Segundo explicou Esther Ordóñez, veterinaria da Agrupación Apícola de Galicia, a xornada naceu coa vontade expresa de “poñer en valor o patrimonio cereiro, que moitas veces queda nun segundo plano fronte a outros elementos máis coñecidos como as alvarizas ou as colmeas tradicionais”. Galicia, lembrou, é un dos territorios da Península Ibérica con maior concentración deste tipo de infraestruturas ligadas á transformación da cera, moitas delas recuperadas grazas ao esforzo das comunidades de montes e da veciñanza, como acontece no propio Paraños ou na parroquia da Lamosa
A pesar da alerta meteorolóxica e das baixas de última hora, a xornada contou cunha elevada participación, superando as sesenta persoas asistentes. “Pensabamos que ía darse moita máis xente de baixa, pero finalmente a resposta foi moi boa”, sinalou Ordóñez, destacando tamén o interese e a participación activa tanto de apicultores socios da Agrupación como de persoas alleas á entidade, mesmo durante a visita exterior ao patrimonio baixo a choiva.
Damián Copena, investigador e profesor da USC, que ten como unha da súas liñas de traballo o patrimonio apícola-cereiro.

Eira de cera de Paraños, ejemplo de eira de grandes dimensións onde a cera era branqueada.
A visita guiada ao Favum e aos lagares de cera estivo conducida por Damián Copena, investigador e profesor da Universidade de Santiago de Compostela, quen contextualizou estes elementos dentro da industria apícola-cereira tradicional. O Favum, centro de interpretación xestionado pola Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de Paraños, permite comprender o ciclo completo da cera de abella, desde a súa obtención ata a elaboración de candeas, a través de pezas orixinais como rodas cereiras, bailas orixinais ou paneis explicativos.
Especial relevancia tiveron os lagares de cera de Paraños e da Lamosa, exemplos de lagares de prensa de viga de grandes dimensións, infraestruturas pouco frecuentes na actualidade.
Especial relevancia tiveron os lagares de cera de Paraños e da Lamosa, exemplos de lagares de prensa de viga de grandes dimensións, infraestruturas pouco frecuentes na actualidade. Copena subliñou que estes equipamentos permitían obter grandes bloques de cera que posteriormente eran branqueados en eiras específicas, algunhas delas elevadas, un elemento que chamou especialmente a atención das persoas asistentes. Estes conxuntos forman parte dun patrimonio “moi singular e pouco coñecido”, clave para entender a importancia económica da cera nas zonas de montaña galegas, e que hoxe se integra tamén en recursos de divulgación territorial como a Ruta da Xabriña, que permite contextualizar este legado apícola no seu propio medio paisaxístico e cultural.

Lagar de cera de Paraños, exemplo de lagar de prensa de viga de grandes dimensións.
É unha das principais causas de mortaldade das colmeas e segue a ser unha prioridade absoluta
A segunda parte da xornada centrouse na loita contra a varroa. Esther Ordóñez contextualizou esta enfermidade parasitaria como un problema estrutural do sector a nivel global, agravado por outros factores como a vespa velutina, o cambio climático ou os incendios forestais. “É unha das principais causas de mortaldade das colmeas e segue a ser unha prioridade absoluta”, sinalou, insistindo na necesidade de avanzar cara a estratexias de control baseadas na loita integrada e no seguimento real da infestación mediante recontos antes, durante e despois dos tratamentos.
Nesta liña interveu Federico Casillas, veterinario e responsable da liña de apicultura de Laboratorios Calier, con máis de 25 anos de experiencia no control da varroa. Casillas definiu a varroa como “un parasito obrigado da cría da abella, comparable á carracha”, que non se pode erradicar e que se reproduce no interior da cela, onde non é posible actuar. “Só podemos combatela cando está sobre a abella adulta, o que fai que a loita sexa extremadamente complexa”, explicou, lembrando ademais que se trata dunha praga global con múltiples resistencias desenvolvidas a distintos acaricidas.
O especialista destacou a dificultade de desenvolver novos tratamentos eficaces e seguros, xa que “hai que matar a varroa sen matar a abella nin contaminar o mel”. Neste contexto presentou Calistrip Biox, un acaricida a base de ácido oxálico de liberación prolongada, capaz de manter a súa eficacia durante polo menos seis semanas no interior da colmea. “É innovador porque conseguimos darlle estabilidade ao ácido oxálico nunha tira, algo que non ocorre con outros métodos como o goteo ou a sublimación, que actúan só no momento da aplicación”, sinalou Casillas, subliñando tamén as vantaxes en termos de manexo e dosificación para o apicultor.
Cun bo manexo, rotando moléculas e tratando nos momentos axeitados, especialmente nas paradas de cría, podemos manter niveis de infestación compatibles coa viabilidade da colmea

Federico Casillas, veterinario e responsable da liña de apicultura de Laboratorios Calier, con máis de 25 anos de experiencia no control da varroa.
Casillas insistiu en que non existen solucións definitivas contra a varroa, pero si estratexias eficaces: “Cun bo manexo, rotando moléculas e tratando nos momentos axeitados, especialmente nas paradas de cría, podemos manter niveis de infestación compatibles coa viabilidade da colmea”. Entre os erros máis frecuentes citou a falta de rotación de principios activos e o denominado SAA, o “síndrome do apicultor ausente”. A súa mensaxe final foi clara: “Vixilancia, test de infestación, rotación de tratamentos e coordinación coas colmeas da contorna para evitar reinfestacións”.
Entre a visita patrimonial e a charla técnica houbo tamén un espazo de convivencia cun aperitivo quente a cargo dos Laboratorios Calier e Distribucións Cutrín, que foi moi agradecido polas persoas asistentes, e que permitiu intercambiar impresións nun ambiente distendido. Desde a Agrupación Apícola de Galicia agradeceron expresamente a participación do público, a colaboración da Comunidade de Montes de Paraños polo seu labor continuado de recuperación do patrimonio apícola-cereiro e a implicación das entidades colaboradoras. A asociación subliñou que xornadas como esta resultan fundamentais para reforzar a identidade do sector, fomentar a transferencia de coñecemento técnico e contribuír a afrontar de maneira colectiva os retos presentes e futuros da apicultura galega.

Foto de grupo de las personas asistentes a las jornadas técnicas en Covelo organizadas por la Agrupación Apícola de Galicia.
Galego









Control OJD