Pastoreo en vacún de leite, unha posibilidade para reducir custos

A explotación de José Manuel Hermida e María José Lamas, en Santiso (Lalín), leva 15 anos sacando as vacas ás pradarías, un sistema co que trata de conter os gastos en alimentación. Acada producións de 9.400 litros por vaca cun consumo diario de 8 quilos de concentrado por animal

Pastoreo en vacún de leite, unha posibilidade para reducir custos

José Manuel Hermida, no centro, durante a visita organizada pola Sociedade Galega de Pastos e Forraxes a súa granxa.

En tempos de prezos baixos do leite, os pastos convírtense nun recurso que, ben manexado, pode axudar a reducir os custos de produción. Sacar ás vacas ás pradarías, con todo, non é un sistema que poidan empregar a maioría das ganderías, pois precísanse parcelas de dimensión suficiente e que estean na proximidade das cortes.

En Santiso (Lalín), a explotación que levan José Manuel Hermida e a súa muller, María José Lamas, leva uns 15 anos facendo pastoreo, desde que se rematou a concentración parcelaria da parroquia. Visitámola no marco das xornadas que organizou recentemente no Deza a Sociedade Galega de Pastos e Forraxes.

A gandería de María José e José Manuel conta actualmente con 40 vacas adultas e con 28 animais de recría. Para a produción de pastos e forraxes propios, a explotación dispón de 15 hectáreas. A metade está todo o ano a herba e a outra metade da superficie seméntase a millo na primavera e, unha vez recollido o millo, plántase de novo con raigrás híbrido, de xeito que os animais poden volver a pacer alí a partir de decembro.

Plantación de xirasol na explotación.

Plantación de xirasol na explotación.

Tamén tiveron experiencias co xirasol, un cultivo que está a impulsar na zona a cooperativa Cobideza, da que forma parte a explotación e coa que traballa a sementeira e ensilados das forraxes. “O xirasol ten a vantaxe de que podes sementalo na segunda quincena de xuño, o que permite facer un segundo corte para silo de herba”, valoran na granxa.

Tamaño e proximidade das parcelas
Dadas as limitacións de superficie na zona, a gandería opta por sacar ós pastos só as vacas en lactación, unha estratexia coa que trata de que o pastoreo repercuta de xeito directo no custo de produción do litro de leite. “A superficie dispoñible na nosa zona é escasa. A vantaxe que temos é que todas as terras están concentradas en sete parcelas e ademais están próximas á corte. Temos unha parcela xusto ó lado e a máis afastada está a un quilómetro”, detalla José Manuel Hermida.

“Cando hai máis herba e de calidade, modificamos a fórmula do concentrado para reducir proteína”

O uso do pastoreo prolóngase case todo o ano, a excepción de xullo e agosto, cando a calidade da herba baixa e os animais permanecen máis tempo estabulados. Entre setembro e xuño, a rutina habitual da explotación consiste en levar os animais ás pradarías a partir das 11 horas, unha vez que rematou o muxido e que as vacas consumiron a ración matinal de concentrado e de silo de millo. Sobre as sete da tarde volven á corte.

Ración
A dispoñibilidade dos pastos permite reducir a ración que se lle suministra ás vacas. En concentrado, a explotación móvese nos 8 quilos por animal ó longo de todo o ano. “Cando hai maior dispoñibilidade de herba e de máis calidade, como na primavera, modificamos a fórmula do concentrado para reducirlle a proteína, pero seguimos suministrando a mesma cantidade”, sinala José Manuel.

En silo de millo, a ración diaria ronda normalmente os 20 quilos, se ben a mala colleita do 2015 obrigou a reducir o suministro este ano ata os 15-16 quilos. A ración da mañá complétase con herba seca e á noite, logo do muxido de última hora da tarde, os animais teñen silo de herba a libre disposición no comedeiro. A granxa colleita cada campaña arredor de 16 hectáreas de herba para silo, 12 no primeiro corte e unhas 4-5 no segundo.

Vacas nos pastos.

Vacas nos pastos.

Produción
Con este sistema, as vacas están a producir unha media de 32 litros por día, para unha lactación media de arredor de 9.400 litros. Os ciclos de bos pastos, na primavera e en setembro-outubro, nótanse no muxido, con picos de 33-34 litros de media eses meses.

Os parámetros de graxa e proteína sitúanse normalmente no 3,70 e no 3,20, respectivamente. “Este último ano baixamos algo en graxa debido a que usamos un silo de millo e xirasol. O xirasol enseguida se nota na produción. As vacas poden producir 1 litro ou 1,5 litros máis, pero tamén baixa a graxa”.

A lonxevidade das vacas en pastoreo chega ós 5,8 partos e o intervalo entre partos redúcese a menos de 400 días

José Manuel amósase satisfeito cos números de produción do seu rabaño e valora o pastoreo como positivo á hora de reducir o uso de concentrado. Tamén destaca as vantaxes deste manexo en canto a celos e inseminacións, pois o intervalo entre partos sitúase por baixo dos 400 días. Outro dos apartados que mellora é a lonxevidade dos animais, xa que as vacas chegan os 5,8 partos de media.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información