Pazo de Anzuxao: queixo directo da fábrica ao consumidor

A queixería Pazo de Anzuxao evita intermediarios vendendo cada día coas súas 10 furgonetas directamente ao consumidor, tanto particulares como hostalaría. Acumula varias distincións de ouro en Galicia e ven de incorporarse ao certificado de Galicia Calidade.

Pazo de Anzuxao: queixo directo da fábrica ao consumidor

Evitar intermediarios mediante a venda directa e ter unha relación de ti a ti co consumidor para mellorar a calidade dos seus produtos e adaptarse aos seus gustos. Esta filosofía, que hoxe os economistas puxeron de moda co nome de circuítos curtos de comercialización, é a que leva poñendo en práctica con éxito dende hai máis de vinte anos a queixería lalinense Lácteos Anzuxao.

Esta empresa familiar da parroquia de Madriñán, en Lalín, no corazón da comarca gandeira do Deza, iniciou a súa actividade no ano 1969. A súa fundadora foi Josefina Menéndez Vázquez, unha muller emprendedora que decidiu transformar en queixos o leite da explotación familiar, tendo como lema os conceptos de calidade e tradición.

Lácteos Anzuxao foi medrando en produción co paso dos anos pero a finais dos anos 90 os problemas cunha distribuidora que lles adquiría a maior parte da súa produción levounos a adoptar un cambio radical e innovador: “Decidimos nese momento difícil deixar de depender dos intermediarios e vender nós directamente os queixos polas aldeas do rural”, explica Javier Sampayo Menéndez, fillo de Josefina e continuador da tradición queixeira familiar.

O que comezou cun coche particular vendendo queixos hoxe chegou a ser unha empresa con 10 furgonetas que reparten diariamente por case toda a xeografía galega e dá emprego a 10 repartidores e a 8 traballadores na queixería.

“Repartimos tanto polas aldeas como por zonas urbanas, como Vigo ou Santiago de Compostela e repetimos a ruta cada 15 días”, explica Javier. Veñen de abrir novas rutas de reparto na Mariña lucense e fan venda directa e servizo a domicilio tanto a clientes particulares como a hostalaría, así como a colexios. A venda directa representa arredor do 98% dos 16.000 kilos de queixo que Lácteos Anzuxao elabora mensualmente.

 “O contacto directo co consumidor axúdanos a mellorar a calidade”

Aínda que, como recoñece Javier, os custos do reparto son altos, “este tipo de venda esíxenos elaborar un produto de moi boa calidade porque senón aos 15 días o cliente váinolo dicir e se non repite a compra malo”.

Neste sentido, para garantir a máxime calidade, todos os lotes son probados antes de envialos á venda e elaboran distintos tipos de queixos para adaptarse aos gustos do consumidor.

“Intentamos adaptarnos a todos os padais”, explica Javier. “Se nos piden un queixo manteigoso do país, pois ofrecémoslle un Tetilla ou un Arzúa Ulloa; se o que quere é un queixo máis suave e duro, pois dámoslle un madurado en barra ou redondo; que quere un queixo máis curado, pois temos o Señorío de Anzuxao; que se o cliente nos di que ten un problema de colesterol, pois ofrecémoslle o queixo semigraxo, que se quere un postre, pois tamén elaboramos requeixo”.

Outra característica diferenciadora de Lácteos Anzuxao é que os seus queixos teñen unha cantidade de sal inferior á media. “Os nosos queixos tiran un pouco máis a sosos, pois así nolo demandan os nosos clientes”, recoñece Javier Sampayo.

Leite producido por vacas en pastoreo

Pero a bo facer dos mestres queixeiros só logra expresarse se se parte dunha boa materia prima. En Lácteos Anzuxao priorizan o leite de explotacións gandeiros con vacas en pastoreo “xa que notámolo ao momento, pois os queixos de leite de pasto póñense amarelos e o sabor e a textura cambian”.

O leite procede de explotacións da comarca do Deza inscritas nos consellos reguladores das DOP Queixo Tetilla e de Arzúa-Ulloa. Recollen mensualmente uns 170.000 litros e nos últimos meses mercaron o leite a 32 céntimos. En canto ás calidades, en Lácteos Anzuxao o leite pasa un control de inhibidores, acidez e temperatura nada máis chegar á fábrica. Piden tamén unha boa porcentaxe de graxa de entre 3,7 e 3,8 e de entre 3,05 e 3,15 de proteína.

Varios premios como os mellores queixos de Arzúa-Ulloa e Tetilla de Galicia

O lema de Josefina Menéndez, a fundadora de Lácteos Anzuxao, de apostar pola calidade e pola tradición, ten sido recoñecido nos últimos anos con diversos galardóns: no 2004 distinción de Ouro ao Queixo de Tetilla na Cata dos Queixos de Galicia, no 2011 a distinción de Ouro ao seu queixo de Arzúa Ulloa e no 2013 de novo a distinción de ouro polo seu queixo Tetilla. “Estes premios foron moi importantes porque axudaron moito a dar a coñecer os nosos queixos”, recoñece Javier Sampayo.

Dentro desta filosofía de apostar pola calidade, Lácteos Anzuxao incorporouse o pasado mes de novembro ao certificado de Galicia Calidade.

Con esta marca de garantía da Xunta de Galicia os queixos de Lácteos Anzuxao poderán incluír o distintivo nas etiquetaxes así como participar nas diferentes accións de promoción de Galicia Calidade.

“Incorporámonos a este selo de calidade da Xunta porque nos da un plus de recoñecemento e de prestixio ante o consumidor e podemos participar en feiras como na que vimos de participar en Bruxelas, a Galician Gourmet Stravaganza, na que tivemos unha gran aceptación”, explica Javier.

Os queixos de Lácteos Anzuxao súmanse ao selo de Galicia Calidade

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información