O pasto Siambasa (Panicum maximun cv Mombasa) comeza a abrirse camiño como unha alternativa a ter en conta na produción de forraxes en gandarías de Galicia e da cornixa cantábrica, aínda que é aínda unha gran descoñecida para moitos produtores. Cooperativas como Delagro afrontan xa a súa terceira campaña traballando con esta gramínea e destacan as súas boas producións, fácil manexo e adaptabilidade do cultivo. “Estivemos facendo probas con outros cultivos, pero os mellores resultados lográmolos co pasto Siambasa”, apunta Gustavo Espinosa, director comercial de Delagro durante unha xornada online centrada neste pasto celebrada recentemente e que contou tamén co asesoramento de persoal de EsSeeds, firma integrada por produtores e especializada na comercialización de sementes de cultivos cos que lograr un aforro nos custos de produción.
Non son as únicas vantaxes que ofrece esta versátil forraxe con boas propiedades, tanto para o seu cultivo destinado ao pastoreo ou á obtención de silo ou herba seca, que é xa popular en zonas de Andalucía, Castela ou Cataluña. Ademais de lograr producións de entre 26 e 28 toneladas por hectárea de materia seca en parcelas con regadío, é unha planta moi rústica e de fácil manexo.
É habitual conseguir producións de entre 26 e 28 toneladas por hectárea. É unha planta rústica, de fácil manexo e que permite un cultivo sustentable
Outro dos seus principais atractivos é que, polo momento, no seu cultivo en España non se detectaron pragas que lle afecten. Iso convértea nunha forraxe moi sustentable ao reducirse ao mínimo o uso de fitosanitarios e exponse como unha alternativa para cumprir as esixencias marcadas desde Europa encamiñadas a unha produción cada vez máis respectuosa co medio ambiente. Tamén se perfila como unha opción para as producións en ecolóxico.
Características principais
A Siambasa é unha planta ideal para a produción de forraxe pola súa elevada relación de talo-folla, é dicir, a cantidade de folla é case o 90% desta gramínea. O seu crecemento pode alcanzar os 1,8 metros de altura, en función das condicións meteorolóxicas e o manexo que se realice.
Trátase dunha variedade cunha alta tolerancia á seca, aínda que en zonas do sur de España para o seu cultivo é necesario contar con sistemas de rega, por iso preséntase tamén como unha alternativa viable para o seu cultivo en Galicia aínda que sexa en secaño. “Nun campo de Albacete no verán, unha avaría no sistema de rega deixou a herba 32 días sen auga, xa dabamos a colleita por perdida, pero ao regala de novo recuperouse”, explica Jesús Rabarillo Rueda, agricultor e técnico de EsSeeds especialista neste cultivo.
Resiste a seca, non se tomba nin encama. Ten un rápido crecemento e rebrote que axuda a eliminar a presenza doutras herbas na parcela
A experiencia en rexións como Cádiz, sometida a fortes ventos, demostrou que tamén é un cultivo que soporta moi ben estas condicións meteorolóxicas. “Fai un efecto látigo e non se tomba nin se encama?” detalla Rabarillo.
Desde EsSeeds apuntan que é un cultivo moi polivalente, xa que permite diferentes aproveitamentos, posto que é unha variedade cun rápido crecemento e rebrote. “Ofrece unha maior marxe de manobra á hora da súa sega, xa que non se pasa”, valora. Tampouco contén microtoxinas, o que permita un pastoreo ou corte máis temperán, xa desde os 40 centímetros.
Ademais, o ancho de folla da Siambasa proporciona unha gran sanidade á parcela non só en canto a pragas senón de herbas non desexadas. “Ao ser unha planta con tanta capacidade forraxeira evita que agromen outras malezas existentes na parcela”, apunta o técnico. Ao mesmo tempo, ao ser un cultivo que cobre moito o chan tamén axuda a manter a humidade no chan.
Valores nutricionais
O seu alto aporte nutricional fai que sexa unha alternativa de forraxe moi atractiva tanto para producións de leite como de carne. “A Siambasa está a medio camiño entre o millo e a alfalfa e con boa dixestibilidade”, valora Rabarillo. Lógrase un aporte de proteína de entre o 14 e o 16%. En canto á enerxía, esta variedade proporciona un 0,87 UFL por quilo.
“É unha forraxe moi completa e a sinerxía que ofrece dos nutrientes permite un maior aproveitamento polo animal”, indican desde EsSeeds. Ademais, é moi palatable e dixerible cunha taxa de dixestibilidade do 83%. “A vaca asimila tódolos nutrientes que adquire a través da forraxe”, apuntan. A experiencia en granxas que introduciron a Siambasa na ración en lugar de alfalfa amosa que non houbo baixadas na produción.
Recomendacións no cultivo
Á hora de sementar a Siambasa, desde EsSeeds recomendan ter unha terra branda e ben traballada, solta e libre de maleza, dado que esta planta ten unha semente pequena, unhas 680.000 sementes por quilo, e a existencia de torróns pode dificultar a súa xerminación. Dado o tamaño da semente tamén é preciso axustar a sememtadeira e por este motivo tamén é aconsellable que a semente quede superficial, soterrada menos de 1 centímetro, para acelerar o proceso. Utilizar un rulo compactador mellora a calidade da sementeira. Dado o reducido tamaño da semente apenas se precisan uns 10 quilos por hectárea.
Recomendan sementala cando as temperaturas mínimas superan os 8 ou 10 graos. En Galicia aconsellan esperar até maio para plantala
Por outra banda, en función do manexo que se faga da parcela, tamén se pode recorrer a sementeira directa. En España, a Siambasa é un cultivo anual, xa que a comezos de outono coa chegada do frío é habitual que haxa unha parada vexetativa da planta. Hai produtores que optan por combinala con produción de veza ou cereal, de modo que no momento de sementeira resúltalles mellor opción sementala directamente no canto de labrar a terra.
Para xerminar, esta variedade de gramínea precisa determinadas condicións de luminosidade e que a temperatura non sexa inferior a 8 graos centígrados. “Unha sementeira temperá non significa que adiantemos o proceso. O cultivo da Siambasa ten os seus tempos”, comenta o técnico. En base á experiencia sobre o terreo, desde Delagro recomenda que a sementeira en Galicia se faga a partir de mediados de abril ou comezos de maio. “En zonas de costa temos visto que pode adiantarse sementeira, pero é aconsellable esperar até o 10 de maio”, comenta Antonio Fernández, técnico de Delagro.
En canto ao abonado, desde Delagro aconsellan un plan axustado ás necesidades da parcela e en base a analíticas previas. “Ao tratarse dunha planta con moita biomasa é preciso ter en canta as extraccións, o contido do solo e os aportes que tivo nos dous últimos anos”, explica Gustavo Espinosa. O abonado debe ser en base a nitróxeno en coberteira aplicando uns 150 quilos e optar por NPK e micronutrientes para o abonado de fondo, cuns 250 quilos.
Aos 15 días de sementala, é o momento de avaliar se é preciso realizar algún tratamento fitosanitario puntual pola presenza doutras herbas que poidan competir coa Siambasa. En Galicia, para atallar a aparición de herbas de folla ancha a aplicación de produtos como MCPA con 2,4D a última hora da xornada ou ao despuntar o día está a ofrecer moi bos resultados. Á hora de tratar a aparición de plantas de folla de punta recomendan realizar cortes de limpeza para aproveitar o rebrote da Siambasa, dado o desembolso económico que supón optar por herbicidas selectivos.
É fundamental que a herba se segue a unha altura de 10 centímetros para favorecer o rebrote da planta
A sega é a etapa máis importante neste cultivo. O corte da planta debe facerse a unha altura mínima de 10 centímetros desde o chan para conseguir un rebrote óptimo. “Deixar eses 10 centímetros ao segar ou pastorear permite que a planta sufra menos estrés e o rebrote sexa máis rápido. Ademais, desta forma conséguese unha maior calidade forraxeira, posto que entre o 80 e 90% da forraxe será folla”, concreta o técnico. Naquelas parcelas de Siambasa dedicadas ao pastoreo, é imprescindible controlar a carga gandeira da parcela para manter esa altura mínima.
En zonas de regadío poden chegarse a conseguir até 5 cortes de herba. En Galicia, recomendan realizar un primeiro corte de limpeza, cando a herba se sitúa entre os 40 e 50 centímetros e desta maneira conseguir obter outros dous cortes con moi boas producións. A planta precisa de entre 25 e 30 días entre corte e corte para alcanzar unha altura de 1 metro, aínda que estes prazos tamén se poden acurtar en función da fertilización da parcela.