A celulosa de fibra curta (BHKP) segue sendo a referencia principal para interpretar o prezo do eucalipto, aínda que o traslado ao monte non é automático. Inflúen os descontos reais na venda da pasta que aplican as fábricas, os custos industriais, a loxística, a dispoñibilidade de madeira, a certificación e as condicións concretas de cada finca.
En Galicia, ademais, está pesando a día de hoxe a situación concreta de Ence, que atravesa unha situación económica complicada logo das fortes perdas sufridas en 2025.
Outro factor que retrae os prezos pagados pola madeira en pé no monte nestes momentos é a suba dos custos de aproveitamento. “Co encarecemento do gasóleo pasamos de 18 a 22 euros a tonelada. Ata que remate a guerra e o combustible se estabilice, o prezo no monte non vai subir. Esa carestía quen a paga sempre é o propietario”, quéixanse nunha asociación de propietarios da Mariña lucense.
Se non fose pola suba do gasóleo, deberiamos ter 2 ou 3 euros máis por tonelada de prezo no monte
As procesadoras e autocargadores utilizan gasóleo agrícola, que chegou a estar a 1,5 euros, mentres os camións se abastecen de gasóleo B de uso profesional, que tamén se encareceu notablemente como consecuencia da guerra en Oriente Próximo.
“O prezo da pasta de papel está indo cara arriba. Cos prezos do combustible que tiñamos antes, teriamos que ter 2 ou 3 euros máis no prezo da madeira no monte. Se a guerra remata e o gasóleo baixa, o eucalipto debería remontar, porque os índices no norte de Europa están subindo”, argumentan nunha asociación de propietarios forestais do norte galego.
Repunte na cotización da celulosa en Europa
O índice de prezos da escandinava Norexeco), que trata de medir os prezos reais de mercado (tras desconto), ronda os 655 dólares/tonelada, remontando desde os 550 dólares de xaneiro. [Norexeco fixo un cambio en xaneiro para achegar o seu índice á realidade do mercado, deixando de buscar referencia nos prezos PIX].
A cotización da pasta de papel recuperou até maio 100 dólares/tonelada en prezos netos
En canto ás previsións para os vindeiros meses, no que resta de 2026 non parece probable un desplome no prezo da celulosa, pero a máis longo prazo reina a prudencia, aínda que algúns analistas prevén para 2027 un escenario moderadamente favorable.
Europa segue dando soporte ao mercado, pero China arrefría a lectura alcista para os vindeiros meses
O escenario internacional segue a ser dispar. En Europa, o sinal continúa sendo positivo, mentres que a brasileira Suzano, principal produtor mundial de celulosa, confirmou en maio unha suba de 50 dólares/tonelada na pasta de fibra curta vendida a Europa e Norteamérica, deixando a referencia europea en 1.430 $/t (prezo bruto). Porén, China envía sinais de debilidade ao mercado, cunha caída da cotización mensual da pulpa kraft do 4,1% e unha baixada interanual do 9,7%.
O eucalipto gaña protagonismo na industria da pasta de papel
Existen dúas grandes familias de pasta de celulosa: BHKP (Bleached Hardwood Kraft Pulp ou celulosa de fibra curta), tipicamente asociada ás frondosas, na práctica ao eucalipto e tamén ao bidueiro en Escandinavia, e que é clave para tisú, papeis de impresión/escritura e múltiples mesturas; e NBSK (Northern Bleached Softwood Kraft ou celulosa de fibra longa), asociada ás coníferas, e moi demandada para achegar resistencia en cartón para embalaxe, papeis técnicos.
En Europa, a fibra curta de eucalipto está mostrando fortaleza, apoiada pola substitución de fibra longa por fibra curta. “A evolución do sector confirma unha tendencia estrutural favorable para a fibra curta de eucalipto, que continúa gañando peso fronte a fibra longa tradicional. Este proceso de substitución responde a tendencia estrutural observada nos anos anteriores, coa caída dos papeis gráficos e o crecemento dos embalaxes sostibles e do cartón impulsado polo comercio electrónico e, nese contexto, unha maior competitividade da fibra curta, as melloras tecnolóxicas e a crecente demanda de produtos renovables e biodegradables”, indica o informe sobre a cadea forestal-madeira de Galicia en 2025 elaborado pola Escola de Enxeñaría Forestal da Universidade de Vigo para a Xunta
A crecente substitución da fibra longa pola fibra curta na fabricación de celulosa sitúa ao sector do eucalipto galego nunha boa posición de cara ao futuro
O mercado mundial da pasta e papel en 2025 estivo condicionado por un contexto internacional marcado pola incerteza económica, as tensións comerciais globais e a volatilidade nos prezos da celulosa. A pesar deste escenario, a demanda mundial mantívose sólida, especialmente nos segmentos vinculados aos produtos hixiénicos, embalaxes sostibles e materiais renovables. A demanda global de celulosa de fibra curta medrou un 3,6% no ano pasado, impulsada polo mercado chinés, que rexistrou un incremento do 8,4%.
O avance das celulosas especiais e de maior valor engadido, especialmente as destinadas a industria hixiénica e aos embalaxes sostibles, está a ser unha tendencia destacada no mercado
En materia de prezos, o ano 2025 caracterizouse por unha forte volatilidade. O prezo europeo da pasta BHKP alcanzou máximos en abril, pero posteriormente sufriu unha importante corrección debido ás tensións comerciais e a incerteza internacional. “A pesar desta caída dos prezos, os fundamentos do mercado seguen sendo positivos”, razoa o informe da Universidade de Vigo.
Os principais produtores internacionais aplicaron subas a finais de 2025 e principios de 2026, impulsadas pola redución de capacidade industrial non competitiva e polas limitacións de subministración forestal en países produtores como Indonesia, moi afectado polos tifóns en decembro.
Vendas con desconto por parte de Ence
Con todo, unha cousa é a cotización da pasta de papel nos mercados internacionais e outra o prezo real de venda que logran as fábricas, obrigadas en ocasións, se a demanda non é elevada, a vender con desconto para poder colocar o seu produto no mercado.
Por exemplo, aínda que o prezo medio da pasta de papel BHKP en Europa en 2025 foi de 966 €/tonelada, o prezo medio de venda da celulosa producida por Ence nas súas fábricas de Galicia e Asturias foi de 503 €/tonelada, un 48% inferior ao prezo de cotización e un 22% inferior ao prezo medio acadado no ano 2024.
As toneladas de celulosa vendidas por Ence en 2025 foron semellantes ás de 2024 pero a marxe por tonelada reduciuse drasticamente
Segundo as contas presentadas pola compañía, que se viu obrigada a levar a cabo o ano pasado un ERE que afectou a 136 traballadores das plantas de Navia e Pontevedra, a produción total de celulosa en 2025 foi de 948.583 toneladas (556.148 toneladas en Navia e 392.435 toneladas en Pontevedra), un 4,9% menos que en 2024, aínda que as vendas foron semellantes, pero a marxe da empresa caeu en picado (20,5 €/tonelada en 2025 fronte aos 154,2 euros do ano anterior).
O prezo internacional da celulosa non se traslada automaticamente ao prezo da madeira en pé, senón que existen condicionantes locais
Por iso, aínda que o mercado da pasta de papel é global, non sempre os seus efectos chegan ao monte galego. O prezo internacional da celulosa non se traslada automaticamente ao prezo da madeira en pé nin ao que reciben as empresas forestais pola tonelada posta en fábrica.
Normalmente unha escalada alcista da cotización da pasta de papel acaba influíndo, con certo retraso, no prezo que recibe o propietario forestal. Aínda así, non é o único factor a ter en conta. Inflúen tamén a dispoñibilidade local de madeira, os custos de corta e transporte, a necesidade de subministración das fábricas e, no caso galego, tamén a competencia portuguesa que exercen compañías como Altri ou Navigator, que nos últimos anos están a incrementar as súas compras e a súa presenza en Galicia.
Galego









Control OJD