resulta que o meu tataravó foi a Francia buscando unha cepa que fose resistente ao oídio. Entón, escoita falar da garnacha tintoreira, próbaa, gústalle e importaa coa gran sorte de que a planta nunha serie de solos moi próximos ao río Sil, que pola súa característica de aluviación fanas resistentes ao bichito da filoxera. Entón, cando a filoxera invade Galicia e o resto de Europa, tivemos a gran sorte de que estas cepas sobreviviron. Agora estamos facendo viño que no século XIX se comercializaba como o Burdeos español, un pouco reflectindo a orixe da cepa comprada en Francia. Agora estamos a comercializalo con moito éxito a pesar de ser unha edición moi limitada, como garnacha tintoreira prefiloxérica.
Outra das cousas moi interesantes que atopamos grazas á investigación do CSIC é que no pazo no século XIX traballaban máis de 200 persoas. Era unha auténtica facenda de produción agrícola. Comercializábase e explotábase trigo, millo, cera, mel, por suposto uva, viño e moitas froitas. Se vos dades unha volta pola facenda, veredes que hai maceiras, pereiras, cerdeiras, castiñeiros, amendoeiras… Cando a adega deixa de comercializar o seu viño, que foi na guerra civil, houbo un certo estado de abandono da viña e unha serie de construcións que daban apoio a esa importante labor agrícola do século XIX que pouco a pouco foron deteriorándose, os tellados caen, os muros derrúbanse… O que me atopei foi coa decisión de que facer con todas esas construcións en ruínas, porque o que non tiña moito sentido era restauralas todas. De todas as ruínas que había houbo dúas que clarisimamente merecían a pena. Unha é unha adega que logo podedes visitar, que entendo que é a adega máis grande de toda Galicia, que pertence a un pazo en canto a extensión. É enorme e está totalmente enterrada. De feito chamábase A Cova. ¿Que mellor sitio para envellecer os nosos viños en barrica que a adega que leva facéndoo desde o século XVI? Ao estar totalmente enterrada e cuberta pola vexetación, ninguén na miña familia viva coñecía e sabía o enorme tamaño da adega. Cando nos puxemos a limpar para ver que restauramos e que non restauramos, atopamos con este edificio que é unha verdadeira xoia. O outro edificio foi un forno de pan para dar de comer a tanta xente, entre outras cousas, había que facer pan e non tiñamos nin idea de que existía porque tamén estaba cuberto pola maleza. Estimamos que terá uns 400 anos.
O proxecto enolóxico
Para coñecer máis sobre a situación e características deste viño, falamos co enólogo responsable desde hai pouco máis dun ano, Luis Buitrón, que tamén é presidente da Federación Española de Enólogos. A súa labor, xunto coa do director técnico, Carlos Suárez, é decisiva para o presente o futuro dos viños de Pazo La Cuesta.
Como definirías o proxecto enolóxico de Pazo de la Cuesta?
Como un proxecto moi ilusionante, no que estamos unindo a tradición, toda a historia que ten a finca e a adega (hai que ter en conta que é a adega máis antiga de Galicia), certificada en 1608 pero xa hai antecedentes no século XV de que xa había viñedo, cun futuro moi esperanzador. Estamos falando de 14 hectáreas de viñedo que podemos definir perfectamente como un pago, no que as temos perfectamente estruturadas nas diferentes variedades.
Cales son as variedades de uva que podemos atopar e como van a definir o futuro da adega?
En brancas temos godello, treixadura e loureira, e en tintas mencía, garnacha tintoreira (que son centenarias e prefiloxéricas), brancellao, sousón e caíño.
Que obxectivos vos marcastes a curto e medio prazo para converter o pazo nun referente?
Explotar todo o potencial vitivinícola que temos coas fincas. Aínda que estamos na Ribeira Sacra e é unha zona de val, temos uns terreos espectaculares, cunha orientación norte, e tal como está a evolucionar a climatoloxía, estanos a favorecer un montón para ter unha boa maduración das uvas. Se a iso lle xuntamos que o viñedo está aquí e ten estas condicións, nesta adega é onde algunhas uvas van a ter o seu repouso en barrica, e se xuntas todas esas cuestións, fainos diferentes ao resto das adegas, polas peculiaridades que vos comento.
Que pode aportar esta adega tan singular, e que características ten?
A singularidade desta adega e o seu aporte aos viños é fundamental. Se deseñas unha adega nova, tes que ter en conta parámetros moi importantes como a humidade, a sonoridade, o estancamento… E aquí tes todo perfectamente. Antigamente a xente facía as cousas moi ben, aquí o control de temperatura, de humidade relativa, son… Está perfectamente illada, a adega está 3-4 metros enterrada e fai que se autorregule ela soa, iso, unido á historia, á tradición de tantos anos… É unha nota diferenciadora. Aquí o que intentamos é compensar a tecnoloxía coa historia, o vangardismo coa tradición.