“As patacas haberá que mercalas”

Entramos en plena época de botar as patacas na comarca da Mariña. A estas alturas as leiras debían estar xa estercadas e fresadas e as cuadrillas de veciños axudándose a sementar o tubérculo. Pero este ano é diferente. Hai corentena por culpa da couza guatemalteca e os mariñaos xa teñen asumido que este ano non haberá máis remedio que mercalas.

Publicidade
“As patacas haberá que mercalas”

Terra aínda a nabos que outros anos a estas alturas tería xa patacas. Foto: Camilo Friol

O Real Decreto aprobado o venres polo Consello de Ministros veu certificar a orde de prohibir plantar patacas en 31 concellos galegos do norte das provincias da Coruña e Lugo e nos 7 do occidente de Asturias tamén afectados. Todo o mundo agardaba esas medidas drásticas coas que tratar de impedir o avance dunha praga, a tecia solanívora, que entrou hai dous anos á península ibérica polo porto de Ferrol e non parou de estenderse por Galicia sen que as medidas adoptadas pola Xunta para freala en 2015 e 2016 fosen efectivas.

De feito, cara á Xunta van a maioría dos reproches na comarca mariñá. “Todo este caos que hai montado creouno a propia Administración, porque todas estas medidas chegan tarde. Se a prohibición se fixese no mes de setembro ou outubro, unha vez recollida a colleita do ano pasado e cando xa tiñan os datos dos mostreos realizados durante a campaña, todo o mundo a estas alturas sabía a que aterse. Pero daquela estaban coas eleccións e non quixeron tomar medidas”, argumenta unha persoa do sector.

Aqueles mostreos realizados en 2016 indicaron distintos niveis de afectación en canto á incidencia da praga dependendo da zona. Nos concellos occidentais da Mariña a presenza da couza era moito menor que nos da zona máis próxima á provincia da Coruña. “Os máis afectados son Viveiro, Xove, Cervo, Burela, Alfoz e Valadouro”, indica Víctor Arias, técnico da Consellería do Medio Rural, que tamén constata a preocupación da poboación e o grande interese mostrado nas reunións explicativas levadas a cabo en todos os concellos afectados.

En Ribadeo, por exemplo, a charla informativa estaba convocada para o salón de actos da Casa do Mar pero tivo que trasladarse sobre a marcha ao Auditorio porque non había aforo dabondo. “Foi tal a expectación que levantou a reunión que había máis de 200 persoas e o peor era que os veciños saían igual que entraban, porque non se pode actuar con suxestións e a Xunta, que é quen ten que tomar medidas, escudábase no Ministerio e simplemente recomendaba non labrar, pero non prohibía e pasábanos a pelota aos alcaldes”, explica o rexedor de Ribadeo, Fernando Suárez. “Todos estes días foron moitos os veciños que me dicían teño a semente na casa, ¿que fago alcalde: labro ou non?”, conta.

As patacas de cedo xa están botadas

A orde provisional da Xunta e o decreto do Ministerio foron sacados a destempo para unha comarca que adianta o sementado con respecto a outras zonas de Galicia. As patacas de cedo (as chamadas patacas da tortilla, que se botan en decembro ou xaneiro, dependendo da climatoloxía, para recoller en maio e xuño) xa están botadas na maioría das hortas e a xente que ten a semente na casa estivo labrándoa ás agochadas nestes días de impás mentres non saía o decreto do Ministerio.

“A mesma Xunta, coa actuación dubitativa da orde provisional, coas xuntanzas pouco aclaratorias nos concellos afectados e coa súa falta de concreción estivo fomentando que se plantase a semente porque moitas das persoas que xa a tiñan mercada decidiron botala pensando que dese xeito, plantándoa antes de que saíse o decreto de prohibición do Ministerio, pagaríanllela e se agardaban á prohibición quizais non”, afirma o rexedor ribadense.

Esta é unha das cuestións que está pendente e que debe aclarar a nova resolución que a Xunta deberá sacar estes días para adaptar as súas medidas provisionais do 14 de febreiro ao decreto ministerial do pasado venres e que debe ir acompañada dunha orde de axudas que regulará as indemnizacións.

Entre 2.400 e 4.000 euros por hectárea levantada

Non se sabe se vai ser recollida a semente que está nas casas pero que non foi labrada e se se vai pagar. Tampouco a que prezo se vai pagar a que está xa posta na terra. “Fálase de 0,30 euros por quilogramo, que foi o prezo ao que se pagou a pataca destruída o pasado ano, pero esa contía refírese ao tubérculo de colleita que está no almacén, pero non ao que acaba de ser sementada. Nestes casos a contía sería menor, xa que cubriría os custes de produción, que se estiman entre 12 e 19 céntimos por quilo levantado, é dicir entre 2.400 e 4.000 euros por hectárea plantada, pero todo iso está aínda no aire”, admite Víctor Arias. Tamén se descoñece quen vai arrincar as plantacións que xa están botadas, de que maneira se vai facer ou quen vai supervisar eses traballos, pero Tragsa xa está contratando operarios para estas tarefas.

Tampouco se sabe se vai haber axudas aos almacéns e distribuidores, coma Ismael Lastra, que ten unha nave na parroquia da Devesa. “Todos os anos vendía entre 4 e 5 toneladas de pataca de semente e este ano vendín menos da metade. Parei de vendela en canto comezaron os rumores, falei cos clientes que a tiñan encargada e non a entreguei”, explica. Outro tanto aconteceu cos socios de Irmandiños, que fan os pedidos de pataca xa no mes de novembro. “A pataca xa estaba entregada, só houbo unha pequena parte que se devolveu”, explican desde a cooperativa.

Un produtor profesional: “Se me chega a coller hai 8 anos arruíname”

Non existen datos fiables sobre a produción de pataca na comarca “porque até agora non existía un censo de autoconsumo”, explican desde Medio Rural. Agora vaise crear, porque as persoas que decidiron arriscarse a labrar patacas este ano mentres non se facía efectiva a prohibición tiveron que ir buscar á Escola de Capacitación Agraria Pedro Murias unha sorte de salvoconducto onde indicaban a parcela onde as ían botar. Tamén os distribuidores estaban obrigados a identificar aos clientes que levaban pataca de semente. “Non me dixeron nada específico, pero eu fun apuntando, porque non me quero coller os dedos”, explica Ismael.

Os únicos datos oficiais existentes, do ano 2015, falan de 388 hectáreas adicadas a cultivo de pataca na comarca da Mariña, das que sairían uns 10 millóns de quilos de tubérculo, a práctica totalidade destinados a autoconsumo. A produción de pataca na comarca caeu moito na última década. Hai 20 ou 30 anos a Mariña era unha importante zona abastecedora de pataca de cedo, pero hoxe quedan só ducia e media de produtores adicados en maior ou menor medida á pataca nos concellos de Mondoñedo, Riotorto, A Pastoriza ou Ribadeo e non se sabe se a orde de axudas vai contemplar a súa situación. “Unha parte deles é xente nova que se acaba de incorporar e que apostaron pola horta. O problema non é xa que non poidan producir e vender pataca, senón que perden o mercado”, admite Víctor Arias.

Noutros casos a prohibición de botar patacas vai supoñer o peche da explotación. Eugenio García Rodríguez vendeu hai unha década a cota láctea para dedicarse á pataca. Chegou a botar 9 hectáreas e a recoller 200.000 quilos de tubérculo. “Se me chega a coller isto hai sete ou oito anos arruíname”, admite. É un dos poucos produtores profesionais que quedan na zona. “Se a alguén lle afectou a prohibición en toda a Mariña e occidente de Asturias foi a min. Fun prudente polos consellos que daban e non botei patacas este ano porque arrisco moito”, explica. Uns 1.000 euros por hectárea de semente (Kennebec francesa e Baraka holandesa) máis abono e herbicidas. “Máis ou menos 2.500 euros por hectárea”, calcula. El está xa xubilado e é a súa muller, Josefa López Díaz a que segue coa explotación, pero a couza vaina obrigar a pechar. “Mercamos unha colleitadora e unha clasificadora e xa estamos mirando de poñela á venda”, afirman.

A praga está ás portas da Terra Cha

A orde de 29 de outubro de 2001 na que se aproba o regulamento da denominación de orixe Pataca de Galicia establece catro subzonas: A Limia, Bergantiños, Lemos e Terra Chá-A Mariña, constituída por los municipios de Abadín, Alfoz, Barreiros, Cospeito, Foz, Lourenzá, Mondoñedo, Ribadeo, Trabada, O Valadouro, Vilalba e Xermade. A comarca mariñá é a única das 4 afectada pola couza. Hai 9 concellos dentro da Indicación Xeográfica Protexida pero non hai produción de pataca con denominación de orixe nesta subzona desde hai seis anos, segundo explica o presidente da IXP, Julio Gómez, polo que, polo de agora, ningún dos 67 produtores amparados na denominación de orixe, que producen 6 millóns de quilos de tubérculo ao ano, está afectado, explica.

O obxectivo das medidas adoptadas é precisamente evitar que a praga chegue ás principais zonas produtoras de Galicia, como son a Limia, Bergantiños ou a Terra Cha. De feito, a praga está xa ás portas desta zona e dous dos concellos afectados, Adadín e A Pastoriza, forman parte da comarca da Terra Cha.

O decreto do Ministerio obriga a delimitar unha zona de vixilancia en torno á zona infestada, polo que a nova resolución da Xunta deberá ampliar a zona demarcada facendo un seguemento especial aos concellos limítrofes aos 31 declarados en corentena. Se os trampeos que se van realizar dentro da zona tampón detectaran a presenza da praga tamén se levantarían e destruirían os cultivos neses concellos. “Se a praga chega á zona de Vilalba o problema si que pode ser máis grave”, admite Ismael Lastra, que merca unha parte importante da pataca que vende na Terra Cha.

patacas_barreiros_couza_apaisada

Patacas acabadas de botar no concello de Barreiros, malia a recomendación de non sementar o tubérculo.

A pataca, coma o leite, de fóra

Nos supermercados da comarca a meirande parte da pataca que se ve xa ven de fóra. Manuel Rodríguez, xerente de Frutas Morriña, case non merca pataca na comarca “porque xa non a hai” e trae cada vez máis patacas de Andalucía, Francia e mesmo Exipto, da variedade spunta (uns 5.000 quilos á semana). “A baraka, que era a que máis se botaba na Mariña desapareceu hai 10 anos”, explica. Segue mercando pataca kennebec na Terra Cha (uns 1.500 quilos á semana a partir de novembro e decembro). Admite, con todo, que a prohibición de labrar patacas na comarca mariñá pode mesmo beneficialo, “porque todo o mundo vai ter que comprar as patacas”.

Está tamén sen definir polo momento como se vai regular a entrada de tubérculo para consumo na zona demarcada. A Xunta encargou a supervisión aos Concellos porque alega que a Lei de Bases de Réxime Local outórgalles competencias en materia de Policía Local e Mercados pero moitos municipios rexeitan esta encomenda de vixiar o estraperlo de pataca. “Eu non quero contribuir a propagar isto, pero non vou ser eu como alcalde o que pare a praga”, afirma Fernando Suárez, que avanza que “non vou mandar á Policía Local a confiscar patacas ao Mercado, entre outras cousas porque a Policía Local non está formada en asuntos de trazabilidade alimentaria e saúde pública. Que manden á Policía Autonómica. Porque nos Concellos onde non hai Policía Local ¿a quen van mandar, a Protección Civil”, pregunta.

“Vai ser moi difícil erradicar a praga, haberá que aprender a convivir con ela”

Aínda que o decreto de prohibición fixa inicialmente un período de dous anos, outra das preguntas é por canto tempo non se van poder plantar patacas. En Canarias a couza guatemalteca está instalada desde o ano 1999 e na Mariña todo o mundo pensa xa que vai acontecer o mesmo que coa vespa velutina, que tamén afecta á comarca e “veu para quedar”. “É que na Mariña somos moi hospitalarios e acolledores”, bromea un veciño de Barreiros.

Os propios técnicos da Consellería admiten que unha vez que entra unha praga coma esta é moi difícil de erradicar. “En Canarias conviven con ela desde hai case 20 anos e o que lograron foi que a merma na produción, que inicialmente era do 80% sexa hoxe só do 30%”, explica Víctor Arias.

Sexa como for, coma se dunha praga bíblica se tratase, a tecia solanívora vai acabar, a curto prazo cando menos, coa produción de pataca na Mariña. Este ano será a primeira vez en séculos que non haxa cultivo deste tubérculo nas súas parroquias, dos que falan xa o Catastro de Ensenada a mediados do século XVIII e o Dicionario de Pascual Madoz no XIX. Un verme orixinario de América acabará cunha planta da mesma procedencia, pero chegada séculos antes.

 

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información