A conservación dos silos de herba é clave para lograr unhas forraxes de calidade. Por iso, tal e como apunta Silvia Rico, veterinaria nutricional da Cooperativa de segundo grao Xuncoga, asentada na comarca do Deza, é necesario coidar o manexo do silo dende que se realiza ata que se remata.
“O obxectivo do ensilado é conservar a forraxe, sen perder a cantidade de alimento e evitando ó máximo as perdas do valor nutritivo”, explicaba Rico no marco dunhas xornadas para conseguir boas forraxes organizadas pola cooperativa O Rodo, de Rodeiro (Pontevedra). Así, trátase de conseguir un silo cun elevado valor nutritivo, altamente dixerible, debidamente conservado e palatable para o animal.
Para lograr silos de herba de calidade, Rico recomenda evitar a presenza de osíxeno e prestar especial atención ós azucres, xa que son un aliado para a conservación das forraxes.
A presenza de osíxeno, o maior inimigo dos silos
A presenza de osíxeno no silo é un dos maiores inimigos para a conservación da herba. Á hora do ensilado é preciso ter isto xa moi presente e tentar evitar que queden espazos de aire no silo. “Cómpre facer un bo enchido e compactación da herba cando se mete no silo para reducir ó mínimo a presenza de osíxeno. Canto máis pisado vaia o silo menos aire vai quedar e redúcense os riscos”, concreta a veterinaria.
Facer unha boa compactación do silo contribúe ademais a reducir ó máximo as perdas de nutrientes en materia seca. Un silo cun frontal ben compactado adoita ter unha perda de nutrientes do 0,3% no primeiro día en que se abre o silo. Porén, se este frontal é moi irregular esta porcentaxe elévase a 1% nun só día de exposición. Ó cuarto día, nos silos moi irregulares esta perda chega a ser do 15%, mentres que nos silos cun frontal compacto, queda nunha perda do 6% cando leva os 4 días aberto.
Meter a herba cun grao de humidade axeitado e facer unha boa compactación é fundamental para reducir as perdas de nutrientes dos silos
No momento de facer o ensilado, tamén cómpre ter en conta a humidade da forraxe. “A herba non debe ir nin moi seca nin moi húmida, debe conter arredor dun 30-35% de materia seca”, explica a veterinaria. Con todo, recoñece que hai tendencia a meter moi húmida a herba. “Canto máis húmido se mete o silo máis efluentes vai haber, é dicir, maior perda de líquido, non só auga, senón nutrientes”, explica. Ó mesmo tempo, a auga fai un efecto tampón e evita que baixe a pH. Pola contra, tampouco é recomendable meter a herba moi seca, xa que entra máis aire ó silo e resulta máis difícil a compactación da forraxe.
Tan importante coma o ensilado é o manexo que se fai do silo dende que se abre para consumir. “Dende que se abre o silo, hai un punto de contaminación alto no frontal do silo, polo que cómpre tentar reducir ó mínimo os riscos”, valora Rico.
A veterinaria recomenda manter un frontal cunha superficie lisa e perpendicular ó solo, xa que deste xeito a superficie exposta é menor. Ademais, aconsella ir retirando a cuberta plástica de xeito paulatino. “Como máximo pode destaparse o plástico do silo que se prevé consumir en 3 días, non máis”, aclara.
Tamén se debe consumir tendo unha densidade axeitada. No inverno de media consumiranse uns 15 centímetros e no verán chégase ós 20 centímetros.
Ademais, para mellorar a calidade dos silos de herba tamén é recomendable ter ben dimensionado o silo en base ó número de animais e á inxestión de silo por exemplar que se vai facer. Contar cunha boa orientación do silo tamén contribúe a que as inclemencias meteorolóxicas non provoquen perdas.
Os azucres, claves para o silo
Os azucres son a principal fonte de alimento para as bacterias que producen o ácido láctico, que á súa vez é indispensable para a conservación do silo, xa que provoca que o pH baixe e se conserve o ensilado. Así, é fundamental segar a herba para ensilar antes do espigado, xa que é cando máis azucres ten a planta e proporcionará alimento ás bacterias. A veterinaria recorda como os silos feitos no inverno non terminan dando bos resultados, xa que a herba non chega a cumprir o ciclo e non está próxima ó espigado cando se sega, de xeito que case non contén azucres que permitan a produción do ácido láctico e a conservación do silo.
Na produción de ácido láctico non tódalas bacterias presentes no silo resultan igual de eficaces. “A velocidade e a eficiencia do proceso pode variar en función do número e o tipo de bacterias que haxa no silo”, explica a veterinaria. Nos silos tamén pode haber bacterias como E. coli ou Clostridium que son nefastas para a conservación do silo e que poden botar a perder a forraxe.
“Reducir a contaminación nos silos é a mellor mareira para mellorar a inocuidade da ración e que os animais se alimenten de xeito regular tódolos días”
O problema é que á hora de realizar o silo descoñécese que cantidade de bacterias eficaces ou prexudiciais para a conservación da forraxe hai na herba, de aí que se recomende o emprego de inoculantes, que aportan bacterias eficientes na produción de ácido láctico. Evitar a presenza de osíxeno tamén é determinante para conservar a maior cantidade posible de ácido láctico nos silos, xa que o aire favorece un desenvolvemento exponencial de fermentos, fungos ou das bacterias ineficientes, todos eles prexudiciais para a conservación do silo.
“Reducir a contaminación nos silos é a mellor mareira para mellorar a inocuidade da ración e que os animais se alimenten de xeito regular tódolos días”, concreta a veterinaria. As variacións de inxesta dunha granxa poden ser un indicador de que o silo, sexa de herba ou de millo, está contaminado e dana ós animais, de maneira que reducen a cantidade de forraxe que comen.
¿Como avaliar a calidade dos silos?
Para avaliar se un silo de herba se atopa en boas condicións e é de boa calidade hai varios indicadores que poden proporcionar información ó respecto:
-Características físicas. Observar a simple vista o silo xa pode aportar información sobre o seu estado. A cor debe ser semellante á do forraxe cando se ensilou. “Un silo de cor negra xa indica que non está ben conservado”, detalla a veterinaria.
O olor tamén é un bo indicador. Así, o silo debe ter un olor ácido, pero que nos recorde a froita madura. Un silo con olor a podre revela que non se fixo do xeito correcto algún proceso.
Tamén debe ter unha temperatura estable, xa que cando se eleva indica que hai presenza de osíxeno que está interferindo na conservación do silo.
-Características químicas e biolóxicas. Os datos que nos poden facilitar as analíticas dos silos sobre as presenzas de bacterias e o perfil de fermentación resultan de gran utilidade para determinar a calidade do silo.