As diarreas son un dos problemas máis frecuentes nos tenreiros neonatos e supón un importante impacto nas granxas. Tanto é así que as diarreas resultan a primeira causa de mortalidade nos tenreiros durante o primeiro mes de vida, por iso reducir a súa incidencia na gandería é clave.
Por este motivo, a prevención das diarreas foi un dos temas tratados este ano nos XVII Encontros Gandeiros de Lalín (Pontevedra), organizados pola Asociación de Defensa Sanitaria (ADS) Xundeva. Manuel Cerviño López, asesor técnico veterinario de Boehringer Ingelheim, ofreceu aos gandeiros algunhas claves para ter en conta e reducir as diarreas que afectan ós tenreiros máis novos na granxa.
“As diarreas son a enfermidade máis común nas primeiras 8 semanas de vida do animal. O 80% dos problemas que teñen os tenreiros no primeiro mes son diarreas”, lembra Cerviño. As diarres poden estar producidas tanto por bacterias (en especial E. Coli), así como virus (como rotavirus e coronavirus) e protozoos (principalmente Crytosporidium parvum). Á marxe da súa orixe, as diarreas son unha enfermidade multifactorial. Así, factores como o manexo, o ambiente no que se atopan os tenreiros, a inmunidade do animal, o calostro que se lle proporciona e a existencia de virus, bacterias, e parasitos determina que o becerro desenvolva a enfermidade.
As diarreas poden supoñer de media un gasto de entre 55 e 240 euros por tenreiro na granxa
Máis aló do propio benestar do tenreiro, as diarreas teñen un impacto económico directo nas granxas. Tal e como apuntaba Cerviño, as diarreas poden supoñer de media un gasto de entre 55 e 240 euros por tenreiro na gandería. As perdas económicas para a granxa coas diarreas poden abarcar desde:
-O valor do animal
-Os gastos veterinarios
-O freo do crecemento
-Aumento da idade do primeiro parto
-Redución da produción de leite na primeira lactación
-Empeoramento dos índices de engorde
-Aumento do risco de padecer outras enfermidades e increméntase ata 2,5 veces a probabilidade de eliminar ao animal
O calostro, un aliado fronte á diarrea
Proporcionar un bo calostro aos tenreiros resulta de gran importancia para fortalecer ao animal e reducir a incidencia das diarreas. Tal e como sinalaba o veterinario, o calostro é un alimento perfecto para o tenreiro durante as súas primeiras horas de vida. Ao mesmo tempo, é un protector do intestino e actúa de laxante e estimulador do tránsito intestinal.
O calostro é fundamental para transferir a inmunidade aos tenreiros de maneira que poidan ofrecer unha mellor resposta fronte ás diarreas e outras patoloxías
Tampouco hai que esquecer que proporciona defensas ao animal que lle protexen de forma inmediata e é un transmisor de microbiota. “O calostro é fundamental para transferir a inmunidade aos tenreiros de maneira que poidan ofrecer unha mellor resposta fronte ás diarreas e outras patoloxías”, apunta Cerviño. Ademais, o calostro é unha forma de conseguir que o animal alcance a temperatura que necesita para sobrevivir nestes primeiros momentos de vida.
Pautas para realizar un bo encalostrado dos tenreiros
Para proporcionar un bo encalostrado dos tenreiros é preciso atender a diferentes factores. “O tenreiro debe tomar a cantidade necesaria de calostro de boa calidade, no momento adecuado e da mellor maneira posible”, resume Cerviño. Analizamos cada un destes condicionantes:
-Momento da toma
Uno dos maiores condicionantes sobre a eficacia do calostro é o tempo transcorrido desde o parto ata a súa inxesta por parte do tenreiro. Posto que o calostro serve para poñer en funcionamento o intestino do animal e proporciona defensas, é imprescindible que as tomas de calostro se realicen canto antes, se é posible antes das 6 horas de vida, xa que segundo pasan as horas diminúe a capacidade de absorción de inmuglobulinas presentes no calostro e que actúan como anticorpos no tenreiro.
-Cantidade de calostro
É recomendable que nestas primeiras tomas o tenreiro inxira de calostro un 10% do seu peso vivo, é dicir un litro por cada 10 quilos de peso do animal. Así, un tenreiro que pese ao nacer 40 quilos deberá administrar como mínimo 2 litros de calostro nas dúas primeiras horas de vida, sendo conveniente ata 5 litros nas 6 primeiras horas e entre 2 a 5 litros nas 12 horas seguintes. Mentres, no gando en extensivo e de razas rústicas esta cantidade redúcese a 500 mililitros nas 6 primeiras horas de vida.
Ademais, é aconsellable seguir administrando calostro, xunto co leite, durante as 3 primeiras semanas de vida do tenreiro, xa que lle ofrece unha maior protección local intestinal, unha forma de reducir o risco de diarreas.
-Calidade do costro
Para conseguir un calostro de calidade tamén hai que ter en conta diferentes factores. Un dos máis determinantes é o estado de saúde da nai e a súa alimentación, por iso resulta fundamental extremar os coidados das vacas secas, un período que debe durar entre 45 a 60 días.
O parto é outro dos condicionantes para lograr un calostro de calidade. Lograr un parto sen complicacións contribúe a que a vaca poida proporcionar un calostro de maior calidade, xa que as defensas da vaca transfírense ao calostro poucas horas antes do parto. “O ideal é ter partos moi vixiados por parte do gandeiro pero pouco atendidos, é dicir que non requiran finalmente unha gran intervención por parte do gandeiro ou veterinario”, apunta. O parto afecta directamente ao calostramento e á calidade e cantidade de calostro que chega a producir a vaca.
Tamén é importante muxir o calostro entre as 2 e as 6 horas tralo parto. “Se se muxe moi pronto non tivo tempo de que as defensas pasen ao calostro e se se demora o muxido a vaca recupera esas inmuglobulinas de maneira que o calostro comeza a empobrecerse”, detalla Cerviño.
Ademais, a vacinación das nais tamén xoga un papel determinante para reforzar o sistema inmunolóxico do tenreiro.
-Administración do costro
Tan importante coma a cantidade, o momento ou a calidade do calostro é a forma na que se proporciona este leite ao tenreiro. Permitir que o tenreiro mame o calostro directamente é unha das mellores formas de garantir a absorción das inmuglobulinas presentes no calostro, aínda que a soa presenza da nai xa aumenta devanditos índices de absorción.
Entre os métodos para amantar ao tenreiro é recomendable utilizar biberóns que lle proporcionen unha toma adecuada ao animal. A pesar de que pode resultar cómodo, o veterinario desaconsella utilizar cubos, xa que entre outros inconvenientes resulta máis incómodo ao tenreiro.
Outros aspectos para ter en conta fronte ás diarreas
Outro dos factores determinantes para reducir o risco de diarreas nas granxa é o manexo, xa que “a maioría dos tenreiros que morren por diarreas é por deshidratación e frío”, sinala Cerviño. Así, contar cun manexo e instalacións adecuadas é fundamental.
Un dos aspectos para ter en conta é o manexo da parideira. “Cada parto supón un risco, polo que é recomendable controlar a acumulación de partos”, apunta o veterinario. É imprescindible manter a hixiene da zona de partos para reducir os focos de contaxio de patóxenos que poidan provocar diarreas.
A parideira debe ser un espazo cunha humidade e temperatura adecuada e unha boa ventilación. “A corrente adecuada dunha parideira é aquela que permite que a chama dunha vela treme, pero non se chegue a apagar”, estima.
O contacto entre tenreiros, que favorece o seu benestar, pode converterse tamén nun factor de risco fronte ao contaxio de diarreas, polo que hai que buscar un equilibrio.
Para Cerviño outro dos factores claves para reducir a incidencia de diarreas nos tenreiros neonatos é contar cun programa vacinal completo na granxa, de forma que se transfira a inmunidade das vacas ao tenreiro mediante o calostro. Recomenda consultar co veterinario para valorar a administración de vacinas preparto e de calendario para manter aos animais máis protexidos e sans.