O modelo de produción, transformación e comercialización de Fonterra ponse habitualmente de exemplo para falar de integración vertical da cadea de subministro lácteo. Cun sistema a demanda enfocado cara a exportación e unha engranaxe case perfecta, é capaz de facer que o leite muxido nunha granxa de Otorohanga (illa norte de Nova Zelandia) se consuma dous días despois en fresco nun fogar de Pekín, a 10.500 km de distancia.
Ese leite sae de granxas como Paterangi Jerseys, unha gandería de 390 vacas en produción que destaca pola calidade do seu leite, o que lle permitiu entrar no selecto grupo de explotacións escollidas por Fonterra para enviar leite fresco a China. Esta explotación foi unha das visitadas pola delegación de gandeiros galegos que estiveron a comezos de decembro en Nova Zelandia para coñecer de primeira man o sistema de produción do país. Esta viaxe foi posible grazas ao apoio económico da área de Rural da Vicepresidencia da Deputación de Lugo.
“O leite sae do noso tanque e en 48 horas está en China. É algo que impresiona bastante”, asegura Wayne Shaw, parceiro desta explotación familiar con máis de 200 anos de historia. “A nosa é a segunda granxa máis antiga de Nova Zelandia, só por detrás da da coroa británica. Os meus antepasados proceden de Escocia e desde o século XVIII sempre tivemos vacas jersey; só tiñamos dúas frisonas como as mascotas da granxa”, relata.
É un sistema moi especial, somos moi poucas as granxas seleccionadas por Fonterra para isto
Wayne e a súa muller Kate encárganse do traballo na gandería, que xestionan baixo a fórmula de Sharemilking, un modelo de relevo tipicamente neozelandés, segundo o cal reparten ao 50% o cheque mensual do leite con Ray e Marion, os pais de Wayne, que son os donos das 150 hectáreas de terra nas que se asenta a granxa.
Alta xenética jersey
A granxa da familia Shaw destaca polo alto nivel xenético dos seus animais. Wayne revisa país por país os distintos catálogos de sementais para seleccionar touros de elite para as súas vacas. “Uso sobre todo xenética estranxeira, un 30% son touros americanos principalmente, pero estou comezando a usar tamén xenética jersey neozelandesa”, explica.
Busca sobre todo manter niveis altos de proteína, que se sitúan de media no 4,4%, mentres os de grasa chegan ao 6,1% para unha produción media de 22 litros por vaca e día. Están a cobrar o leite nestes momentos a 14,5 dólares neozelandeses por quilo de sólidos, 4,5 dólares máis do que a empresa paga o leite estándar. Así pois, coas calidades que teñen (10,5 gramos de sólidos nun litro) Paterangui Jerseys está vendendo neste momento o litro de leite, a 1,52 dólares neozelandeses, que equivalen ao cambio a 84 céntimos de euro.
Están a vender o litro de leite neste momento a 1,52 dólares neozelandeses, que ao cambio serían 84 céntimos de euro
O prezo está a ser un dos máis altos da historia, pero os custos de produción tamén son elevados. “Nós necesitamos 8 dólares como mínimo para cubrir os custos de produción. No ano 2015 o prezo do leite baixou a 3,90 dólares e foi un desastre”, lembra.
Aínda que o sistema fiscal neozelandés lles permite compensar ganancias con perdas durante 5 anos, Kate, a muller de Wayne, ten outro traballo como garantía para estes casos nos que o prezo do leite é negativo e están pensando tamén en diversificar cunha plantación de horta.
Concentración de partos en outono
O sistema de produción tradicional de Nova Zelandia baséase na concentración de partos a finais do inverno para acompasar deste xeito o pico de lactación das vacas co máximo crecemento da herba nos pastos. Sen embargo, nos últimos anos algunhas granxas teñen optado por mudar o momento da concentración de partos da primavera ao outono como xeito de adaptarse ao cambio climático (as vacas están secas no verán, no canto do inverno) e lograr unha maior rendibilidade do leite producido. “Como gandeiros, non podemos controlar o prezo do leite nin os custos de produción, pero podemos optar por producilo na época do ano na que ten maior valor”, razoa Wayne.
En Nova Zelandia as granxas que producen leite no inverno reciben unha prima maior
Paterangi Jerseys fai un período de secado curto de catro semanas nas que non moxen, secando as vacas a comezos de xaneiro para iniciar a estación de partos ao longo do mes de febreiro, que coincide co final do verán no hemisferio sur.
As vacas que non empreñan para pariren no outono mándanas a matadoiro. “Esa carne das vacas de desvelle é exportada aos EEUU para facer hamburguesas e págannola a 6 dólares neozelandeses (3,3€) o quilo canal.
As vacas que non empreñan para pariren coas outras no outono mándanas ao matadoiro. A media de partos da granxa é de 3,7
A porcentaxe de vacas que non empreñan está normalmente por baixo do 10% (foi o 7,8% o ano pasado), que suplen mediante recría propia. As becerras están unha semana como máximo en boxes colectivos e cando ven que xa maman sen dificultades pásanas aos prados, onde lles levan de mamar nunha amamantadora móbil colectiva.
Aliméntanas con lactorreemprazante seguindo o programa de recría Queen of Calves, deseñado para acelerar o desenvolvemento corporal temperá das xatas e a súa ganancia de peso diaria, podendo deste xeito inseminalas con menor idade, no entorno dos 12 meses.
Suplementación do pasto
A alimentación das vacas está baseada no pastoreo, cun novo prado despois de cada muxido e unha rotación de 28 días entre entrada e entrada do gando nas parcelas. Dispoñen dunha superficie total de 150 ha propiedade da familia e unha carga gandeira de 3,7 vacas por ha, que Wayne considera a adecuada traballando con vacas jersey. As fincas están repartidas en 110 parcelas que non están todas nunha soa peza, aínda que a que está máis lonxe atópase a 2 km da sala de muxido.
Dispoñen dun asesor en nutrición que acode á granxa cada tres semanas
A suplementación que reciben os animais en produción mediante unha ración feita en carro mesturador varía en función da época do ano: no inverno consta de 4 quilos de silo de millo, 4 quilos de silo de herba e tres quilos de concentrado a base de gran cun alto contido en proteína importado de Australia; mentres que no verán as vacas pacen 17 kg de materia seca de herba e reciben 2 quilos de silo de millo en pesebre.
Dedican 17 ha a cultivo de millo e outras 17 a silo de herba
Tanto o silo de herba como o silo de millo proceden de forraxes da propia explotación, que destina cada ano 17 a cultivo de millo para ensilar e outras 17 a silo de herba. Esas fincas van rotándoas cada 2 anos. O traballo agrario fano todo eles, agás o ensilado do millo.
Na primavera non dan concentrado porque o leite é enviado en avión a China, polo que o volume penaliza. “Se dese penso nesta época e as vacas aumentaran moito á produción podería diluírse a cantidade de sólidos e penalizarme no prezo”, razoa.
Nas pradeiras poñen bloques de magnesio para que lamban as vacas e reciban os aportes minerais que precisan
En canto aos correctores, fan aportes de minerais esenciais na propia pradeira. “Poñémoslles bloques con suplementos minerais a base de magnesio para que lamban as vacas e poidan obter os minerais que necesitan. “Estas son terras pobres en magnesio, polo que tamén llo botamos ás terras onde facemos cultivos de millo”, indica.
No canto do óxido magnético tradicional, para as vacas en lactación desde fai uns meses están a utilizar pHix-up, un produto procedente de España cun 48% de Mg altamente soluble, favorecendo así a súa absorción no rume.
Abonado con 150 kg de nitróxeno por ano para poder manter as altas cargas gandeiras coas que traballan
A produción de herba nos pastos en Nova Zelandia baséase en boa medida no uso de fertilizantes químicos para poder manter unha elevada carga gandeira. No caso de Paterangi Jerseys, empregan 50 unidades de nitróxeno cada 6 semanas en forma de urea de liberación lenta, a maiores do abonado orgánico que fan os animais ao pacer.
Tamén fan unha aplicación cada dous meses de efluentes procedentes do xurro e a auga de lavar a sala de muxido nas fincas máis próximas e a parte sólida bótana unha vez ao ano, no mes de maio.
Na covid o fertilizante triplicou o seu prezo e deixamos de usalo, pero tivemos que reducir carga gandeira
“Non pensamos que vaiamos ter problemas para cumprir coa nova normativa que vén, porque o límite legal son 190 kg de nitróxeno por hectárea e estamos empregando 150”, explica Wayne. Fan unha análise de solos unha vez ao ano en todas as fincas e realizan un abonado de mantemento con cal e superfosfato.
Dúas persoas para atender 390 vacas máis a recría
Só contan cun empregado para a granxa a tempo completo e un máis de apoio na época de partos. Empezan a xornada laboral ás 6 da mañá e acábana ás 5 da tarde. O muxido da tarde comeza ás 3 e nunha hora teñen acabado.
Dispoñen dunha sala rotativa de 50 puntos da marca DeLaval inaugurada en xullo do 2019 e información individualizada de cada vaca mediante colares de monitorización Allflex implementados no 2022, o que lles permitiu reducir en 2 semanas o período de inseminación debido á mellor detección dos celos.
Dispoñen dun sistema automático de apertura de portas nas parcelas para que as vacas veñan soas para a casa nas horas do muxido
Contan tamén cun sistema programable de retirada automática dos muelles que pechan as distintas parcelas para que as vacas veñan soas desde o pasto ás horas do muxido. “Dámoslles comida premium en forma de péllets para iso”, aseguran.
Relevo xeracional
Wayne ten formación universitaria na rama agraria e estivo dous anos traballando mediante unha bolsa en granxas na zona de Oregón, en EEUU, onde teñen vacas jersey a pasto. Na actualidade ten un fillo que tamén está cursando estudos sobre Agricultura para seguir nun futuro coa granxa e implementar prácticas de manexo que melloren a produtividade do solo e o manexo do gando.
A granxa está implicada en programas de redución de pegada de carbono e consumo de auga
Plantan 100 árbores para sombra ao ano e están pensando poñer tamén froiteiras. Teñen tamén setos no peche das parcelas desde fai máis dun século para controlar o vento nas fincas. Pódanos unha vez ao ano. Tamén teñen 1 ou 2 puntos de auga en cada parcela. Son bebedoiros de formigón circulares. “Para min son os mellores”, asegura.
Benestar animal
En materia de benestar animal, Wayne recoñece que os chamados bobby calves (becerros sacrificados aos 4 días de nacer como xeito de eliminar o exceso de recría e a competencia polo pasto) “son un asunto moi controvertido socialmente”.
A reputación dos gandeiros en Nova Zelandia é como un péndulo; fai 5 anos pasámolo mal pero neste momento sentímonos máis valorados
“No noso caso, nesta granxa non se sacrifican os becerros machos, mandámolos a outra granxa onde os ceban, porque pese a que o rendemento cárnico da raza jersey é baixo, inferior ao de outras razas, eu creo que cada ser vivo ten que ter o seu propósito. A miña muller fixo moito fincapé niso”, recoñece.
“A reputación dos gandeiros en Nova Zelandia por parte da sociedade é coma un péndulo; fai 5 anos pasámolo mal porque sentiamos que a sociedade quería paralizar a nosa actividade pero agora sentímonos máis valorados pola cidadanía, que penso que entende que somos importantes para producir alimentos e que os leites vexetais tamén teñen pegada de carbono”, conclúe.